HISTORIAS DE GALICIA está feita como unha serie de carácter xornalístico, e nela intentarase responder ás preguntas que se teñen presente na análise de calquera realidade: que aconteceu, quen foron os protagonistas dos feitos, cando sucederon, onde, como e por que. A serie terá unha guía para darlle continuidade e axilidade á narración, dotándoa dun ton próximo e divulgativo A estrea, este domingo, na Galega
HISTORIAS DE GALICIA, AS CLAVES DO PASADO PARA ENTENDER O PRESENTE
Nova serie documental de carácter xornalístico
Esta tarde presentouse HISTORIAS DE GALICIA no Club Internacional de Prensa, nun acto ao que acudiu a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o director da Televisión de Galicia, Suso Iglesias. HISTORIAS DE GALICIA estréase este domingo, en horario de prime time.
Quen podería renunciar a entenderse a si mesmo e a escribir a súa historia? O director da nova serie documental HISTORIAS DE GALICIA, Xosé Manuel Vega, entendeu que si é posible e puxo en marcha esta produción que estrea a TVG, dirixida a todos os públicos, que ten por obxecto divulgar os feitos que configuraron ao longo dos séculos a realidade material, económica, política, social e cultura do país. Fíxose unha selección daquelas constantes que sempre determinan e expresan a historia de calquera pobo, di Vega.
HISTORIAS DE GALICIA está feita como unha serie de carácter xornalístico, e nela intentarase responder ás preguntas que se teñen presente na análise de calquera realidade: que aconteceu, quen foron os protagonistas dos feitos, cando sucederon, onde, como e por que. A serie terá unha guía para darlle continuidade e axilidade á narración, dotándoa dun ton próximo e divulgativo.
Todos os temas tocados na serie documental son realidades que lles seguen a afectar aos intereses xerais do país e á vida dos galegos, polo que interesa coñecer o pasado usando un método expositivo que permita relacionar os feitos pretéritos coa actualidade. Así, en cada unha das historias de Galicia van estar presentes os actores e os factores que en cada momento condicionaron e determinaron o devir histórico: o papel que tiveron os recursos naturais, que significou a localización xeográfica, o sistema de relacións e estruturas sociais e as formas culturais.
En cada capítulo pártese dun escenario da Galicia actual, e durante 30 minutos cóntase cal foi a evolución dun fenómeno, desde as sociedades castrexa e romana, ata hoxe, deténdose en tres momentos históricos nos que se experimentou un cambio cualitativo na evolución dese fenómeno. Os asentamentos no territorio, a lingua, a casa e a propiedade, a agricultura, a pesca, o poder político, o poder relixioso, as crenzas, as guerras, as vías de comunicación, o papel histórico da muller, a emigración e a conciencia de país, son os temas dos trece primeiros capítulos da serie.
Ficha Técnica:
Dirección: Xosé M. Vega
Presentación: Xosé Barato
Guionistas: Rosa G. Bello, Xosé A. Domelo, Xosé M. Vega
Edición de Guións: Carlos Portela
Música: Manuel Conde
Realización: Ricardo X. Llovo
Produción: Eva Gómez
Iluminación: Alberto Goitia
Cámara: Quico Martínez
Dirección Artística: Anxo Amaro
Deseño Gráfico: Dpto. Grafismo TVG
Asesoría Lingüística: Ramón Novo, Luz Méndez
Asesores Históricos:
Francisco Calo Lourido
Henrique Monteagudo Romero
Lourenzo Fernández Prieto
Francisco Carballo
Justo G. Beramendi
Anselmo López Carreira
Miguel A. Núñez Seixas
Xoán Carmona Badí
María Xosé Galdo
Marcial Gondar Portasany