NOVAS DO SECTOR: PIONEIROS DO CINEMA PROXECTARÁ A VINDEIRA SEMANA EN COMPOSTELA OS TRES FILMES MÁIS ANTIGOS QUE SE CONSERVAN SOBRE GALICIA

19 / 01 / 2007

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro mércores, día 24, a xornada Pioneiros do cinema, na que se proxectarán os tres filmes máis antigos que se conservan sobre Galicia. O director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias, presentou hoxe esta iniciativa, destinada a poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio cinematográfico recuperado da comunidade autónoma, en especial a dos precursores desta arte en Galicia. Ademais, a sesión cinematográfica estará amenizada coa música en directo do Abe Rábade Trio.
PIONEIROS DO CINEMA PROXECTARÁ A VINDEIRA SEMANA EN COMPOSTELA OS TRES FILMES MÁIS ANTIGOS QUE SE CONSERVAN SOBRE GALICIA

 As tres películas están custodiadas no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e foron realizadas na década dos anos 10
 Botadura del Acorazado Alfonso XIII (1913) e O Ano Santo em Compostela (1915) son documentais de produción foránea
 Miss Ledya (1916), do galego José Gil, é o primeira película de ficción que se conserva rodada en Galicia
 O Teatro Principal compostelán acollerá o mércores, día 24, a exhibición dos tres filmes nun acto amenizado pola música en directo do Abe Rábade Trío

Santiago, 19 de xaneiro de 2007.- O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro mércores, día 24, a xornada Pioneiros do cinema, na que se proxectarán os tres filmes máis antigos que se conservan sobre Galicia. O director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias, presentou hoxe esta iniciativa, destinada a poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio cinematográfico recuperado da comunidade autónoma, en especial a dos precursores desta arte en Galicia. Ademais, a sesión cinematográfica estará amenizada coa música en directo do Abe Rábade Trio.

Na xornada Pioneiros do cinema proxectaranse os filmes Botadura del Acorazado Alfonso XIII (1913), Miss Ledya (1916) e O Ano Santo em Compostela (1915), os tres custodiados actualmente no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como os máis antigos filmes rodados en Galicia que se conservan. Cabe lembrar que as que foron con toda seguridade as primeiras películas galegas, e pode que tamén as primeiras españolas, as que filmara José Selier na Coruña entre maio e xuño de 1987, non se conservan, ao igual que moitas outras dos anos seguintes.

Este feito traslada ás tres películas que protagonizarán a sesión Pioneiros do cinema o título de seren as máis antigas conservadas sobre Galicia. Tanto Botadura del Acorazado Alfonso XIII como O Ano Santo em Compostela son películas de factura documental e de produción foránea. Mentres, Miss Ledya é da autoría de José Gil, e polo tanto de produción galega, e de carácter argumental, unha circunstancia que reforma a súa singularidade e relevancia. Xa na década dos vinte, a cinematografía galega deixou abondosas mostras nos distintos xéneros: curtas e longametraxes, ficcións e documentais.

Botadura del Acorazado Alfonso XIII (1913)
As primeiras imaxes en movemento conservadas sobre Galicia corresponden a un noticiario que recolle a chegada a Ferrol da comitiva real para asistir á botadura dun acorazado. A película foi recuperada por Guillermo Escrigas e depositada no Centro Galego de Artes da Imaxe no ano 1997. Chama a atención que estas imaxes lembran poderosamente polo encadramento utilizado a aqueloutras míticas recollidas polos irmáns Lumière en La Ciotat. Trátase dunha produción de Ibérico Films, de Barcelona, conformada por 75 metros de metraxe en branco e negro.

O Ano Santo em Compostela (1915)
A máis recente recuperación do Centro Galego de Artes da Imaxe é este documental de produción portuguesa sobre o Ano Santo de 1915, que recolle distintas procesións e peregrinacións e as primeiras imaxes cinematográficas que se conservan de Santiago de Compostela. Producida por Invicta Film (Porto) e composta por 342 metros de metraxe en branco e negro que foron restauradas en colaboración coa Cinemateca Portuguesa a partir dos materiais incompletos conservados no seu arquivo.

Miss Ledya (1916)
Producida e realizada por José Gil (Vigo), esta é a primeira película de ficción que se conserva rodada en Galicia. Miss Ledya ou Miss Ledyia, segundo os rótulos, que realizou o pioneiro creador galego sobre un argumento de Rafael López de Haro, conta entre os seus intérpretes, aínda que nun papel anecdótico, con Alfonso R. Castelao. A restauración deste filme foi levada a cabo conxuntamente pola Filmoteca Española e o Centro Galego de Artes da Imaxe a partir dos materiais recuperados polo Museo Provincial de Pontevedra.

Abe Rábade Trío
A sesión de Pioneiros do Cinema estará amenizada pola música en directo da formación de jazz Abe Rábade Trio, formada polo artista compostelán, ao piano, por Bruno Pedroso, batería, e por Nelson Cascais, contrabaixo. Pianista, compositor e docente, Abe Rábade é un dos músicos galegos máis recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras e lidera este trío desde 1996, ademais de contar con catro discos no mercado.

Xunto coas vocalistas Guadi Galego e Uxía Pedreira forma a banda Nordestin@s en 2005, baseada nunha actualización da música popular de Galicia. É membro do Jesús Santandreu Quartet, do Raynald Colom Quartet, do Quinteto Jazz Experience e co director da Orquestra de Jazz de Galicia, para a que escribe música orixinal.

Categoría: Novas
Etiquetas: