NOVAS DO SECTOR: MONOGRÁFICO DE INGLÉS AUDIOVISUAL ORGANIZADO POLO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA E A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

11 / 01 / 2007

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria abren a convocatoria para o Monográfico de Inglés Audiovisual, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 20 de marzo. Trátase dun curso dirixido aos profesionais do sector audiovisual, así como tamén a estudantes de ciencias da comunicación, xornalismo, relacións públicas e publicidade, etc., que teñan coñecementos de inglés en nivel intermedio de conversación e queiran incorporar a terminoloxía artística e técnica do audiovisual ao seu vocabulario, para acudir a castings, pitchings, etc., realizados noutros países, onde a lingua preferente é a inglesa.
O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organizan un monográfico de inglés audiovisual

O curso, que se celebrará na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, comeza o vindeiro 30 de xaneiro

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria abren a convocatoria para o Monográfico de Inglés Audiovisual, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 20 de marzo. Trátase dun curso dirixido aos profesionais do sector audiovisual, así como tamén a estudantes de ciencias da comunicación, xornalismo, relacións públicas e publicidade, etc., que teñan coñecementos de inglés en nivel intermedio de conversación e queiran incorporar a terminoloxía artística e técnica do audiovisual ao seu vocabulario, para acudir a castings, pitchings, etc., realizados noutros países, onde a lingua preferente é a inglesa.

O curso, de 30 horas lectivas, será integramente impartido en lingua inglesa por profesorado da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. A partires de lecturas e visionados recomendados estudaranse os aspectos prácticos do uso da lingua inglesa nas vidas profesionais dos técnicos, actores, directores, produtores e axentes de vendas de contidos audiovisuais. O curso celebrarase os martes e mércores en horario de 20:00 a 22:00 horas na EOI de Santiago.

Para a inscrición neste curso haberá que cubrir a solicitude de preinscrición que se pode descargar das páxinas web do Consorcio Audiovisual de Galicia (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org) e da Escola Oficial de Idiomas (www.eoisantiago.org). Pódese presentar este documento na secretaría da Escola Oficial de Idiomas de 9:30 a 13:30 h de luns a venres, ademais dos martes e xoves en horario de tarde, de 16:30 a 18:30 h. A data límite para as inscricións é o 18 de xaneiro.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición, convocarase telefonicamente ás persoas inscritas para a realización dunha entrevista persoal en lingua inglesa, en base á que o profesorado da EOI de Santiago seleccionará ao alumnado. Rematado o proceso de selección comunicarase o resultado ao alumnado, para que os interesados formalicen a matrícula na secretaría da EOI previo pagamento das taxas. O Consorcio sufragará o 50 % do custo das taxas de matrícula do alumnado que curse o monográfico.

Coa realización deste curso séguese a traballar no plan de formación para o ano 2007, como exitosa continuación do desenvolvido no ano 2006. No marco deste plan están previstos distintos cursos de voz, dobraxe, edición de audio e obradoiros de corte innovador que se convocarán nos próximos meses.

Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia (Rúa do Hórreo 61, 1º -Santiago de Compostela) ou chamando ao teléfono 981 545 063.

Categoría: Novas
Etiquetas: