O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA INFORMA: II ENCONTRO INTERNACIONAL SOBRE EDUCACIÓN AUDIOVISUAL ENREDADOS NAS PANTALLAS

2 / 11 / 2006

Co lema Enredados nas pantallas, convócase o II Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual que terá lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, os días 4, 5 e 6 de decembro.
II ENCONTRO INTERNACIONAL SOBRE EDUCACIÓN AUDIOVISUAL ENREDADOS NAS PANTALLAS

Co lema Enredados nas pantallas, convócase o II Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual que terá lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, os días 4, 5 e 6 de decembro.

Organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Comunicación, o Seminario Galego de Educación para a Paz, Pé de Imaxe e a Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración das Universidades de Vigo e da Coruña, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da CRTVG, este II Encontro pretende constituírse nun foro de reflexión, análise, intercambio de experiencias e diálogo entre os distintos sectores involucrados na necesaria e urxente alfabetización audiovisual da nosa sociedade en xeral, e do alumnado en particular.

Como no Encontro anterior, tamén este desenvolverase segundo unha triple estrutura: unha primeira, integrada por un Seminario de Expertos que reflexionarán sobre as medidas a adoptar para a mellor integración da Educación Audiovisual no currículum escolar e que, con ese obxecto, valorarán en especial as competencias que este currículum deberá promover; unha segunda, formada por relatorios que, ademais de continuar o labor xa iniciado o pasado ano de revisar as experiencias internacionais (neste caso, contarase coa intervención de Mark Reid, xefe de educación do British Film Institute, de Robyn Quin, Decano da Facultade de Educación e Artes da Universidade australiana Edith Cowan e de Vítor Reia-Baptista, profesor da Universidade portuguesa do Algarve) e a situación nos ámbitos autonómicos, ocuparase especialmente da problemática asociada coa multiplicación de pantallas xerada polo espallamento das novas tecnoloxías, unha proliferación que semella converterse nun confuso e enredante enguedello no que os cidadáns, e en especial as novas xeracións, viven atrapados; e finalmente, unha terceira é conformada polos obradoiros e experiencias prácticas, espazos orientados á aprendizaxe de metodoloxías de traballo aplicables nas aulas.

Os relatorios adoptarán este ano, ademais da fórmula habitual das táboas redondas, un modelo de dobre panel en que dous relatores ofrecerán puntos de vista diverxentes sobre determinados temas. Así, Robert Ferguson (do Instituto de Educación da Universidade de Londres) e Lorenzo Vilches (da Universidade Autónoma de Barcelona) debaterán sobre Pantallas múltiples e novas formas de alfabetización, e Joan Ferrés

(Universidade Pompeu Fabra de Barcelona) dialogará con Miguel Vázquez Freire (Pé de Imaxe) sobre Racionalidade e emocións na comunicación audiovisual. Lynn Gama Alves (Universidade de Bahía, Brasil), experta na temática dos videoxogos, analizará a influencia deste medio sobre os adolescentes, mentres que unha táboa redonda se ocupará de debater arredor dos novos modos de comunicación, como sitios web, blogs ou o software libre. Finalmente, o ex reitor da Universidade de Santiago, Darío Villanueva pechará o Encontro cunha conferencia sobre os cambios na transmisión de cultura e os cambios culturais producidos no salto que vai desde a chamada Galaxia Gutenberg ata a novísima Galaxia McLuhan.

Os destinatarios preferentes desta actividade son, entre outros, profesorado, equipos directivos dos centros escolares, servizos de orientación, monitores de tempo libre, animadores socioculturais, técnicos autonómicos e municipais de educación e cultura, alumnado das facultades de educación e ciencias sociais e da comunicación, profesionais dos medios e da industria audiovisual, autoridades educativas e institucionais, representantes da sociedade civil e interesados en xeral.

A matrícula é gratuíta e por orde de inscrición. O prazo ábrese hoxe e pecharase o 28 de novembro. Os interesados poderán obter máis información na páxina web do Consorcio Audiovisual de Galicia:
www.consorcioaudiovisualdegalicia.org

Categoría: Novas
Etiquetas: