A estupefacción na que quedei sumida non se debeu á aparición de citacións da miña carta dirixida ós socios da Academia nun xornal. Tratábase dunha carta aberta e o seu contido polo tanto pode aparecer en calquera medio de comunicación (aínda que agradecería a cortesía de ser avisada). A estupefacción miña naceu da terxiversación, a descontextualización dos contidos aparecidos e a utilización tendenciosa destes para desprestixiar ó profesional incuestionable que é Manolo González.
RÉPLICA DE MARÍA BOUZAS Ó XORNAL GALICIA HOXE: POLO CINE DO PAÍS, POLO PÚBLICO E POLOS LECTORES
Foi unha sorpresa atopar a miña imaxe na portada do diario Galicia Hoxe o día 14.01.2006. Máis sorpresa ou estupefacción me produciu o motivo polo que aparecía pois, efectivamente, dirixira o día 28.12.2006 unha carta aberta de catro páxinas á Academia Galega do Audiovisual, da que son socia, en resposta á petición de Manolo González de enviarlle suxestións sobre un borrador-proposta que el previamente remitira á Academia; subliño: un borrador, unha proposta, un punto de partida; por fin unha invitación ó diálogo dende o respecto.
A estupefacción na que quedei sumida non se debeu á aparición de citacións da miña carta dirixida ós socios da Academia nun xornal. Tratábase dunha carta aberta e o seu contido polo tanto pode aparecer en calquera medio de comunicación (aínda que agradecería a cortesía de ser avisada). A estupefacción miña naceu da terxiversación, a descontextualización dos contidos aparecidos e a utilización tendenciosa destes para desprestixiar ó profesional incuestionable que é Manolo González.
Comprendo que non procedese imprimir o contido da miña carta de catro páxinas (ó cabo só unha reflexión persoal), mais ¿por que non se fai ningunha alusión ás miñas felicitacións a Manolo González por convidarnos a opinar? ¿Cando se pediu a opinión do sector desa maneira na historia da nosa política audiovisual? ¿Non reflexa isto un talante pluralista, dialogante, tolerante de quen o propón?
En Galicia Hoxe din vostedes que eu escribín: non comparto que este borrador que (Manolo González) nos fixo chegar a Academia se cualifique de documento interno. O nome de Manolo González entre parénteses é, evidentemente, unha achega da Redacción de Galicia Hoxe. Un pequeno detalle. Eu non escribín que Manolo González cualificase este envío de asunto interno porque non sei quen o cualificou como tal. Se vostedes o saben de certo, dígano sen servirse do meu nome. E no caso de que non fose Manolo González, son vostedes quen lle deben unha desculpa, non eu.
Na última cita que fan vostedes da miña carta, na portada e no encabezamento da noticia na páxina 37 inciden en que eu pido unha análise afastada de intereses particulares. Pois si, iso é o que pido, tamén a vostedes. Pídolles que non me mesturen no intento reiterado de desprestixiar e descualificar a Manolo González (Galicia Hoxe 24.12. 2005 A sombra de Pérez Varela e de Dygra complícalle a Manolo González a conquista do CGAI, Galicia Hoxe 14.01.2006 Manolo González non convence ós Popes do sector audiovisual e xa ten case perdida a batalla polo control do CGAI). ¿Por qué mesturan vostedes neste última noticia extractos da miña reflexión sobre o borrador-proposta de Manolo González, declaracións de Emma Lustres (vocal de AGAPI), co subtitular reincidente Un camiño errático que non leva ó CGAI. Traspés que custan un posible cargo? Ó meu ver, utilizar deste xeito a terceiros só pode dar a impresión de que detrás desta noticia de Galicia Hoxe, sí que existen intereses particulares, e moi importantes.
Non creo que a miña carta sexa como vostedes a cualifican en portada: demoledora. É unha achega sincera e independente; unha crítica construtiva para a proposta dun compañeiro que leva toda a súa vida traballando polo audiovisual deste país, gobernarse quen gobernase; porque os bos profesionais, afortunadamente, non dependen dos poderes interinos e, en cambio, o futuro de Galicia si depende de que haxa moitos bos profesionais como Manolo González.
Creo que podo pedirlles un mínimo de honestidade, polo cine deste país, polo público e polos lectores. A miña carta está directamente dispoñible, para quen queira lela, na páxina central de www.academiagalegadoaudiovisual.gal ou na súa sección de Novas do mes de Xaneiro do 2006.
María Bouzas, actriz