Dende que comezou este ano 16 mulleres foron asasinadas vítimas da violencia machista. A violencia machista, o machismo, deben ser combatidos en todo momento, en cada acto cotián. Non compete só ás administracións solucionalo, xa que eses asasinatos son unha punta de iceberg dunha sociedade inxusta. Todas e todos nós, dende o noso traballo, nas nosas películas, series, programas, documentais, curtametraxes, publicidade temos o deber de deixar de sementar o sexismo que alimenta ese machismo, non debemos alimentar esa besta, temos o deber de non fomentar a desigualdade. O audiovisual galego non pode, nin debe ser alleo ao que acontece na sociedade. E como toda a sociedade, debemos facer un exame de conciencia.
O audiovisual galego quérevos vivas. Nin unha menos!
Excelentísimas autoridades, excelentísimas e excelentísimos compañeiras e compañeiros do audiovisual galego, boa noite.
Dende a Academia Galega do Audiovisual queremos comezar enviando unha aperta moi grande a quen estades a traballar agora mesmo facendo esta gala mentres os demais nos divertimos. Grazas. Pero non só iso: non queremos, nin podemos, nin debemos esquecernos dos compañeiros e compañeiras que non tedes traballo. Tanto a todos e tódalas profesionais que seguides no país coma ás que tivéstedes que marchar na procura dun futuro. Unha aperta fraternal e moitos folgos. E outra aperta grande a tódalas persoas, moi novas, que saen das facultades, das escolas de comunicación e de audiovisuais. A xeración mellor preparada de tódolos tempos, que non atopa oportunidades.
Excelentísimo e amado público, por favor, esíxannos cada día máis. Cada día debemos ser mellores, queremos ser mellores. Mais sen vostedes non somos nada. Din que o noso traballo -facer películas, series, documentais, programas de televisión, novos formatos- é un acto de amor. Un acto de amor ao noso público. Ese amor fainos avanzar e tentar entender mellor aos demais. Por iso pedimos a súa esixencia. Grazas a vostedes somos mellores.
Non vimos queixarnos, sabemos que son moitas as cousas que se deben lexislar e nós unha pequena parte do pobo, pero ese desexo de ser mellores non precisa, para nada, de leis que fagan que xuíces ou policía, con todo o noso respecto cara eles, dictaminen os límites da liberdade de expresión.
Como tampouco precisamos que a cultura soporte un IVE do 21 por cento, comparable a artigos de luxo. A cultura é un producto de primeira necesidade.
E precisamos medidas que permitan escapar da precariedade. Si, entre nós tamén hai moita precariedade.
Os e as profesionais do audiovisual galego sabemos facer o noso traballo, é algo recoñecido mesmo a nivel internacional. Debemos construír un audiovisual coherente e representativo do noso País, onde todas e todos teñamos voz. A unidade no audiovisual galego e o diaálogo constante coas administracións é máis que necesario, é vital, para a busca da calidade nas nosas obras. É o noso deber. Debémosllo a vostedes, e debémosllo porque tamén somos un servizo público. Debemos axudar a formar unha sociedade non só máis entretida, tamén máis consciente, máis culta e máis libre, en definitiva, mellor.
Permítannos que hoxe presumamos de que somos cultura, cultura moi viva. Permítannos que presumamos de que estamos a vivir un gran momento. Debemos presumir do gran talento que se espalla por Galicia, por todo o Estado, por todo o mundo. Permítannos presumir do talento galego. Permítanos presumir dos éxitos tanto nas taquillas coma nos festivais máis esixentes. Permítannos presumir de que somos quen de traballar na primeira liña da industria cinematográfica e televisiva, cun éxito innegable de público. Mais tamén de contribuir á diversidade artística e cultural e ás vangardas internacionais co cinema máis independente, colleitando tamén premios internacionais cunha ollada moi especial e propia, malia que a lei do cine e o contexto xeral desta crise económica non axuden ás producións independentes. Esta é tamén a vosa Academia. Porque esta é a Academia de todos, a vosa casa. Celebramos, e moito, todos os vosos éxitos. Estamos orgullosos de vós.
Nós, as persoas que traballamos no audiovisual galego, non salvamos vidas practicando a medicina, non educamos aos nosos fillos, non fabricamos a roupa que vestimos, non cultivamos a terra, non vendemos os produtos necesarios para vivir, non limpamos as rúas…
Semella que non somos imprescindibles, semella que se podería vivir sen nós. Pero asegúrolles que o mundo sería moito máis aburrido sen nós, moito máis gris, triste, sería un mundo moito peor. Permitan que o diga: somos imprescindibles! O mundo é mellor con nós, máis libre e seguirá a selo mentres o mundo sexa mundo. Pero por favor, esíxannos, esíxannos cada día máis, porque dese xeito seremos quen de esixirnos máis a nós mesmos.
Moitas grazas. Vento nas velas!