A Academia Galega do Audiovisual abríu xa os prazos de votación
Comeza xa o proceso de selección do xurado e de votación entre os socios da Academia Galega do Audiovisual, para elixi-los que serán galardonados nos “Premios Mestre Mateo 03”, que este ano recibe candidaturas de entidades e institucións que ata agora, non tiñan participado. Un total de 40 productoras e arredor de 150 profesionais do sector audiovisual, optan a recolle-la estatuíña que se entregará na “Gala dos Premios Mestre Mateo 03” que se celebrará a finais de maio ou comezos de xuño, anque antes, poderán celebra-lo feito de seren nominados todos eles, na Festa dos Nominados que se celebrará o 14 de maio.
XOVES, 18 marzo 04
Academia Galega do Audiovisual
150 PROFESIONAIS E 40 PRODUCTORAS OPTAN ÓS “PREMIOS MESTRE MATEO 03” ORGANIZADOS POLA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL
A Academia Galega do Audiovisual abríu xa os prazos de votación
Comeza xa o proceso de selección do xurado e de votación entre os socios da Academia Galega do Audiovisual, para elixi-los que serán galardonados nos “Premios Mestre Mateo 03”, que este ano recibe candidaturas de entidades e institucións que ata agora, non tiñan participado. Un total de 40 productoras e arredor de 150 profesionais do sector audiovisual, optan a recolle-la estatuíña que se entregará na “Gala dos Premios Mestre Mateo 03” que se celebrará a finais de maio ou comezos de xuño, anque antes, poderán celebra-lo feito de seren nominados todos eles, na Festa dos Nominados que se celebrará o 14 de maio.
Son un total de 25 as categorías que se recollen nas Bases dos Premios, ademais das 3 que son directamente seleccionadas pola Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual: o Premio Revelación “Chano Piñeiro” –ó profesional nóvel en calquera das categorías-, o Premio Especial “José Sellier” –á traxectoria empresarial ou institucional-, e o Premio de Honra “Fernando Rey”, á traxectoria profesional.
As votacións
A Academia comezou xa a d¡stribuír entre os seus socios o listado dos traballos e profesionais que se presentan á nominación. Os votantes, deberán escoller catro deles en cada unha das categorías, exceptuando as de Mellor Documental, Mellor Producción Multimedia, Mellor Curtametraxe de Ficción e Mellor Curtametraxe de Animación, xa que neste caso, os catro nomeados destas catro categorías serán elixidas polo Xurado que nomea a propia Academia –composto por 5 membros máis o Presidente da mesma, Manolo Gómez- que visionarán previamente os traballos presentados.
Haberá unha segunda votación posterior: a Academia emitirá papeletas de escrutinio cos catro nominados de cada categoría na que tódolos socios, con dereito a voto, escollerán a un gañador en cada unha delas.
As candidaturas
Así, presentáronse 7 produccións á categoría de “Mellor Longametraxe”; 4 produccións á “Mellor Película de TV”; oito produccións á “Mellor serie de TV”; 8 programas de televisión á categoría de “Mellor programa de TV”; 8 directores son os que optan ó premio de “Mellor director”; 5 realizadores, ó de “Mellor Realizador”; 13 traballos preséntanse á “Mellor Dirección de Producción” –cómpre dicir que neste e noutros casos, hai profesionais que son nomeados por máis dun traballo , tanto de producción, como dirección como calquera outra categoría-; 7 produccións presenta a outros tantos profesionais na categoría de “Mellor Dirección Artística”; 6 profesionais da fotografía e/ou iluminación optan á “Mellor Fotografía/Iluminación”. A “Mellor Maquillaxe e Perruquería” preséntanse os traballos de 6 profesionais; para a “Mellor Interpretación Masculina” preséntanse 10 produccións cinematográficas e de series de tv, na que tamén existen actores nomeados en varias delas, e para a “Mellor Interpretación Feminina” son 8 as actrices que optan a recibi-lo galardón.
Son 27 os traballos presentados para “Mellor Actor de Reparto”, coincidindo tamén neste caso un mesmo actor nomeado por distintos traballos. Á “Mellor Actriz de Reparto” optan 14 produccións audiovisuais, e á categoría de “Mellor Comunicador” optan 4 profesionais. Na categoría de “Mellor Banda Sonora” preséntanse 6 compositores; a “Mellor Guión”, preséntanse 10 traballos, que suman en total 22 guionistas (hai traballos guionizados por varios guionistas); á “Mellor Montaxe” preséntanse 5 traballos. Ó “Mellor Son” son 6 as produccións presentadas nas que traballaron 9 sonidistas, e para “Mellor Deseño de Vestiario” preséntanse 5 traballos audiovisuais.
En canto á “Mellor Producción de Publicidade”, 7 Productoras presentan un total de 14 spots; a “Mellor Documental” preséntanse 15 Productoras con 17 documentais (hai Productoras que presentan máis dun traballo); a “Mellor Curtametraxe de Ficción” son 15 os traballos presentados, e á “Mellor Curtametraxe de Animación” son 10 os traballos presentados por distintas productoras, nalgúns casos en coproducción. Para “Mellor Multimedia” son 4 as productoras ou entidades presentadas con outros tantos traballos.
Hai que dicir que, por vez primeira na traxectoria destes Premios ó Audiovisual que dende hai 2 anos reciben o nome de “Mestre Mateo” –dende que os organiza a Academia Galega do Audiovisual-, preséntanse entidades e institucións como o Máster de Creación e Comunicación Dixital, a TVE-en Galicia, a Universidade de Vigo ou EGACI –Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia-.