Disco grande, o meu programa de Radio 3 en RNE, dedicado aos sons actuais e a contar e a exercer de altofalante do mellor do panorama da música contemporánea de aquí e de fóra. E, como parte do contido ineludible, o apoio aos novos artistas, aos emerxentes, aos que comezan desenvolvendo o seu caudal de ideas e os plasman nunha maqueta. Esa foi a vía pola que cheguei ao noso protagonista.
O primeiro que souben de Xavi na súa vertente de músico non puido ser máis rudimentario, pero perfectamente válido para o meu traballo. Non é mester quedar epatado por exquisiteces de son, senón albiscar o talento que hai debaixo dunha gravación caseira ou de local… ou de concerto.
Porque, efectivamente, foron unhas cancións gravadas cun magnetófono de casete pegado a un altofalante dunha actuación case familiar ou entre amigos de The Wah Wah Papallons. Foi a primeira vez. E soaron na radio. O culpable foi o común amigo, Joan Asens, que foi o “gravador” daquel quilómetro cero da carreira de Xavi. Diso hai algo máis de vinte anos. Case nada.
O seguinte paso foi pinchar no meu programa a proposta de Loopside. Primeiro, e por seguir cos disciplinarios paso a paso, tivo o seu oco a demo e logo xa o disco (vale, plural, os discos).
O selo Jabalina, case coetáneo e coa mesma idade que os mozos de Bellpuig (Lleida) foi o encargado de mostrarlle ao mundo indie as coordenadas sonoras desa formación (nota aclaratoria ao amable lector: o movemento xurdido como relevo dos 80´s e a chamada movida e ramificacións da música pop de aquí chamouse independente e por abreviatura quedouse en indie).
A esas alturas de nacemento e crecemento dos susoditos Loopside o noso protagonista seguía engaiolado polos sons british noventeiros (cuestión de identificación e de ter a mirada posta no que se facía por UK) e miraba a distancia e con admiración o que podían facer (busquemos un trío de referencias -Oasis, Stone Roses o Adorable). Cando o tempo desta aventura rematou e se puxo punto e final e apenas algúns elixidos gozamos dunha actuación revival imperdible nunha celebración gloriosa e inesquecible (os amigos son os amigos e por eles desempóase a etiqueta de garantía; faltaría máis).
O cambio de demarcación xeográfica por motivos de traballo trouxo unha nova aventura musical. Xunto a Marco Maril xestou Dar Ful Ful. Agora as coordenadas e referencias de pop érannos máis próximas (chámense ao inesquecible Carlos Berlanga ou Family e a súa aparición discográfica fugaz, case tanto como estes discípulos que nacían cando remataba un século e chegaba o presente).
Esa maqueta de Dar Ful Ful chegou aínda máis alto no podio que a dos seus irmáns de Loopside. Foi a mellor do ano. A resaca do triunfo foi a gravación dun álbum que, a súa vez, serviu de referencia para músicos que viñeron despois da década e media seguinte e unha escena para recordar. Actuación no festival de Benicassim (o potente e superfamoso FIB) nunha carpa e o público asistente que se desbordaba e espallaba máis alá do recinto (antes víramos os primeirizos Belle & Sebastian) para no perderse a quen asinaran un disco cálido, sensible e emocionante. Foi bonito mentres durou. Que foi pouco. Engádase unha lagrimiña de fan.
Aínda houbo outra aventura sen abandonar as lindes do pop de Xavi, pero esta máis persoal e individual chamada Piano. Estaba xa sacando o pano de despedida dirixíndose a ese público máis exclusivo e maioría minoritaria ao que (por exemplo) se dirixe un dende o micrófono.
Total, que un bo día (de acordo, non, gradualmente) foi pasando ao “outro lado”, ao da música seria, a compoñer para documentais ou televisión ou curtas ou longas. E a ser incluso candidato a subir ao estrado (todo chegará) e levar un Goya.
É outro perfil, que a un o pilla un pouco máis lonxe e por iso apenas me quedan unhas liñas máis de descrición porque o que o abaixo asinante máis coñece de Xavi xa está expresado e esmiuzado nas liñas anteriores.
Pero non deixan de ser máis trazos da súa competencia e sabedoría musical. E é por iso polo que, cos prismáticos da distancia e da certeza dos deberes ben feitos, non teño por menos que aledarme e felicitarte por este merecido galardón. Esta Academia sabe o que fai.