LEONARDO DI CAPRIO XA NON FALA GALEGO

4 / 11 / 2015

Xa hai trinta anos que temos Televisión de Galicia. Todos recordamos aqueles primeiros programas, os primeiros telexornais e as primeiras series e películas dobradas ao galego.

Desde aquel famoso “Estás bébeda, Sue Ellen” de Dallas, pasando polo provocador “Cuíño, Cuíño” de Shin Chan, ata a saga de Harry Potter, pasaron xa máis de tres décadas de dobraxe en Galicia. Sen embargo moi poucos saben que xa se dobraban películas antes do nacemento da TVG. Pódese dicir que os actores de dobraxe foron os primeiros traballadores do audiovisual galego, que aínda tardaría un anos en nacer.

Pronto se converteron na voz da Televisión de Galicia. A xente mesmo recoñecía esas voces pola rúa. Do mesmo xeito que o presentador dun telexornal nos é familiar e nos fai compañía, o público acabou afacéndose a esas voces. Recoñecíanse como propias, como da casa. A dobraxe foi creando frases e expresións que hoxe forman parte da cultura oral galega.

O público novo, sobre todo o dos núcleos urbanos tiña por fin referencias audiovisuais foráneas no seu idioma e comezaba a usar o galego na escola e nas rúas. Grazas ós dobradores, a chamada Xeración do Xabarín, medraba vendo audiovisual galego e audiovisual EN galego. Superados os primeiros prexuízos, a todos nos producía certo orgullo escoitar a Harrison Ford falando no noso idioma. Era unha maneira máis de internacionalizar a nosa cultura, de situala no lugar que lle correspondía.

Entre todos creamos unha industria nova, moderna, artística, con profesionais de moi alto nivel. Ao mesmo tempo xurdían outros oficios: tradutores, axustadores, persoal de produción, técnicos de son, mesturadores… Creáronse empresas, asociacións de empresas e houbo dobradores que comezaron a traballar en Madrid e Barcelona. E logo, coa aparición das televisións privadas, veu a dobraxe en castelán. Nos anos 90 incluso se dobraron películas de estreaestatalcompetindo con outros colectivos que nos dobraban en anos de experiencia

A dobraxe sobreviviu a pesar dos atrancos, das dificultades e incluso do desprezo porque non poucas veces estivo cuestionada como oficio artístico. Para os defensores da versión orixinal subtitulada, os dobradores eran uns impostores que cambiaban a interpretación orixinal dos actores. Para outros, os dobradores non se podían considerar actores porque só utilizaban un recurso expresivo. Ao contrario cós actores de mimo, que utilizaban tamén un único recurso expresivo, pero que si se consideraban intérpretes.

Ata houbo un ministro de Educación especialmente empeñado en eliminar a dobraxe e os dobradores e decretar a versión orixinal para que se aprendesen idiomas. É curioso que este señor pense que a dobraxe é a culpable do pobre nivel de inglés da sociedade e non os plans de estudos nin as leis de educación tan pouco eficaces dos que seguramente el mesmo era responsable.

Pero o sector seguía aí. Porque debido á singularidade lingüística galega, a dobraxe supón unha variedade de tradución imprescindible, un vehículo valioso para normativizar a lingua; e os dobradores, un instrumento para a a elaboración dun estándar correcto de galego. Grandes coñecedores da fonética e da maneira de falarse o idioma, son como expertos que investigan e tratan de recuperar significados ou xiros esquecidos. A dobraxe en Galicia é unha peza fundamental para a normalización da lingua en tanto que cumpre coa función de achegarlleao público o audiovisual foráneo e adaptalo á realidade galega.

Sería fantástico poder ler a Kafka en alemán e gozar dos xiros, expresións e localismos alemáns. Pero resulta que non todos sabemos alemán. E temos que ler unha edición traducida. Que seguramente non será exactamente fiel ao orixinal, pero que nos fará comprender o universo do autor e gozar da lectura.

A dobraxe é necesaria porque unha boa parte da audiencia non está preparada para ler subtítulos ni escoitar películas en iraniano, por poñer un exemplo. Que llelo digan ás nosas avoas!

A Dobraxe é a peza clave do Departamento de Produción Allea.

Entrementres, o audiovisual galego tamén se ía consolidando. Gravábanse as series míticas, como Pratos Combinados ou Mareas Vivas, rodábanse películas galegas, creábanse produtoras e premios audiovisuais. Mesmo foi declarado sector estratéxico xa que é unha industria imprescindible para calquera comunidade que queira ter proxección no mundo exportando as súas propias imaxes. Estaba nacendo a Produción Propia

Durante un tempo cohabitaron en perfecta harmonía estes dous aspectos da produción televisiva. Entre as dúas conformaban o audiovisual galego. Durante anos colaboraron e complementáronse nutríndose unha da outra

Houbo actores que se dedicaron á dobraxe e dobradores que se converteron en actores. Houbo películas que se sonorizaban e empresas produtoras que confeccionaban outras versións nos estudios galegos. Hai películas que van envellecendo ao mesmo tempo que as voces dos dobradores e, como un todo, vanse convertendo en clásicos.

Pero todo iso cambiou. A Televisión de Galicia deixou de mercar produtos audiovisuais de fóra. A preocupación polo idioma pasou a un segundo plano. E isto só se entende como un desleixamento, un abandono da importancia da lingua parte da TVG, que por outra banda, vén sendo a razón da súa propia existencia.

Asistimos nos últimos tempos a unha redución drástica de horas de traballo e nin sequera se aplica un mínimo do orzamento destinado á dobraxe, un orzamento moi pequeno con respecto ao total da propia cadea.

O sector encóntrase paralizado e abocado cara á súa desaparición total. A dobraxe esmorece abandonada polos responsables da cultura, das artes, e da política lingüística. A televisión pública da que todos somos propietarios, decidiu que a Produción Allea era menos importante ou menos rendible e agora ofrece unha programación practicamente sen películas nin series estranxeiras.

Estase perdendo, ademais, o investimento de todos estes anos en formar un persoal altamente cualificado. Non nos podemos permitir botar a perder todo este entramado de oficios especializados que interveñen no proceso da dobraxe. Ao igual que os actores de dobraxe, tamén están quedando sen traballo os tradutores, os técnicos e as propias empresas.

E da mesma maneira que poden coexistir as versións orixinais coas versións dobradas, grazas en parte aos avances tecnolóxicos e ás plataformas dixitais, por que non poden facelo unha produción propia e unha produción allea como xa veñen facendo desde o principio?

Hoxe máis ca nunca, precisamos a dobraxe en galego porque o noso idioma está en perigo e o número de galegofalantes estase reducindo de xeito alarmante. O público novo segue precisando daquel Xabarín, daquelas adaptacións memorables que se converteron en referentes audiovisuais e que conseguiron milleiros de seareiros. É o momento de dinamizar, de incentivar, de mostrar normalidade e non aniquilar.

A Televisión de Galicia ten o deber de contribuír ao uso da lingua e o público debe ter a opción de elixir en que idioma quere escoitar os seus actores favoritos. A xente ten dereito a que na súa televisión emitan series e películas de todo o mundo en galego, que Leonardo di Caprio ou Nicole Kidman utilicen os nosos xiros e expresións idiomáticas. É, desde logo, a maneira máis eficaz de facer normal o uso do idioma e contribúe a que non sintamos vergonza de utilizar o galego e a sentirnos orgullosos da nosa identidade cultural. Fixeron máis Shin-Chan ou As Bólas do Dragón polo galegoque moitas campañas publicitarias que xa nin lembramos.

Necesitamos audiovisual EN galego, tanto como audiovisual galego. Se non facemos nada para remedialo, pronto seremos o único país do mundo que non pode ver cine nin televisión doutros países no seu idioma.

A dobraxe sempre formou parte do audiovisual. Pero agora, este sector precisa apoio, protección e acordos para poder sobrevivir e levar a cabo esta función tan importante. En todo caso, o único que necesita é que se cumpra a lei e se volvan aplicar os orzamentos que estaban destinados a promover o uso do galego.

Se non facemos algo, dentro de pouco, nos premios do audiovisual galego, os dobradores só estarán presentes nesa sección dedicada á memoria dos que xa non están.