A CURTAMETRAXE, UNHA LOITA CONTRA O ESQUECEMENTO

28 / 10 / 2015

Xa van moitos anos, dende que collín por primeira vez aquela Telefunken 1890 movie e decidinme a facer unha curtametraxe. Por aquel entón, era un traballo para a escola e, meu deus, ninguén chamaría “curtametraxe” ao que de alí saíu.

Hoxe, con algo máis de experiencia as miñas costas, metido de cheo na promo do último proxecto, e traballando no seguinte (esta vez coma coordinador de efectos visuais) miro para aquel neno armado coa Telefunken e doume conta do fáciles que eran as cousas para el.

Nestes momentos de profundo cambio no noso sector audiovisual, os nosos profesionais están a saír do longo túnel televisivo e as nosas obras son xa vistas nas salas de cine, e non só de Galicia, se non que se pasean por toda España e ate asoman o nariz por Nova York ou mesmo Bombay, como é o caso das magníficas A Esmorga, Os Fenómenos ou Schimbare entre outras. E é lóxico, preguntarse que pode facer un para continuar con ese cambio, que pode facer para empurrar con mais forza aínda o noso audiovisual e que siga a subir por esa empinada e escorregadiza rampla do éxito que tentea dende hai xa varios anos.

Depende de para quen, a tarefa cambia, coma espectadores a cousa é sinxela, está claro que ir as salas a ver os nosos filmes é o seu cometido, e visto o éxito do noso cinema durante todo o ano pasado está claro que eles cumpren a súa parte.

Coma profesionais do sector o noso traballo é recíproco, así coma os espectadores ven o noso, nos debemos darlles un bo motivo para que o vexan, mais aló do simple nacionalismo, debemos ofrecerlles un produto de calidade e (vendo de novo o dato do ano anterior) nos tamén cumprimos.

Pero as cousas non son tan fáciles, aínda que o profesional queira e o espectador tamén, existe entre eles unha longa cadea xerarquizada que, moitas veces, en vez de axudar, dificulta esa relación, que debería ser fluída e sempre continua.

Existe en cambio, unha forma de chegar a un pequeno público saltándose esa cadea de chanzos torpes e máis grandes do que deberían, e falo da produción e distribución de curtametraxes, e non só me refiro a profesionais do sector que levan anos dedicándose a esta rama con excelentes resultados, falo tamén desas produtoras independentes que, armadas cunha 5D, catro ou cinco focos de obra e montes e moreas de enxeño levan arriba proxectos, moitas veces auténticas marabillas que levan unha chea de premios en festivais indie.

Eu mesmo teño colaborado en proxectos de este tipo e sei as dificultades que entraña, non só a realización, se non a súa posterior distribución, sobre todo se queremos ir mais aló de ese reducido público do que falabamos antes. Unha vez pasados os dous anos de rigor para a súa promoción en festivais, ao creador desa curta non lle queda mais que resignarse e vela morrer pouco a pouco nalgunha plataforma de distribución gratuíta de vídeos, xa sexa Youtube, Vimeo, etc, e sen que ninguén faga nada por evitalo.

E son precisamente os elos máis fortes da cadea, os que non deben esquecer que ese tamén é o noso audiovisual. No momento no que unha curta galega é proxectada no festival de Tribeca, os americanos están a ver un anaco de Galicia, do noso cinema e da nosa cultura.

E cando dentro de moitos anos, nós xa non esteamos aquí, a cultura será o único que lle quede as xeracións vindeiras, polo que agora é o momento de coidar esa herdo que é nosa e que se non coidamos nós, ninguén o vai facer.

Por qué non existe un programa na televisión pública de Galicia dedicado a ensinar curtametraxes galegas? por que non se proxecta de maneira gratuíta unha curtametraxe, antes de cada sesión de cine, coma en moitos outros países se fai? Ou inda mais fácil, por qué non existe un portal oficial dedicado a mostra e distribución das curtametraxes galegas na rede?

Lembro unha conversa que mantiven con Ángel Manzano, candidato ao Mestre Mateo 2015 por Tupper, nela Ángel contábame que ao non ser un membro activo do audiovisual, custoulle mais de dez anos levar arriba a súa ópera prima, unha curta brillante que nada desmereceu as súas competidoras na gala. A min chámame moito a atención que curtas de calidade se vexan rezagadas a unha esquina e outras, producidas por marcas comerciais, e cun director famoso teñan tanta promoción e distribución polas cadeas nacionais de TV, a pesar da súa cuestionable calidade

Moitas veces non nos damos conta da enorme calidade que ten o noso audiovisual, se botamos unha ollada ao resto de comunidades autónomas podemos ver as grandes dificultades que teñen os profesionais do sector, dentro de Andalucía ou Euskadi por exemplo, canto máis as xentes que comezan.

É o seu reivindicarlle a eses grandes chanzos da cadea un sitio fixo e seguro para os curtametraxistas galegos, que son parte innegable do noso audiovisual, e que merecen algo maisc a un breve paseo por festivais “Indie”. Despois de todo, a primeira película da historia, foi unha curtametraxe.