A Academia Galega do Audivisual premiou un ano máis a Zigzag como o mellor programa de televisión. Os que traballamos nel sentímonos honrados e agradecidos pola distinción. De tal xeito é así que cando anualmente se convocan os galardóns todo o equipo se mantén expectante. Cando digo todo o equipo resalto o conxunto, dende técnicos a redactores.
Traballar na información cultural, e máis en concreto na información cultural de Galicia, supón un reto, un desafío e unha satisfación. E se por riba os propios compañeiros, a través da Academia recoñecen o traballo, o orgullo e dobre. Dende que comezou Zigzag, alá polo xa lonxincuo 2010, todos estabamos convencidos da aposta que a Dirección da TVG facía pola cultura do país. Aposta innovadora, e polo tanto apaixonante, porque a través do programa tratamos de relatar e difundir, con particular linguaxe, tódolos aspectos da cultura, tanto dos artistas consagrados como dos novos talentos.
Zigzag é un programa consolidado na grella televisiva e cun alto grao de aceptación nas novas ferramentas para ver a televisión. Igualmente, nas redes sociais obtén un alto seguimento, co que se consegue penetrar nunha audiencia xove e interesada polo que acontece no seu medio máis próximo. Un premio destas características supón a revalidación do esforzo do equipo de profesionais que o elabora diariamente, con dedicación e profesionalidade.
Esforzo, satisfación, agradecemento e honra. De todo iso falamos ata o de agora. Pero tamén resulta relevante o compromiso público da TVG coa cultura do país, cumprindo deste xeito o seu principal mandato, ser un servizo público. Por tanto, o equipo do Zigzag séntese especialmente motivado polo traballo que desenvolve e gratamente cumprimentado polo recoñecemento que ano tras ano está a obter dos membros da Academia Galega do Audiovisual.
Traballar na túa terra, na Televisión de Galicia, para difundir a cultura do país e que os compañeiros e membros académicos o recoñezan é, claramente, un motivo ben sinalado para estar honrado e agradecido.