– Como valora o premio de Honra dos Mestre Mateo?
– Con moita ilusión, con moito cariño. Estou abraiada, estou contenta porque é o recoñecemento dos meus compañeiros. Todos os premios están ben e podes levar moitos de xente que non coñeces e teñen valor, claro. Pero o dos teus compañeiros supón moitas cousas.
– Vostede leva vivido toda a etapa profesional do audiovisual en Galicia. Como cambiou o traballo de interpretar desque comezou?
– Houbo un cambio grandísimo. En todo. Cando comecei era todo moito máis precario. Había que improvisar moitas cousas e había que facer cousas sobre a marcha. Sobre todo porque había moitos menos medios. Eu traballei en Servicio de urxencias, que a dirixía Xaime Fandiño, e os estudos de gravación de hoxe comparados cos daquela parecen a NASA. Houbo un desenvolvemento dos medios moi grande e iso nótase moito. Houbo evolución, antes tamén era profesional pero había moitos menos medios.
– Que bota de menos non ter feito?
– Sempre hai papeis que non podes facer, que che gustarían pero que non che ofrecen. Eu tiven a sorte que os papeis que non puiden facer nas series puden facelos nas curtametraxes que para min, foron todas unha experiencia estupenda en moitos sentidos. Así que se nas series non puiden facer algún papel quiteime a espiña nas curtas. Por exemplo, actuei nunha curta, Dulce, que conseguiu 120 premios, pero dous deses premios foron moi especiais porque foron concedios por xente como Francis Ford Coppola e Ridley Scott.
– Pero algún rol concreto…
– Nunca fixen de mala malísima. E tiña ganas, pero seica non dou ese perfil.
– E non está con ganas de traballar?
– Si, claro. O que pasa é que agora as series, por exemplo, fanse doutro xeito, con outros argumentos e con xente máis nova. Agóra véseme menos, a última vez que estiven nunha serie foi Escoba!, e como digo eu, estábamos aí todas as vellas glorias da profesión, Rosa Álvarez, Elina Luaces, Mela Casal… incluso estaba Ernesto Chao, que penso que é o actor co que máis veces traballei na miña vida. Penso que agora tamén se traballa a un ritmo moi diferente. Se antes había que gravar dez páxinas de guión por día, agora hai que gravar trinta. Isto supón un sacrificio grande para os actores: moito estudar fóra do estudo e logo un ritmo moi grande no gravación.
– E que a paren pola rúa para falar con vostede que tal o leva?
– Moi ben, porque eu son moi aberta, son moito de falar coa xente, e non me molesta que me falen dos personaxes. Por outra parte, nesta profesión sería un descortesía non atender a esa xente porque, ao cabo, son eles, os espectadores, quen nos manteñen, quen xustifica o noso traballo.
– Comezou no teatro, pero non tivo moito tempo de prodigarse nel.
– A verdade é que non. Mentres fixen televisión, case non tiña tempo para nada máis e o teatro, a pesar de que me gusta moito, foi quedando un pouco aparcado. Pero o teatro para unha actriz é vida. Ao escenario saes a morrer ou matar, como un toureiro. Non se pode repetir. Iso dá moita vida. No teatro es ti con todas as consecuencias.