Un comunicado da MESA DO AUDIOVISUAL GALEGO integrada por
Academia Galega do Audiovisual – AGA
Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG
Asociación Galega de Produtoras Independentes – AGAPI
Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización – CREA
Asociación Sindical Galega de Guionistas – AGAG
Cluster Audiovisual Galego – CLAG
Coordinadora Galega de Festivais de Cinema – PROXECTA
A Mesa do Audiovisual Galego, que aglutina as organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual, manifesta conxuntamente a súa preocupación ante o borrador de Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital presentado polo Consello da Xunta e actualmente en período de suxestións por incluír elementos que na súa formulación actual implicarían un rexeitamento frontal do sector audiovisual galego no seu conxunto.
En primeiro lugar desexamos manifestar con claridade que ningunha das asociacións representativas do noso sector foi interpelada no “período de consulta” previo á elaboración do texto do que non tivemos ningunha comunicación ata a publicación do mesmo o pasado 29 de xullo, dando isto inicio a un período inicialmente indicado como “de alegacións” e posteriormente como “de suxestións” que vence no propio mes de agosto, mes inhábil por excelencia. Consideramos un elemento central de calquera reforma lexislativa do eido audiovisual outorgar cando menos voz aos seus profesionais e empresas e desde este lugar establecemos as nosas consideracións ao respecto da proposta lexislativa en cuestión.
Este novo anteproxecto, que ten por obxecto substituír a actual lei en vigor dos medios públicos (Lei 9/2011) supón, na lectura literal que colectivamente facemos dos seus artigos, un paso atrás na independencia e función social dos nosos medios. Esténdese deste xeito a anomalía que supoñía o feito de que os elementos principais da lei aprobada no 2011 nunca foran desenvolvidos nestes anos, obviando a norma en vigor e deixando ir unha transitoriedade que chega ata hoxe. A nova norma estende esa anomalía e profúndaa con medidas que contraveñen as máis básicas funcións dos nosos medios públicos: elimina o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, afasta a elección do director xeral da procura do consenso e o acordo, nunha figura clave para unha das institucións máis importantes do país, e apunta unha proposta que en si mesma obriga a reformular o principio fundacional da CRTVG respecto da promoción da lingua galega e a súa difusión: a apertura da emisión de contidos en castelán.
Como Mesa do Audiovisual Galego consideramos que a relevancia dos nosos medios públicos como garantes da nosa lingua, o seu coidado e a súa difusión son unha liña vermella sobre a que non corresponden pasos en falso e si moita reflexión, explicación e compromiso. É de todo inadmisible asumir unha proposta que bate na propia liña de flotación da nosa cultura audiovisual, máis se cabe nun momento no que as obras en galego rompen fronteiras nacionais e internacionais ao tempo que o uso da mesma entre a nosa poboación sofre retrocesos preocupantes
Consideramos, así mesmo, que a eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos, constituído por profesionais da propia empresa co propósito de garantir o control e a calidade dos contidos, supón un evidente paso atrás no que ten que ver coa necesaria independencia dos medios públicos de Galicia. O sistema de elección proposto para o Consello Asesor de Participación Social e Profesional tenta outorgar lexitimidade democrática e de representación a un órgano que nas condicións propostas non garante as debida independencia, pluralidade e capacidade crítica.
Afirmamos tamén con rotundidade que a elección do director xeral, estrutura central da organización da CRTVG, debe realizarse co maior consenso posible atendendo aos principios de representación política e social, e incluíndo na rolda de consultas previas ás entidades que representen a realidade profesional, empresarial e cultural do sector audiovisual galego. Dende logo, modificar a norma en vigor, para rebaixar a esixencia de acordo nesta elección, limitándoa a unha maioría absoluta no Parlamento, non responde ao que debera ser o afán de pluralidade democrática dos nosos medios públicos. E por suposto, extraer algo tan central para o funcionamento do medio do articulado da norma, disimulando esta cuestión na súa disposición adicional segunda, resúltanos cando menos discutible.
En definitiva, consideramos que o anteproxecto de lei, na súa formulación actual, supón unha perigosa muda dos conceptos garantistas de control, de profesionalidade e de independencia da CRTVG recollidos na actual lei en vigor, ao tempo que pon en dúbida o seu labor central na protección e difusión da lingua galega na nosa sociedade.
Por todo o exposto e desde a certeza de que os medios públicos constitúen un eixo fundamental para a transmisión da identidade cultural e lingüística galega e que o seu carácter de servizo informativo está regulado pola propia lei para que sexa independente e plural en todos e cada un dos seus órganos, solicitamos en representación do conxunto do sector audiovisual galego as debidas explicacións ao respecto desta proposta anunciada pero non consultada. E por isto, desde a Mesa do Audiovisual Galego, de forma colexiada en representación de todos os colectivos que a conforman, solicitamos unha reunión de carácter urxente co Presidente da Xunta de Galicia D. Alfonso Rueda Valenzuela, como representante da Presidencia da Xunta de Galicia, institución da que depende directamente a actual Corporación de Radio e Televisión de Galicia e desde a que se promove este novo anteproxecto.
Mesa do Audiovisual Galego
Agosto 2024
Podes descargar o comunicado aquí.