Falamos con Alba Meijide, coordinadora de contidos en IA de FIGA

25 / 10 / 2023

Alba Meijide será a coordinadora de contidos en Intelixencia Artificial de FIGA, o Foro da Industria Galega do Audiovisual, que celebra este ano a súa primeira edición.

Licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, onde posteriormente completou os seus estudos co Máster en Enxeñaría en IA. Iniciou a súa carreira profesional no congreso internacional Mundos Dixitais, onde se encarga da coordinación e xestión de contidos de IA. Desenvolve a súa actividade profesional como consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial: desde sistemas de detección de enfermidades oculares ata investigación e desenvolvemento de ferramentas para recoñecidas empresas do sector da animación e os VFX como El Ranchito ou Illusorium Studios, entre outros. En 2022 foi a coordinadora de AI: More than Human en A Coruña, unha exposición sen precedentes dos desenvolvementos creativos e científicos da Intelixencia Artificial, deseñando e xestionando tamén o desenvolvemento do único proxecto nacional incluído na mostra.

Conversamos con ela sobre as implicacións e desafíos que plantexa a Intelixencia Artificial e sobre que pode aportar a celebración dun evento como FIGA aos profesionais do sector audiovisual.

  1. Que te levou a dirixir a túa carreira profesional ao ámbito da enxeñaría e a intelixencia artificial?

A Intelixencia Artificial é un campo de investigación e desenvolvemento en constante evolución, con aplicacións en sectores tan variados como a medicina, o deporte ou o sector audiovisual. Poder traballar nun entorno tan dinámico e de constante aprendizaxe é para min unha das maiores cualidades da miña profesión. É unha disciplina que me pareceu fascinante desde o principio, cando decidín enfocar os meus estudos nesta rama, incluso antes de acadar tanta fama como ten hoxe en día. Resolver problemas complexos con tecnoloxías disruptivas e poder ver todas as oportunidades que a IA proporciona foi o que realmente me “enganchou” para quedarme.

  1. Imaxinamos que desde que comezaches o teu grao universitario ata hoxe a evolución da IA foi formidable. Caís foron, na túa opinión, os cambios máis destacables?

O cambio na percepción social da Intelixencia Artificial foi, na miña experiencia, moi notable. Pasou de ser un concepto asociado co futuro ou a ciencia ficción a ser unha realidade que todos estamos a vivir. A nivel persoal, alégrome de ver como a miña área profesional e de especialización xera tanto interese, e como todas as partes da sociedade mostran interese en comprendela, aproveitala e tamén establecer os límites éticos segundo cada persoa. A “democratización” que sufriu a IA ven dada por moitos factores, pero o feito de que hoxe en día todos nós poidamos interactuar e avaliar sistemas de IA, desde chatbots ata xeradores de imaxes, é unha oportunidade que impulsou moito o sector.

  1. Que pode aportar FIGA ás persoas profesionais do sector audiovisual?

Un evento como FIGA é crucial para o sector dada a situación tan cambiante e volátil das novas tecnoloxías, sobre todo da Intelixencia Artificial. Creo que é unha gran oportunidade para compartir co sector aplicacións reais destes sistemas, así como poñer en común expectativas e retos que pode supoñer a súa chegada. A adopción de IA nos estudos e empresas está a aumentar a niveis exponenciais, e con iso, o interese e as preocupacións. Ter un espazo seguro onde expoñer estes temas con outros profesionais afíns, permitirá allanar o camiño para unha convivencia sostible coa IA respectando as cualidades máis humanas que fan deste sector unha fábrica de experiencias para os consumidores de contidos.

  1. En relación ao sector audiovisual, en que profesións cres que a chegada da IA vai ter máis impacto?

A Intelixencia Artificial chegou de forma transversal, afectando cada día a máis sectores e profesionais. Na miña opinión é unha tecnoloxía que tarde ou temprano, nos afectará a todos non só no noso emprego, senón a nivel persoal. A miña visión da IA é como unha ferramenta automatizadora para tarefas repetitivas e mecánicas, permitindo acelerar a produción audiovisual e deixando do noso lado, do lado dos humanos, a parte máis creativa e cognitiva. Por este motivo, creo que a Intelixencia Artificial non deixará intacta ningunha área de especialización ou profesión, pero coa regulación adecuada e coas guías éticas establecidas, pode permitirnos aumentar a nosa creatividade e produtividade ata niveis sen precedentes.

  1. A aparición da IA é vista con recelo por profesionais de moitos sectores, que lles dirías?

Trátase dun tema que xera debates intensos; por suposto está suxeito a ser usado de forma maliciosa e irresponsable. Iso non é nada novo e ocorre con infinidade de ferramentas, desde a propia internet ata un coitelo que temos todos na cociña, que de ser usados de forma incorrecta poderían xerar moitos danos. A Intelixencia Artificial é un tema moito máis delicado ca estes exemplos, pero temos a oportunidade de facer un uso correcto e moral para aproveitar as oportunidades que nos presenta, xa que non facelo sería un erro. 

Atopámonos nunha situación delicada pero decisiva, onde temos que definir a nosa relación con esta tecnoloxía, e aínda que é certo que non calquera uso da IA é lícito, creo que debemos ter unha opinión informada e intentar sacar o maior partido posible, respectando sempre o factor máis humano.

Categoría: Novas
Etiquetas: