Ourense acolle o VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual

28 / 09 / 2023

Encontro de Academias

Galicia acollerá o VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, que se celebrará en Ourense entre o 29 de setembro e o 1 de outubro. A Academia Galega do Audiovisual organiza un evento que reunirá a representantes das academias de cine e audiovisual da península nunhas xornadas dedicadas á reflexión, á análise, o intercambio de ideas e o desenvolvemento de propostas ante os desafíos aos que se enfronta o sector audiovisual. A Academia Galega do Audiovisual volve ser a anfitrioa, despois do primeiro encontro celebrado na Coruña o 18 de decembro de 2017.

Por vez primeira asistirá ao encontro a Federación Iberoamericana de Academias de Cine (FIACINE), unha das institucións convidadas este ano, xunto coa Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España. Tamén é a primeira vez que asisten ao encontro representantes da recentemente creada Academia de Cine de Extremadura.

A relación de participantes no encontro será a seguinte: Álvaro Pérez Becerra, Presidente da Academia Galega do Audiovisual, que actuará como anfitrión; Marta Velasco, Presidenta da Academia de Cine de Andalucía; Santiago Fúster, Director de Marketing da Academia Aragonesa de Cine; Graciela Mier, Presidenta da Academia de Cine Asturiano; Laia Aruba, Directora da Acadèmia de Cinema Català; Silvia Venegas, Presidenta da Academia de Cine de Extremadura; Diogo Camoes, Director da Academia Portuguesa de Cinema e Teresa Cebrián, Presidenta da Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual.

Como colofón ao encontro presentarase a distinción Lugares de Interese Cinematográfico, que recoñece espazos de especial relevancia para a industria audiovisual, ben sexa polo seu valor na produción fílmica, a súa importancia histórica ou o seu significado simbólico. Esta distinción non só destaca a riqueza cultural e cinematográfica de cada territorio, senón que tamén fomenta a preservación e promoción destes espazos que contribuíron de maneira significativa á historia e á identidade audiovisual da Península.

O VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual celébrase grazas ao apoio da Deputación de Ourense.

Máis información AQUÍ.

Categoría: Novas
Etiquetas: