Onte déronse a coñecer as gañadoras e gañadores dos Premis AAPV que outorga a Associació d’Actors i Actrius Professionals Valencians, nunha gala celebrada no teatro Principal de Valencia. No transcurso do evento a Academia Galega do Audiovisual resultou recoñecida co Premi Taules por converterse nunha institución de referencia ao construír “un selo propio e significativo do audiovisual galego”.
O Premi Taules é un dos dous galardóns honoríficos que entrega cada ano a AAPV e recoñece o traballo de institucións que, aínda que pertenzan a outras comunidades autónomas, defenden e promoven o labor dos intérpretes valenciáns. Na gala tamén foron desvelados os nomes das gañadoras nas categorías de dobraxe, teatro, audiovisual e os premios revelación (Crisàlide) da presente edición, así como o premio honorífico Premi Narcís, en recoñecemento á traxectoria profesional da actriz Victoria Salvador.
O trofeo foi recollido por Miguel Mariño e Marisela Lens, director e xerente da Academia, quen quixeron dedicarllo ás académicas e académicos que conforman a institución e que día a día constrúen, co seu talento, un un audiovisual desde a periferia que é cultura “e que tamén xera industria”. Na súa intervención tamén fixeron extensivo o premio ás institucións e entidades públicas e privadas comprometidas no apoio a ese “selo propio e significativo” ao que facía referencia o galardón, un selo construído conxuntamente co resto de asociacións profesionais do sector en Galicia: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), o Cluster Galego do Audiovisual e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA).
O presidente da AAPV, Carlos Amador, definiu á Academia como “un espello onde mirarnos como sector audiovisual” xa que “o modelo e o tamaño de mercado é moi semellante e, sobre todo, trátase dun espazo onde se confía nos artistas da terra. Unha aposta que fai impensable un selo propio sen pasar por autores, directores e intérpretes, e que consegue trascender do local ao global, mirando a longo prazo para consolidar a nosa realidade audiovisual”.
O traballo da Academia a prol do audiovisual galego ao longo dos seus vinte anos de exitencia foi posible grazas ao compromiso de institucións como a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración, as Deputacións provinciais de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, a Televisión de Galicia e o Concello da Coruña que prestaron un apoio firme e decidido aos diversos proxectos e iniciativas de promoción e visibilización do talento audiovisual galego.
Un compromiso tamén amosado por entidades privadas como Abanca, Cafés Candelas, Estrella Galicia, Cega Audiovisuales, Deleite, Gadisa, Trevisani, Galicia Calidade ou a Fundación Aisge.