Nova xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual “diversa, paritaria e interxeracional”

12 / 06 / 2023

As académicas e académicos elixiron por unanimidade á nova xunta directiva que rexirá o destino da entidade durante os próximos dous anos, na asemblea celebrada o pasado 9 de xuño. O grupo liderado polo actual presidente da Academia, Álvaro Pérez, contará con catro novas incorporacións: a script Alba Gallego, a cineasta Anxos Fazáns, a directora de fotografía Lucía Catoira e o distribuidor Milo Baños. Repiten na xunta directiva Carmen Méndez, Pepe Coira, Saamira Ganay, Sonia Méndez e Xavi Font.

Conversamos con Álvaro Pérez Becerra, que se presentaba á reelección, e con Alba Gallego, Anxos Fazáns, Lucía Catoira e Milo Baños, que forman parte, por vez primeira, da xunta directiva da Academia, sobre as súas motivacións e os obxectivos para esta nova etapa.

Empezamos a nosa conversa preguntándolle a Álvaro Pérez que balance fai dos seus dous anos como presidente e que o animou a presentarse á reelección.

Álvaro Pérez: Encantaríame saber a valoración que fan as académicas e académicos. Pola nosa banda, consolidamos un xeito de entender a Academia, que xa iniciara Ana Míguez dous anos antes, que é o da aposta por poñer en valor o que nos une como colectivo. Falar de talento, de orgullo, de merecemento. Superamos a cifra de 400 académicas e académicos por primeira vez, modernizamos por completo os premios Mestre Mateo para facelos sostibles economicamente a medio prazo, iniciamos novas actividades, e achegámonos a lugares nos que non estiveramos antes, como a Galicia exterior, ou as universidades.

A decisión de continuar é realmente de todo un grupo de compañeiras e de compañeiros. Díxeno hai dous anos e quero repetilo agora: que asuma eu a presidencia pouco ten que ver con liderados ou xerarquías, deuse así, e non ten maior relevancia. Boa parte da directiva anterior presentámonos á reeleción, sobre todo, por rematar moito do empezado nesta última etapa. Faltounos tempo para algunhas cousas, e tamén queriamos darlle ao noso traballo unha opción de continuidade, que se queren, representarán as persoas que se incorporaron nas pasadas eleccións.

Na nova xunta directiva están representadas numerosas familias profesionais do sector. Como se conxugan os diferentes puntos de vista á hora de definir os obxectivos da Academia?

Milo Baños: Creo que é importante que todos os que integramos este sector podamos coñecer que fan noutras partes do mesmo. Ás veces teño a sensación de que falta cohesión dentro do ramo do audiovisual, de que non empurramos todos na mesma dirección, máis por descoñecemento que por desidia. Po iso, que todos esteamos representados é vital e enriquecedor. Todos temos moito que aprender e tamén algo que amosar.

Lucía Catoira: Na miña opinión, os técnicos somos unha parte moi grande do sector, tan importante como as demáis. Poder poñer sobre a mesa o noso punto de vista debería ser algo máis que relevante. Ás veces resúltanos difícil porque estamos máis cómodos en postos semi invisibles, pero non nos podemos esquecer de reclamar o noso espazo, todas as pezas son importantes. 

Álvaro Pérez: Esta nova directiva cumpre con dúas cousas fundamentais: é diversa, porque representa a moitas familias profesionais, e é paritaria. Atreveríame a introducir unha máis: tamén é interxeracional. Tendo en conta todo isto, creo que é un bo reflexo do sector. E se no sector os puntos de vista se conxugan para sacar adiante traballos fantásticos, na Academia non pode ser doutro xeito.

“Se no sector os puntos de vista se conxugan para sacar adiante traballos fantásticos, na Academia non pode ser doutro xeito.”

Álvaro Pérez

Anxos Fazáns: Eu coido que non é tan importante a idade, o que importa é o que cada quen leva dentro e polo que quere loitar. De todos xeitos, concordo con que é moi importante que haxa xente de novas xeracións activa no sector e na Academia porque iso crea diversidade. Creo que ese é un dos grandes retos que temos diante, crear un sector accesible e diverso, cun ambiente laboral cómodo para todas as persoas.

“Creo que ese é un dos grandes retos que temos diante, crear un sector accesible e diverso, cun ambiente laboral cómodo para todas as persoas.”

Anxos Fazáns

Alba Gallego: Tanto na Academia como no resto dos ámbitos, non é o mesmo ter empezado a traballar no 2013, como é o meu caso, como nos 90, ou como hai un par de anos. Dende que a industria audiovisual galega tomou forza son moitas as cousas que cambiaron, as condicións laborais, os formatos e as formas de traballar. Particularmente, a miña é unha xeración que se víu obrigada a traballar moito por moi pouco a cambio, con inestabilidade permanente, que nos fixo aprender de todo para poder saír adiante se queriamos vivir de forma independente. E iso nótase tanto na polivalencia dos perfís como na forma de relacionarnos cos demáis, coñecendo moito o traballo dende os distintos postos e equipos. Sabendo en primeira man o moitísimo que custa sacar adiante proxectos propios. Creo que todo iso alimentará as conversas con todos aqueles membros da Academia que nos saquen uns cantos anos. E ninguén mellor que un equipo tan variado en idades para saber que necesitamos cambiar.

Milo Baños: Persoalmente, considero moi importante o traballo e a presenza que está a acadar a Academia. Penso que é máis doado camiñar xuntos que estar separados e a Academia é o lugar perfecto para seguir facendo audiovisual dende Galicia. É o lugar onde establecer contactos e vínculos que empurren ao audiovisual feito en Galicia.

Semana do Cinema Galego 2023

Nos dous últimos realizouse un labor de promoción e difusión do audiovisual galego, coa posta en marcha do Ciclo Mestre Mateo e a consolidación da Semana do Cinema Galego. Que valoración facedes ddestas iniciativas?

Álvaro Pérez: A gran marxe de mellora que ten a Academia ten que ver coa desestacionalización da súa actividade, que aínda xira máis do que nos gustaría ao redor dos Mestre Mateo. A aposta polo Semana do Cinema Galego e polo Ciclo Mestre Mateo vai nesa liña, e penso que non imos por mal camiño.

Milo Baños: Hai espazo para crecer e seguir exportando talento e traballos e a Academia é unha peza moi importante para traballar nestes obxectivos. No caso concreto do Ciclo Mestre Mateo considero que é unha iniciativa imprescindíbel para chegar ao público naquelas vilas ou poboacións que non contan con salas de cinema comercial. A finalidade dunha película é chegar o público e iniciativas coma esta están a acadalo.

“Hai espazo para crecer e seguir exportando talento e traballos e a Academia é unha peza moi importante para traballar nestes obxectivos”.

Milo Baños

Moitos coñecedes desde dentro varias das iniciativas que organiza a Academia: os Mestre Mateo, a exposición Un retrato ben merecido os María Luz Morales… Podedes compartir como foron as vosas experiencias?

Alba Gallego: Cando recibín a chamada da Academia para formar parte da exposición Un retrato ben merecido sentín unha mestura entre orgullo e o típico síndrome do impostor, “por que eu?”. Non podo senón sorrir e sentirme moi apreciada por ser unha das 20 persoas escollidas. E creo que foi todo un evento a presentación en si, deume moita mágoa perdela.

Exposición Un retrato ben merecido

Milo Baños: A exposición foi unha experiencia interesante como colectivo, unha maneira de festexar todos estes anos de Academia a través de diferentes profesionais do sector, unha lembranza de que estamos vivos e somos fortes na unión que conformamos.

Lucía Catoira: Na miña experiencia, as Iniciativas organizadas pola Academia marcáronme como profesional. Dende a notoriedade que me deron os premios Mestre Mateo ata o recoñecemento que foi ser formar parte da exposición, fixeron que medrase en min o sentimento de pertenza a unha familia profesional. A sensación de estar arroupada por compañeiros e compañeiras que valoran o que fas é de agradecer. E é algo que non se constrúe dun día para outro, hai moito traballo aí detrás.

“A sensación de estar arroupada por compañeiros e compañeiras que valoran o que fas é de agradecer. E é algo que non se constrúe dun día para outro, hai moito traballo aí detrás.”

Lucía Catoira

Alba Gallego: No 2020, gañar o María Luz Morales co videoensaio O vídeo esquecido foi unha sorpresa e un momento moi bonito para min, non só, obviamente, por gañar o premio, senón por chegar coa miña mensaxe e as miñas preguntas a tanta xente que me escribíu e chamou a raíz deste recoñecemento. Se non fose pola propia iniciativa da Academia de convocar este premio, probablemente nunca sairía de min realizar unha peza semellante, así que non podo deixar de animar a que se fagan máis convocatorias así.

E por último, gañar o Premio Mestre Mateo a Mellor Serie Web con Delicias Amargas foi un destes impulsos nun ano que empezou moi ben para Adrián, Fernando e máis eu na produtora Kraken Media. Ao final os premios achegan o teu traballo ao resto dos académicos e á xente do audiovisual, e iso é, sinceramente, fantástico para unha produtora de nova creación como a nosa, na que estamos pelexando moito día a día para conseguir “meter o pé” no audiovisual galego.

XXI Premios Mestre Mateo

No caso de Anxos Fazáns fuches designada como unha das figuras emerxentes chamadas a renovar o audiovisual galego na publicación Papeis da Academia de 2017. Seis anos máis tarde, formas parte da xunta directiva. Como viviches ese salto?

Anxos Fazáns: Non sei se chamarlle salto aínda, penso que se din moi rápido esas cousas sobre o talento emerxente, pero logo no cine as cousas van moi lentas. Levo todos estes anos sen parar de traballar, creei a produtora Sétima xunto a Silvia Fuentes, dende onde estamos preparando a miña segunda película, entre outros proxectos. Son unha traballadora máis, sobrevivindo nun sector inestable, cruel e competitivo. Penso que hai moitas cousas polas que loitar, moito que cambiar, e iso faise día a día e en conxunto.

Que vos animou a incorporarvos á xunta directiva da Academia?

Anxos Fazáns: Eu fíxenme académica uns meses despois de cumplir 30. Non hai moito razonamento detrás disto, supoño que simplemente chegou o momento de tomarse as cousas un pouco máis en serio, de involucrarme máis na realidade do audiovisual galego dun xeito amplo, fóra do meu círculo. Estou nun momento de crecemento persoal e laboral e pareceume o momento axeitado.

Lucía Catoira: Foi un pouco a idea de poder facer equipo co resto de integrantes. Teño a esperanza de sumar ao proxecto que xa veñen desenvolvendo desde hai anos. Podo correr o risco de non supoñer ningunha diferenza, ou de non estar á altura, pero e se ao final si podo? Sinceramente non quero quedar coa dúbida…

Milo Baños: Imaxino que as ganas de participar doutro xeito neste ámbito onde nos movemos. Penso que se pode aprender moito dende unha posición distinta, recibindo unha perspectiva diferente do teu sector que non percibes no teu día a día. Máis peso incluso tivo o ánimo dalgún membro da xunta actual para probar a implicarse doutro xeito.

Alba Gallego: Estar dentro da xunta directiva é un paso máis na miña experiencia e aprendizaxe no mundo audiovisual, e, en concreto, do audiovisual galego. Creo que todas e todos deberiamos pasar por algo así ao longo da nosa traxectoria e do noso proxecto laboral. Para poder cambiar e mellorar as cousas, hai que traballalo desde dentro.

“Para poder cambiar e mellorar as cousas, hai que traballalo desde dentro.”

Alba Gallego

Como considerades que, a medio prazo, se podería mellorar o traballo que se está a facer desde a Academia?

Álvaro Pérez: Queda traballo por facer na comunicación, ás académicas e académicos, e á sociedade, de todo o que se fai: nestes dous próximos anos queremos poñer atención na situación da Televisión de Galicia ou da Filmoteca, por poñer algún exemplo. Será un traballo discreto e construtivo, que probablemente non ocupe titulares, pero que responde ao que entendemos que máis precisa o sector, e ao que a Academia debe ser.

Premios María Luz Morales

Alba Gallego: No caso de iniciativas que se están a levar a cabo, por exemplo os María Luz Morales, buscaría a maneira de que o Premio tivese un percorrido maior: no caso dos videoensaios, por exemplo, que non teñen demasiados espazos como festivais para darse a coñecer, procuraría algunha maneira de buscar ese oco no resto de festivais galegos, nacionais e internacionais nos que tivese sentido proxectar pezas de investigación.

No caso dos Mestre Mateo, penso que teñen unha cobertura estupenda tanto en redes como nos distintos ciclos que se organizan. Ao mellor, buscaría darlle cabida aos proxectos como curtametraxes, por exemplo, que creo que non o teñen por agora.

Fotografías: Aigi Boga, Leo López e Tamara de la Fuente.

Categoría: Novas
Etiquetas: