A Coruña, 3 de decembro de 2022 | A Academia Galega do Audiovisual entregou hoxe o Premio Especial José Sellier, nun acto celebrado no Teatro Colón da Coruña. Secundino García, alcalde do concello de San Sadurniño, foi a persoa encargada de recoller o trofeo que acredita ao Chanfaina Lab como iniciativa recoñecida nesta undécima edicion das mans de Alfredo e Marta Sellier, descendentes do cineasta que lle dá nome ao premio.
Ana Míguez, en representación da xunta directiva da Academia, quiso lembrar no seu discurso ás persoas que fan posibles as iniciativas galardoadas co premio Sellier “desde a paixón, o compromiso, o entusiasmo, a militancia e, sobre todo, o traballo, enriquecen un sector do que nos sentimos tan orgullosas.”
Este concello de Ferrolterra é un dos principais protagonistas do Chanfaina Lab, xa que é o punto de encontro das creadoras e creadores audiovisuais convidados en cada edición a gravar unha curtametraxe que debe desenvolverse en San Sadurniño. No mes de febreiro os filmes son proxectados nun acto público coa asistencia dos autores e a veciñanza do concello.
O Concello da Coruña, entidade cuxo apoio fai posible a celebración deste evento, estivo representado polo primeiro tenente de alcaldesa Juan Ignacio Borrego, que foi a persoa encargada de pechar o acto.
Despois da entrega do galardón tivo lugar unha proxección de curtametraxes realizadas ao abeiro do Chanfaina Lab por creadoras e creadores de San Sadurniño: Boniatos no pais do sol poniente, de Carmen Couce, Carme Bouza, Lucia Pita, Consuelo Picos e Cruz Piñón; Cando ruxe o formigueiro de Abel Vega; Un ninguén máis de Ángela Arnosa; O meu traxecto ao cole de Pablo Martínez; Romero Trae de Fran Bermúdez e Non teño dono de Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo.
O trofeo do Premio Sellier, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumiere coa que José Sellier gravou as súas películas na cidade da Coruña.
O Premio Especial José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña.
Fotografías: Aigi Boga