A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe a concesión do XI Premio Especial José Sellier ao Chanfaina Lab, un proxecto de creación audiovisual colectiva que se celebra no concello de San Sadurniño.
A Academia quere recoñecer recoñecer unha iniciativa “que fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica. Unha proposta que reinvindica a súa alma rural e o seu espírito comunitario, sendo quen de implicar a veciñas e veciños e de inspirar as vocacións de novas xeracións de cineastas.”
Chanfaina Lab convida a creadores audiovisuais a gravar no concello de San Sadurniño unha curtametraxe durante unha fin de semana con total liberdade temática e estilística, tendo a San Sadurniño como referente. No mes de febreiro os filmes son proxectados nun acto público coa asistencia dos autores e a veciñanza do concello. A convivencia de cineastas locais de diferentes idades e procedencias con outros de traxectorias consolidadas enriquece unha proposta que se fundamenta no respecto polo territorio. No marco do Chanfaina Lab tamén se celebran obradoiros de formación.
![](https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/wp-content/uploads/2022/11/11908759_406094186264466_3826350776117879334_o.jpg)
Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, destacou este vínculo con San Sadurniño: “o Chanfaina Lab é imprescindible porque pon o foco no territorio, que debera ser un protagonista máis no audiovisual que producimos aquí. Aposta ademais por unha mirada ampla sobre o talento, contando con creadores de diferentes idades e experiencias” ao tempo que definía á iniciativa galardoada co XI Premio Sellier como “todo un exemplo de como debemos comportarnos como sector.”
![](https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/wp-content/uploads/2022/11/305110541_2040698399470695_4449888646909112681_n.jpg)
O premio Sellier é un galardón que outorga a Academia Galega do Audiovisual para premiar o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual; debe o seu nome ao pioneiro do cinema José Sellier Loup, quen, en maio de 1897 filmou, na Coruña, as primeiras películas rodadas en España con cámara Lumière.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 3 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Colón da Coruña e contará coa presenza de Alfredo e Marta Sellier, descendentes do cineasta. Eles serán os encargados de entregar ao Chanfaina Lab un trofeo deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, que reproduce a cámara Lumiere coa que José Sellier gravou aquelas primeiras imaxes da vida cotiá na cidade da Coruña.
O Premio Especial José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña.