Ana Gontad: “O traballo de programación consiste en ver moito cinema”

4 / 11 / 2022

A relación profesional da nosa asociada Ana Gontad cos festivais de cinema iniciouse hai case unha década nunha das citas máis senlleiras de Galicia, Cineuropa, que resoultou unha experiencia “marabillosa”. Na actualidade segue vinculada á mostra compostelá, formando parte do equipo de programación e dirixe, un pouco máis ao sur, o Primavera do Cine.

Comezamos a nosa conversa preguntándolle por aquela primeira edición traballando en Cineuropa. “Empecei alí en 2014 e o meu traballo consistíu en dar soporte en comunicación, así que foi o ano que máis películas puiden ver do festival. O ano seguinte xa afondei máis no traballo xestión e comezou a miña grande aventura en Cineuropa, pero lembro aquel primeiro ano cinéfilo con moito agarimo”.

O traballo de programación non é, moitas veces, coñecido para o público que asiste aos festivais.  Podes explicar en que consiste e como se organiza? 

O traballo de programación consiste en ver moito cinema. Habitualmente chegan a través das convocatorias que abren os mesmos festivais nas que se inscriben produtoras, distribuidoras ou mesmo cineastas, aínda que tamén hai un traballo de investigación e de asistencia a outros festivais para completar as diferentes programacións. Outra parte importante é a reunión co resto do equipo para concretar seccións e filmes, nas que xorden unhas discusións ás veces intensas e sempre apaixonantes, e por último chega o traballo de xestión e negociación do programador, que consiste en armar o programa adaptando os filmes escollidos ao orzamento dispoñible, que non adoita ser o que unha querería.

Podes contarnos unha anécodta que viviras nestes anos de traballo?

O traballo nun festival é tan intenso que se viven feixes de anécdotas cada día, pero coido que a miña primeira grande anécdota coincidiu coa primeira presentación que fixen cun director. Penso que foi no meu segundo ano en Cineuropa. Programamos un documental sobre a guerra civil española e estaba connosco o director, que era alemán. Nin o público nin el tiñan moitas ganas de que o debate rematara ao pechar a sala; así que saímos á rúa e, entre estudantes de festa (lembro que era xoves) continuamos o coloquio na Rúa Nova de Santiago ata as cinco e media da mañá.  

“O traballo nun festival é tan intenso que se viven feixes de anécdotas cada día”.

Ana Gontad, programadora.

Cal é a relación que se establece entre os equipos de dirección e programación?

Habitualmente, ou polo menos nos festivais nos que traballei, a persoa que dirixe o festival tamén é programadora, así que a relación e a comunicación é sempre fluída. Ten que selo, ademais, porque esa persoa é máis consciente das cuestións orzamentarias e ter unha comunicación franca e aberta é a que permite ás veces que poidas incluír a película dos teus soños (risas) mais sobre todo, é fundamental para que todo funcione ben.

Non existe unha formación específica para ser programadora. Que lle aconsellarías a unha persoa que desexe dedicarse a iso?

Que lea e estude linguaxe cinematográfica e historia do cinema, e que vexa todo o cinema que poida. Que asista a todos os festivais e converse con cineastas, ata comprender o que custa realmente facer unha película. E xa, a partir do respecto absoluto aos cineastas, que valore o que lle pode gustar ao público e o que pensa que debería ser de obriga ver. Nese equilibrio, que non sei se é posible,  radica o apaixonante desta profesión.   

Ana Gontad no festival Primavera do Cine.

Que diagnóstico fas da actual proposta de festivais cinematográficos que existe en Galicia?

Dunha saúde envexable. En Galicia hai ducias de festivais con liñas editoriais diferentes, cousa que lles permite asociarse e traballar man a man para profesionalizarse cada vez máis dun xeito moi enriquecedor. Algunhas institucións tamén comezan a ver que esta riqueza cultural de proximidade que están a traer estes festivais é algo a pontenciar para facer país e crear comunidade.

Con todo, é preciso unha maior implicación e flexibilidade de todas as institucións para que o esforzo de todas as persoas participantes poida verse compensado, tanto o do persoal dos festivais como o de cineastas. A temporalidade e a precariedade son dúas palabras que deberían ser eliminadas do vocabulario habitual desas dúas caras do mesmo eido, pero iso só será posible cando todas as institucións valoren realmente o eido cultural, que non deixa de ser a nosa pegada no mundo…

“En Galicia hai ducias de festivais con liñas editoriais diferentes, cousa que lles permite asociarse e traballar man a man para profesionalizarse cada vez máis dun xeito moi enriquecedor”.

Ana Gontad, programadora.

Se tiveras que recomendarnos tres, cales serían?

Non é unha tarefa doada precisamente por esa diversidade festivaleira que temos a sorte de poder gozar. Como cada festival galego ten unha liña temática perfectamente definida e moi valiosa, prefiro non eilixir, así que vou optar pola total subxectividade. Obviamente Cineuropa sería o primeiro, non só por traballar nel, senón tamén por formar parte da miña educación sentimental. Primeiro foron as películas de TVE das fins de semana, logo chegaron os VHS do videoclube, o Canal+ compartido e o cine Avenida de Caldas. Pero cando comecei a estudar en Compostela, chegou Cineuropa. Estaba afeita a ver as salas cheas, pero chegar a Cineuropa e formar parte desas ringleiras inmensas significou vivir o cinema por vez  primeira como un gran acontecemento.

Por outra banda, recomendaría os festivais que poñen o foco no cinema galego (Cans, por exemplo, ou o Primavera do Cine, que dirixín nesta edición), que está a vivir a súa época dourada en termos creativos, unha época dourada a nivel internacional que precisa dese compromiso activo que pido a todas as institucións para que non quede só en semente.

Por último, recomendo o Festival Cinema a pedal, un proxecto fermosísimo que conseguimos traer a Galicia este ano despois de moitos intentos. Trátase dun festival temático coas bicis como protagonistas para fomentar o seu uso; e que ao mesmo tempo é totalmente sostible, xa que o equipo de proxección funciona grazas a enerxía xerada polo pedaleo do público en quince bicicletas.

A programadora durante o I Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais

Podes contarnos en que proxectos estás a traballar?

Colaboro habitualmente coa Cinemateca Uruguaia, unha institución que é puro amor polo cinema e todo un exemplo de resistencia. Alejandra Trelles é compañeira de Cineuropa e directora artística da Cinemateca; desde que comezamos a traballar xuntas en Compostela funcionamos moi ben e agora programo con ela e o seu equipo o Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai e a súa plataforma, +Cinemateca que utilizan como cuarta sala.

Por outra banda, queremos que o Festival Cinema a Pedal se convirta nun evento itinerante porque esperta moi bo rollo entre todas as persoas participantes, á parte de que nos interesa seguir a traballar nesa liña de festivais sostibles.

Por suposto, sigo en Cineuropa, que comenza o vindeiro 4 de novembro e promete un bo feixe de sorpresas e unhas convidadas espectaculares. Non podo esquecer outros saraos xeniais nos que me meto grazas a Patricia Menéndez e Tamara Alonso, da Asociación Veganagal, como VEGANA, unha feira que leva dúas edicións na que é benvida toda persoa e proxecto que avogue pola empatía e o respecto interespecie. Polo demais, onde me leven os ventos.

Que che gusta facer cando non estás traballando?

Levo tantas horas pasadas diante do ordenador nos últimos anos, que co que máis gozo agora mesmo é saíndo dar un bo paseo polos nosos montes e praias. Tamén ler, por suposto… e seguir soñando nunha sala de cinema.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: