As actividades da Academia xeran máis de dous millóns de euros de valor publicitario

6 / 04 / 2022

  • Os Premios Mestre Mateo deixaron un retorno económico directo na cidade de mais de 250.000 € .
  • Mais de 3.000 espectadores pasaron pola Semana do Cinema Galego.

A Coruña, 6 de abril de 2022 | O primeiro trimestre do ano deixa datos para o optimismo sobre a saúde do audiovisual galego, como son os máis de dous millóns de euros de valor publicitario acadados polas actividades levadas a cabo pola Academia Galega do Audiovisual desde os inicios deste 2022. 

A iniciativa máis popular e lonxeva de cantas celebra a Academia, os Premios Mestre Mateo, celebraron a súa vixésima edición e obtiveron unha notable repercusión en medios de comunicación galegos e estatais, chegando a unha audiencia de máis de 800.000 persoas, cun valor publicitario de 1.638.315 €, o que representa un incremento do 55% con respecto ao obtido na edición anterior

“O evento cultural galego máis importante da historia de Expocoruña”, en palabras da directora do recinto Pilar López Cordal, deixou un retorno económico directo na cidade de mais de 250.000 € e supuxo  un importante polo de atracción de inversión privada xa que o 33% do orzamento foi aportado por empresas patrocinadoras e colaboradoras. A producion dos Premios Mestre Mateo empregou a máis de 300 profesionais e 52 empresas auxiliares.

Público da Semana do Cinema Galego no Teatro Colón. AGA/ Vanessa Rábade

Pola súa banda, a terceira edición da Semana do Cinema Galego, unha mostra non competitiva única en Galicia, tamén foi seguida con interese polos medios de comunicación, acadando un valor publicitario de 214.481 € e chegando a unhaaudiencia de 4.712.835 persoas.

Os dez filmes que conformaron o programa foron vistos por máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron a sala do Teatro Colón, colgando en dúas ocasións o cartel de “aforamento completo”. 

Para rematar, o 26 de marzo arrincaban con éxito de público as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, un circuito de exhibición de cinema galego que levará as oito producións máis recentes e recoñecidas do noso audiovisual a 28 localidades de 5 países diferentes. En palabras do presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra “a boa acollida de público que está a ter o Ciclo non fai máis que confirmar o gran momento de crecemento e creatividade que está a vivir o sector audiovisual galego”.

Fotografía de portada: Esther Estévez recollendo o Mestre Mateo a Mellor Comunicadora. AGA/ Aigi Boga

Categoría: Novas
Etiquetas: