A Academia Galega do Audiovisual participa en Málaga no V Encontro de Academias de Cine da Península Ibérica

30 / 03 / 2022

Durante o pasado Festival de Málaga, a Academia Galega do Audiovisual participou no V Encontro de Academias de Cine da Península Ibérica, no que tamén participaron representantes da Academia del Cine Aragonés, a Acadèmia del Cinema Català, a Academia del Cine Asturiano e a Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual, actuando como anfitrioa a Academia de Cine de Andalucía.

Esta iniciativa, que arrancaba na Coruña en 2017 impulsada pola Academia Galega do Audiovisual, ten como obxectivo o intercambio de experiencias o establecemento de sinerxias para o fortalecemento da cinematografía en cada territorio, ademais do fomento dos debates sobre o presente e o futuro da profesión. Málaga recollía así o testigo de A Coruña, Zaragoza, Valencia e Barcelona, anfitrioas das catro edicións anteriores.

As participantes defenden que a aportación creativa xurdida desde os distintos territorios, non só é necesaria para o bo funcionamento do audiovisual dos mesmos, e da diversidade cultural que representan, senón para o conxunto da produción de toda a Península.

As Academias, que aglutinan a máis de 1.700 profesionais do sector, valoraron a posta en marcha de actividades conxuntas, como a creación din ciclo itinerante de cinema, que poda verse en cada unha das comunidades participantes. 

Marta Velasco, Lourdes Palacios e Enrique Iznaola, da Academia de Cine de Andalucía, foron os anfitrións de dúas intensas xornadas de traballo, nas que tamén participaron Jesús Marco e Santiago Fuster (Academia del Cine Aragonés),  Graciela Mier e David Blanka (Academia del Cine Asturiano), Judith Colell e Angels Masclans (Acadèmia del Cinema Català) e Cristina Perales (Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual). A Academia Galega do Audiovisual estivo representada polo seu director, Miguel Mariño, e a súa xerente, Marisela Lens.

Fotografía: Eloy Muñoz

Categoría: Novas
Etiquetas: