A Academia e o Concello da Coruña presentan as actividades que convertirán á cidade no “epicentro do audiovisual galego” en 2022

14 / 12 / 2021

  • Os XX Mestre Mateo celebraranse o 19 de marzo en Expocoruña cun novo formato de gala
  • A III Semana do Cinema Galego amplía a súa programación e duración con respecto á edición anterior
  • O XI Premio Sellier reivindica o 125 aniversario das primeiras películas rodadas en España

Martes 14 de decembro de 2021 | Está mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación das actividades que se celebrarán en 2022 en virtude da colaboración entre o Concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual, nunha rolda de prensa coa participación de Inés Rey, alcaldesa da cidade herculina, e Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia. 

Durante a presentación, ámbalas dúas institucións reafirmaron o seu compromiso de seguir traballando para consolidar á Coruña como a cidade de referencia do sector audiovisual,  “o epicentro do audiovisual galego” en palabras da alcaldesa, “por número de empresas instaladas e polos postos de traballo que se xeran”. Na mesma liña, Álvaro Pérez Becerra  tamén quixo salientar “o enorme potencial artístico e industrial relacionado co sector audiovisual que se concentra na cidade” que alberga á Academia desde o ano da súa fundación, o 2002, así como “o compromiso continuado dos diferentes gobernos municipais e de todos os grupos políticos”.  Agradeceu á alcaldesa “dar continuidade a esta colaboración, traballando conxuntamente connosco desde os equipos de Cultura do Concello, propoñendo, suxerindo e mellorando as nosas propostas”. 

Esta colaboración articularase en 2022, ano no que a Academia celebra o seu vixésimo aniversario, en torno a catro actividades: o vinte aniversario dos Premios Mestre Mateo, a terceira edición da Semana do Cinema Galego, o XI Premio José Sellier e a celebración dunhas xornadas destinadas a profesionais do sector, que foron presentadas por Álvaro Pérez Becerra.

Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia e Inés Rey, alcaldesa da cidade herculina

XX Premios Mestre Mateo

A XX edición dos premios será “uno dos proxectos centrais da Academia e o Concello en 2022” cun cambio de formato de gala “que buscará sorprender”. A celebración terá lugar o vindeiro 19 de marzo en Expocoruña, un novo recinto para unha nova experiencia dos premios cos finalistas das distintas categorías sentados en mesas ao redor dun escenario, cun formato similar ao doutras populares entregas de premios como os Globos de Ouro ou os Premios Feroz. A Coruña acollerá así “os primeiros premios convocados por unha das Academias da península neste formato”. 

III Semana do Cinema Galego
En marzo regresa este certame, ampliando a súa programación con novas temáticas, para novos públicos e duplicando as xornadas de duración con respecto á anterior edición. Para o presidente da Academia, o obxectivo para esta cita é claro “situarse no mapa de citas audiovisuais no ámbito estatal, e este é o embrión sobre o que podemos estar especialmente orgullosos por ter nacido con vocación de proxectar cine feito en Galicia”.

XI Premio José Sellier
En 2022 cúmprense 125 anos dun momento histórico: a rodaxe das primeiras películas rodadas en España a cargo de Jose Sellier Loup, quen, en maio de 1897, filmou na Coruña con cámara Lumière as pezas Orzán, oleaxe; Praza de Mina e Fábrica de Gas. A Academia entrega un premio que leva o seu nome, e recoñece iniciativas salientables para o sector audiovisual galego, que celebrará a súa undécima edición o ano que vén. 

Xornadas profesionais
Ao rematar o ano terán lugar unhas xornadas profesionais que buscarán ser un punto de referencia para profesionais de todo o Estado. Álvaro Pérez Becerra indicou que “queremos situar á cidade no lugar que merece no panorama audiovisual español e europeo, e facelo tamén desde a óptica das e dos profesionais”. 

Inés Rey ratificou a colaboración do Concello nas actividades presentadas e recoñeceu que desde o goberno local “somos conscientes do papel estratéxico que ten o sector audiovisual, no só no ámbito cultural galego senón tamén do impacto que ten na cidade da Coruña”.

Categoría: Novas
Etiquetas: