A entrega do galardón á revista dixital A Cuarta Parede terá lugar no antigo Cine Valle Inclán da Coruña, actual Garufa Club, o mércores 1 de decembro a partir das 20:00h.
Será conducido pola nosa asociada María Solar, directora de programación cultural da CRTVG “para min presentar esta gala é unha ilusión e un honor, como xornalista cultural e como socia da Academia Galega do Audiovisual. O Premio José Sellier fai dez anos cunha nova xuventude, darlle un espazo autónomo dos Mestre Mateo, un trofeo novo, ou unha gala nova é, sen dúbida, facelo medrar.”
A tamén escritora e xornalista parabenizou á iniciativa galardoada co X Premio José Sellier “por tantas páxinas escritas, tanto cine visto, e tanta paixón coa que nolo contaron” sen esquecer a oportunidade da celebración “levamos un ano moi duro no que o audiovisual nos salvou aos espectadores de tolear nas peores horas de confinamento pero que, para os profesionais, supuxo un duro parón e novas incertidumes para un sector de por si inestable. Custou, e custa aínda, remontar. Xuntarnos, tirar unidos da profesión e galardoar aos que traballan incansablemente por ela, é necesario e intelixente.
A Academia Galega do Audiovisual outorga o premio especial José Sellier como recoñecemento a iniciativas salientables para o sector audiovisual galego. Debe o seu nome ao pioneiro do cinema Jose Sellier Loup, quen, en maio de 1897 filmou con cámara Lumière as pezas Orzán, oleaxe; Praza de Mina e Fábrica de Gas. No evento presentarase un novo trofeo deseñado para conmemorar o décimo aniversario deste galardón.