A nosa asociada Beli Martínez recibirá mañá o premio Chano Piñeiro na XXVI edición do Ourense Film Festival (OUFF), un galardón instituído este ano para “recoñecer ás persoas emprendedoras do audiovisual galego, que sacan adiante os seus proxectos, en ocasións. á marxe da industria estandarizada”. Repasamos con ela o seu traballo á fronte de Filmika Galaika, desde os inicios ata as películas que este ano a están levando a visitar os festivais de cinema máis importantes do mundo.
Que sentiches cando che comunicaron este recoñecemento?
O primeiro foi sorpresa porque este é o primeiro premio que recibo a título persoal. Normalmente este tipo de galardóns dáse a directores, actores, etc ,é dicir, aqueles membros dos equipos cunha maior visibilidade. O meu traballo é bastante invisible e bastante duro polo que calquera recoñecemento sempre é benvido e de agradecer.
Por outra banda, sempre recordo un vídeo que circula na rede no que Chano Piñeiro fala da necesidade de facer cinema en Galicia, un cinema propio. El daquela formulaba isto como unha especie de utopía e, pola miña parte, alégrame que, en certa medida, este galardón recoñeza este esforzo que moitos de nós facemos para que sexa unha realidade.
O festival salienta o teu labor desde Filmika Galaika “por potenciar e dar a coñecer unha fornada de novas creadoras e creadores galegos” así como a proxección internacional dos traballos que produces. Estaban entre os teus obxectivos ao poñer en marcha a produtora? Podes contarnos como foron eses inicios?
A miña idea dende o comezo era poder producir filmes cunha clara vontade autoral. Evidentemente, hai doce anos (os anos que ten Filmika) isto era moito máis complicado e mentiría se dixese que entre os nosos obxectivos estaba chegar a onde chegamos. Daquela nin eu mesma cría que o noso cinema tivese o potencial de estar falando de ti a ti a nivel internacional coas propostas máis relevantes, como o fai no momento actual.
Esta proxección internacional continuou en 2021 con grandes noticias para o noso sector: a selección de Sycorax, dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e, máis recentemente no festival de Toronto; Eles transportan a morte, dirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, seleccionada na Semana da Crítica da Mostra de Venecia e na sección Zabaltegi do Festival de San Sebastián. Dá vértixe pensar nestas grandes citas internacionais? Hai algún festival no que che gustaría estar seleccionada no que aínda non o estiveras?
Dá moita vertixe pensar nestes últimos anos; na traxectoria da empresa en xeral e na miña en particular. Espero que esta carreira sexa inspiradora para outras persoas. Sempre lembro que cando estudiaba se nos falaba que o máximo ao que podíamos aspirar era a chegar a traballar en Madrid. Agardo que os logros obtidos nestes últimos anos nos fagan confiar máis en nós e nas nosas propias potencialidades.
Sobre a idea de estar seleccionada nun ou noutro festival a mín sobre todo gústame ir a aqueles sitios nos que se crea certo espíritu de comunidade. Hai a varios que me gustaría visitar como Viennale ou Jeonju pola cercanía que teño con varias das persoas que traballan aló e polas referencias da xente que xa os visitou.
“Lembro que cando estudiaba se nos falaba que o máximo ao que podíamos aspirar era a chegar a traballar en Madrid. Agardo que os logros obtidos nestes últimos anos nos fagan confiar máis en nós e nas nosas propias potencialidades”.
Beli Martínez, produtora.
Os dous traballos anteditos son coproducións. Na túa opinión, cales son as vantaxes e as desvantaxes de coproducir? Pensas que o feito de coproducir axuda a acadar unha maior proxección internacional?
Producir unha película supón unha longa viaxe na que haberá moitos momentos duros e complicados, ao igual que tamén os hai bos, isto non o podemos esquecer nunca. É un proceso longo no tempo polo que deberemos saber buscar moi ben a eses compañeiros de travesía. Debe ser xente na que confiemos ao cen por cen e cos que sabes que podes contar a pesar das dificultades.
As nosas dúas últimas producións, como ben dis, son coproducións que como normalmente as defino son coproducións naturais. Eles transportan a morte fílmase e fala dunha historia que transcurre en dous territorios: Galicia e Canarias. O normal era que fosemos un coprodutor de cada un destes espazos como así foi. Con Sycorax acontece o mesmo. A historia serve de preludio á longametraxe Ariel que se filmará en Galicia e Azores, polo que era importante empezar a probar non só aos directores (Lois Patiño e Matías Piñeiro), ao director de fotografía (Mauro Herce) senon tamén aos propios produtores.Neste sentido, coido que tanto El Viaje para Eles transportan a morte como Bando à parte, no caso de Sycorax teñen filosofías moi próximas a Filmika Galaika e unha visión moi parecida á idea de que é o cine.
As túas producións máis recentes son obras de ficción, pero desde Filmika Galaika tamén tes producido documentais como Those that, at a distance, resemble another de Jessica Sarah Rinland, Os Corpos de Eloy Domínguez Serén ou Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld (Mestre Mateo á Mellor longamentraxe documental en 2019). En que formato che resulta máis cómodo traballar?
Dende que estudiaba interesoume o cinema documental, o traballo co real. Fronte a idea, xa superada, de que o documental é un discurso da sobriedade, paréceme que é un dos espazos máis creativos e propicios á experimentación narrativa e formal.
Ultimamente si que é certo que teño producido máis ficcións pero, ao final, o que me interesa máis non é a distinción entre ficción ou documental, se non a súa intersección e, sobre todo, aqueles filmes que se interrogan a si mesmos e á linguaxe cinematográfica.
“O que me interesa máis non é a distinción entre ficción ou documental, se non a súa intersección e, sobre todo, aqueles filmes que se interrogan a si mesmos e á linguaxe cinematográfica”.
Beli Martínez, produtora.
A túa tese de doutoramento, O cine de non ficción no Novo Cinema Galego 2006-2012, é pioneira na análise do fenómeno do Novo Cinema Galego. Cal consideras que foi a evolución do fenómeno dos seus inicios ata hoxe?
Algúns falan da morte do Novo Cinema Galego, eu non diría tanto. Pero é obvio que hai unha evolución. Ao longo destes máis de dez anos podemos observar como hai unha madurez nas propostas e tamén nas propias producións ao fortalecer os seus orzamentos e as propias estruturas produtivas. Fai dez anos era improbable que estes filmes foran apoiados por empresas ou televisións. Así con todo, tamén fomos perdendo algúns elementos xenuínos propios da xente nova como pode ser certo brío e inxenuidade.
Ao longo da túa traxectoria, ademáis da docencia e a produción, tes estado vinculada a proxectos diversos como Socheo (Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación), Camiños da Imaxe, Cinema e Muller ou festivais galegos como Play Doc ou Curtocircuíto. Se tiveses que destacar só un, con cal te quedarías e por que?
Ao ler este listado coido que o que se pode destacar é certa coherencia na miña traxectoria… por momentos tamén son incoherente e gústame selo na vida. Levo máis de vinte anos vinculada ao cinema e coido que, entre todos estes proxectos, hai unha liña común que é a de tratar de facer cousas con vontade de innovar e de avanzar. É importante non quedarse estático ou inmóbil, traballar e, a pesar dos atrancos, caer e erguerse.
Podes adiantarnos en que proxectos te veremos proximamente?
Neste momento estamos coa preprodución de La Parra, unha longametraxe de Berto Gracia que se vai rodar en Ferrol. Faime especial ilusión esta película porque ademais de traballar por primeira vez cun dos directores máis xenuínos tamén é unha película urbana; despois de ter filmado bastante no rural, a idea de filmar nunha cidade, e máis en Ferrol resúltame atractiva. Tamén estamos tratando de arrancar Krakatoa, un proxecto de Carlos Casas, filme de corte eminentemente experimental sobre a historia do Krakatoa e que narra a historia do último supervivente á erupción do volcán.
Fotografías: Tamara de la Fuente