O bosque animado, a primeira película de animación europea en 3D, cumpre vinte anos

4 / 08 / 2021

O 3 de agosto de 2001 celebrouse na Coruña a estrea de O bosque animado. Sentirás a súa maxia, a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fora dos Estados Unidos. Detrás deste fito estaba Dygra Films, unha productora coruñesa fundada en 1987, pioneira na creación de interactivos táctiles, páxinas web e simuladores de xogo. 

A película é unha adaptación libre da novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez, que xa fora levada con éxito á gran pantalla por José Luis Cuerda en 1987. Conta as peripecias dos habitantes do bosque: as teupas Furi e Linda, que protagonizan a cinta, a gata Morriña, o rato Piorno, o lucecú Luci, as moscas Huhu e Hoho, o Carballo centenario, o eucalipto, o piñeiro e o recentemente instalado poste de teléfono. Todos deberán unir as súas forzas ante a ameaza dos señores D´Abondo, propietarios do pazo: a el gústanlle a caza e a taxidermia e a ela coleccionar pieis. 

Fotograma de O bosque animado

Cun orzamento de 550 millóns de pesetas (algo máis de 330.000 euros) a produción prolongouse durante catro anos e contou co traballo de máis de 400 profesionais, quen tiveron que adaptar os seus procesos de traballo á daquela novidosa técnica de animación en tres dimensións. 

Fotograma de O bosque animado

Esta película pioneira obtivo unha recadación en salas de cine de case dous millóns de euros e que foi recoñecido con dous premios Goya, os de Mellor película de animación e Mellor canción orixinal para Tu bosque animado, de Luz Casal e Pablo Guerrero. Tamén se convirteu na primeira película española preseleccionada para competir polo Óscar á Mellor longametraxe de animación. Xa antes da súa estrea, a expectación que xerou foi tal que os convites para a preestrea, celebrada de xeito simultáneo na Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra esgotáronse en cuestión de horas.

Furi, Linda, a señora D´Abondo e outros habitantes da fraga volverían ás pantallas en El espíritu del bosque, a secuela de El bosque animado, que foi estreada en 2008.

Categoría: Entrevistas
Etiquetas: