- A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove a proxección dos filmes finalistas dos Mestre Mateo en Foz, Vilalba e Chantada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual
- Os primeiros pases terán lugar os días 6, 7, 8 e 9 de abril, na Casa da Cultura de Foz
A vicepresidenta e responsable de cultura da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos un ciclo de proxeccións que levará as catro longametraxes finalistas dos XIX Mestre Mateo a Foz, Vilalba e Chantada. Estiveron acompañados por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e Mercedes Vázquez, de Airoá Comunicación, que xestionarán as proxeccións en Vilalba e Chantada, respectivamente.
O programa está composto por A illa das mentiras (Paula Cons, 2020) con 12 candidaturas finalistas, Arima (Jaione Camborda, 2019) con 7, Lúa vermella (Lois Patiño, 2020) con 4 e Ons (Alfonso Zarauza, 2020) con 13. As catro son as finalistas na categoría de Mellor Longametraxe.
Os primeiros pases terán lugar do 6 ao 9 de abril na Casa de Cultura de Foz, grazas á colaboración da Concellería de Mocidade. Nos vindeiros días concretaranse as proxeccións en Vilalba e Chantada, previstas para o mes de maio.
Pepe Coira quixo salientar que “a iniciativa concorda co obxectivo dos Mestre Mateo que pretenden ser un escaparate para o conxunto do audiovisual galego. Este ciclo permítenos dar a coñecer e poñer en valor o que se está a facer, especialmente nun ano coma este no que a pandemia condicionou a actividade nas salas comerciais”.