30 anos do CGAI e da Escola de Imaxe e Son da Coruña. Falamos con cinco xeracións de profesionais que medraron ao abeiro das dúas institucións

13 / 02 / 2021

  • Carlos Amil, José María Rodríguez Armada “Chema”, Olga Osorio, Sara Horta e Alicia Alonso comparten connosco experiencias, reflexións e anécdotas
  • En 1991 nacían a Escola de Imaxe e Son (14 de febreiro) da Coruña e o CGAI-Filmoteca de Galicia (15 de marzo)

Neste 2021 ten lugar o 30 aniversario de dúas institucións de referencia para entender o sector audiovisual en Galicia. O vindeiro 14 de febreiro a Escola de Imaxe e Son da Coruña, e o 15 de marzo o CGAI-Filmoteca de Galicia están de celebración. O primeiro, un centro de formación pioneiro polo que pasaron centos de profesionais; a outra, unha filmoteca dedicada á recuperación e custodia do patrimonio audiovisual e fotográfico galego e á programación de ciclos temáticos e proxeccións.

Para conmemorar esta efeméride falamos con cinco persoas representantes das distintas xeracións que pasaron polas aulas da Escola e pola sala do CGAI para que compartan connosco experiencias, reflexións e anécdotas. Son tamén cinco profesionais do sector vinculados e vinculadas á Academia Galega do Audiovisual: os nosos asociados Carlos Amil e Olga Osorio, cineastas e docentes da EIS; José María Rodríguez Armada, Chema, ex-alumno da escola, Premio de Honra Fernando Rey en 2020 e proxeccionista do CGAI; a nosa asociada Sara Horta, produtora e ex-alumna, e a realizadora, encargada de comunicación e produtora de contidos dixitais Alicia Alonso, que tamén pasou polas aulas de Someso e traballou na coordinación e comunicación de diversos proxectos da Academia. 

Escola de Imaxe e Son da Coruña. Imaxe: EIS

Como indica Carlos Amil as dúas institucións “foron da man dende o principio, facendo moitas actividades comúns, como as lembradas xornadas de Cero en conducta, que trouxeron a Galicia unha chea de profesionais e estudosos do audiovisual en Galicia, en España, e mesmo internacionais. Ademais do espírito que emanaba da EIS, lembro con especial agarimo os primeiros anos do CGAI, que eran un punto de encontro para todos os profesionais de Galicia arroupados por Pepe Coira”.

José María Rodríguez Armada, Chema destaca a formación en Historia do Cinema que brindaron as dúas institucións aos seus alumnos e espectadores e como foron evolucionando e medrando xuntas desde 1991 “na EIS formáronse moitos dos profesionais que temos hoxe en día no noso sector audiovisual e no CGAI gárdanse moitas das súas obras para que sexa posíbel velas dentro de algúns anos, os que sexan, cumprindo co seu traballo de conservación do patrimonio audiovisual”. Considera que ámbalas dúas teñen un grande valor “non só polo que foron hai 30, 20, 10 anos, senón polos ideais que manteñen a día de hoxe en canto aos fins cos que se crearon: a formación, a preservación, recuperación e a difusión da produción audiovisual galega”.

Alicia Alonso tamén destaca a interrelación entre as dúas institucións “a escola foi dos primeiros centros de formación do sector, e o seu papel e a súa contribución estiveron sempre directamente ligados co CGAI. Penso que ámbolos dous tiveron un papel fundamental e paralelo na formación de técnicos e cineastas tanto no campo máis teórico e académico, grazas á EIS, coma no campo máis profesional, grazas ao CGAI e o seu labor de exhibición e arquivo do noso audiovisual, entre outras”.

Fachada da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, sede do CGAI. Imaxe CGAI

“Hai moitas [proxeccións especiais do CGAI] pero supoño que as máis especiais para min son nas que se proxectaron as miñas curtas e tiven ocasión de percibir de xeito directo como as recibía o público.”

Olga Osorio

Carlos Amil rememora os inicios da Escola de Imaxe e Son “durante os cinco primeiros anos apenas tiven un fin de semana libre, eu era o encargado de abrir a escola sábados e domingos para permitir o acceso a aqueles que, voluntariamente, querían facer traballos extraescolares. Todo no máis absoluto segredo, porque a autoridade institucional non o permitía” unha anécdota que ilustra “ese espírito marabilloso que aureaba á EIS”. A anécdota de Olga Osorio tamén nos dá unha idea de como era esa especial convivencia que tiña lugar nas aulas de Someso “fun docente dos primeiros anos de modular, que se imparte en horario de tarde-noite, e tiñamos moi poucos alumnos, tan poucos que ás veces tocabamos a alumno por profesor. Nunha desas ocasións, eu impartía Representacións Escénicas nese momento, chegou o conserxe e mirou o que estabamos a facer o alumno e máis eu. O alumno estaba a facer un monólogo e o conserxe, criticamente, dixo: mirade, para facer o que facedes ben podiades ir ao bar e así eu pecho a Escola”.

Carlos Amil co director de fotografía Acácio de Almeida.

José María Rodríguez Armada, Chema, alumno das primeiras promocións da EIS relembra a súa proba de ingreso: “eu viña dun mundo onde a única relación co cinema dábase na escola dos domingos na miña vila, vaia aquí unha pequena homenaxe a quen foi profesor meu na EIS, Daniel Domínguez, unha grande perda coma profesor e como persoa, e o Cineclube da segunda canle de TVE. De súpeto atópome diante dunha gran pantalla vendo imaxes de La ley de la calle de Coppola e outras e cubrindo un cuestionario no que aparecían palabras coma “raccord”, “salto de eixo”, “elipse” e algunhas máis que me soaban a chinés. Foi daquela cando me decatei que de esto do cine era unha cousa seria e tiña moito que aprender sobre a súa xénese”. 

Sara Horta foi alumna do ciclo de realización para despois regresar á EIS para impartir clases de Red One ao profesorado, coa súa produtora Pixel Films, unha experiencia que lembra “con moitísimo cariño”. Lembra tamén unha ocasión na que tiña como titor a Gustavo Pernas “veu dicirme que meus pais foran dende Ribeira a velo para unha titoría, e que nos seus anos de docente foran os primeiros pais en asistir a unha, non daba crédito. Foi marabilloso con eles, meus pais quedaron encantados de poder coñecelo e eu tamén me alegro que tiveran a sorte de facelo”.

Sara Horta na súa época de alumna da EIS

“Ainda que poidera haber outra xente [compañeiras e compañeiros de promoción] con moitísima diferencia está Jairo Iglesias para min. Foi compañeiro de promoción e prácticas, compañeiro á hora de experimentar coas curtametraxes e finalmente compañeiro e amigo durante 8 anos nun proxecto empresarial.”

Sara Horta

Alicia Alonso aínda lembra o seu primeiro día de clase “na presentación o profe sacou papeliños con preguntas para todas, para coñecernos. Despois de ter respondido, tocounos a nós preguntarlle a él. Lembro perfectamente a miña pregunta pero, sobre todo, o que máis lembro é a súa resposta: ‘Que lle regalarías á persoa que máis queres? Tempo’. Tiven, e teño aínda a día de hoxe, esa resposta rondando pola miña cabeza sen parar. Ao rematar ese curso tivemos que facer un pequeno vídeo que resumira o noso ano, o que sentíramos nese primeiro curso. O meu titulouse Tiempo. E de aí saiu a miña primeira curta. Tamén teño tatuada esa palabra na miña perna desde ese ano”. 

Polas aulas da escola pasaron centos de persoas, entre profesorado e alumnado, que despois chegarían a coincidir profesionalmete. Carlos Amil coincidiu no claustro da EIS “cos mellores profesionais e artistas do audiovisual en Galicia: Manolo González, Daniel Domínguez, Carlos Oro, Ignacio Pardo, Gustavo Pernas e un longo etcétera, dos que aprendín moitas cousas a nivel persoal e profesional”. Tamén considera que tivo “alumnos extraordinarios, dos que moitos copan hoxen os postos principais na industria audiovisual galega, e dos que honestamente creo que aprendín máis eu do que eu mesmo lles puiden aprender a eles”.

“Na presentación o profe sacou papeliños con preguntas para todas, para coñecernos. Despois de ter respondido, tocounos a nós preguntarlle a él. Lembro perfectamente a miña pregunta pero, sobre todo, o que máis lembro é a súa resposta. ‘Que lle regalarías á persoa que máis queres? Tempo’. Tiven, e teño aínda a día de hoxe, esa resposta rondando pola miña cabeza sen parar.”

Alicia Alonso

Na promoción de Chema, Premio Fernando Rey en 2020, moitos compañeiros non seguiron tendo relación co medio audiovisual, porén, tamén hai un número elevado cos que considera que medrou profesionalmente e que, antes ou despois, pasaron coa súa obra polo CGAI “Paco Cuesta, Diego Macho, Sandra Sánchez, Alfonso Zarauza, Bertitxi”. Aínda que recoñece que poden faltar nomes nesa listaxe “que ninguén se alporice porque non me lembre del ou dela, un xa tén unha idade na que se lle perdoan os despistes”.

Olga Osorio tamén destaca a boa relación existente entre o profesorado e o alumnado da EIS “tiven o pracer de que algúns dos meus alumnos e varios dos meus compañeiros traballaran comigo en proxectos persoais e/ou profesionais: Elisa Vecino, Ana Monteagudo e Paris son algúns dos profes cos que colaboro habitualmente. Con Olaia Sendón hai unha longa relación de retroalimentación mutua que seguro que nalgún momento cristaliza nalgún proxecto concreto. Entre o alumnado, seguro que esquezo a moitos, pero Andrés Seijo, Nacho Ozores, Cris Dieste, Capi, Adrián Rei, Yoli Rodríguez, Leti Ocaña, Álvaro Bernabeu, Pablo Díaz, Judith Rodríguez… son algúns dos rapaces e rapazas que colaboraron comigo en curtas e videoclips”.

Interior da Escola de Imaxe e Son. Imaxe: EIS

“Durante os cinco primeiros anos apenas tiven un fin de semana libre, eu era o encargado de abrir a escola sábados e domingos para permitir o acceso a aqueles que voluntariamente querían facer traballos extraescolares. Todo no máis absoluto segredo, porque a autoridade institucional non o permitía.”

Carlos Amil

Alicia Alonso coincidiu nas aulas de Someso con Manuel Iglesias e Ana Correa, cos que considera que medrou profesionalmente. E tamén co profesor Carlos Oro, con quen “aprendín o que é a paixón polo cine; aprendín sobre as intencións dos filmes e, sobre todo, aprendín o que é vivir con intensidade polo teu traballo”.

Sara Horta coñeceu en Someso a Jairo Iglesias: “aínda que poidera haber outra xente, con moitísima diferencia está Jairo para min. Foi compañeiro de promoción e prácticas, compañeiro á hora de experimentar coas curtametraxes e finalmente compañeiro e amigo durante 8 anos nun proxecto empresarial”. 

Ao longo destes 30 anos, a sala do CGAI-Filmoteca de Galicia acolleu estreas, proxeccións de cine de autor, pases de traballos que rara vez se puideron ver en pantalla grande, cine clásico, obras experimentais ou proxeccións das obras do alumnado e profesorado da EIS. Olga Osorio lembra dun xeito especial “cando se proxectaron as miñas curtas e tiven ocasión de percibir de xeito directo como as recibía o público”. Sara Horta tamén garda grandes recordos de sesións nas que se proxectaron películas ou pezas das que formaba parte, pero o mellor recordo que atesoura é “compartindo unha sesión ordinaria coa miña mellor amiga vendo La rosa púrpura de El Cairo”. Para Alicia Alonso foi visionar Cinema e Muller, unha película colaborativa feita de curtametraxes dirixidas por dez directoras pontevedresas, coordinada por Xisela Franco e Beli Martínez. Para Carlos Amil “houbo varias, como as do ciclo Kurosawa, pero foi especialmente fermoso ver seguido as tres películas de O padriño en VO con subtítulos. E tamén as proxeccións coas curtas de Norman McLaren, e as curtas de Tex Avery proxectadas por Ignacio Benedeti”.

“Como proxeccionista [do CGAI] aínda que se fixeron moitísimas sesións especiais para min, téñolle moito cariño a un ciclo de Buster Keaton que se fixo hai moitos anos. É que me gusta rir, algún defecto tiña que ter, non?.”

José María Rodríguez Armada “Chema”
Arquivo do CEGAI. Imaxe: CGAI

Para Chema Rodríguez que leva toda a súa vida profesional vinculado á filmoteca, é moi difícil elixir unha proxección. Xa na súa etapa de estudante asistiu a moitas “saíamos da EIS iamos correndo a coller o bus ou o coche para intentar chegar á proxección diaria do CGAI, alí vin películas clásicas que xa tiña visto na televisión como Ciudadano Kane ou Amanecer en pantalla grande, dentro do que é a pantalla do CGAI, que non é tan grande pero claro, na casa tiñamos unha televisión Grundig de tubo de 21 pulgadas, a diferenza é clara”. Despois, a pantalla do CGAI converteuse na súa compañeira do día a día “como proxeccionista, aínda que se fixeron moitísimas sesións especiais para min, téñolle moito cariño a un ciclo de Buster Keaton que se fixo hai moitos anos. É que me gusta rir, algún defecto tiña que ter, non?”. 

Todos concordan no papel crucial que xogaron nestes 30 anos as dúas institucións no desenvolvemento do actual audiovisual galego. Alicia Alonso destaca a súa importancia “nun sector que cada vez é máis diverso e heteroxéneo” e Sara Horta as súas contribucións “claramente formativas e de axudar a instaurar unha industria e unhas gañas de medrar que semellan querer articularse arredor da Coruña”.

“Ámbalas dúas foron esenciais á hora de vertebrar puntos en común nun momento en que non existían apenas en Galicia e no que estaba a aparecer o sector como tal” opina Olga Osorio “en canto á EIS, é evidente que foi esencial na formación técnica e tamén desde o punto de vista da linguaxe audiovisual, mentres que o CGAI contribuiu a crear cultural audiovisual e por a disposición da xente da cidade títulos e autores que doutro xeito dificilmente terían chegado”.

Categoría: Análise / Novas
Etiquetas: