Lucía Veiga: “Os premios deben servir como proba de que somos axentes imprescindibles da sociedade”

20 / 01 / 2021

Empática, autoesixente e cabezuda (que tamén pode ser perseverante), tranquila, positiva e paciente. Con estas palabras se define Lucía Veiga, filóloga, actriz, monologuista e presentadora, con anos de percorrido actuando nos escenarios de toda Galicia. Ela será a presentadora da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo. 

Recibiu o encargo de Óscar Cruz, produtor executivo do evento e membro da directiva da Academia “falar con Óscar sempre é un chute de positivismo e bo rollo, así que collín á chamada feliz, por saber del e falar un chisco. Cando me explicou o motivo primeiro pensei que era unha broma, pero aínda non eran os Inocentes, así que a continuación o pobre tivo que aturar a explosión de alegría. Probablemente foi unha das chamadas máis emocionantes da miña vida”.

“No 2020 dos confinamentos, do illamento, das distancias e dos peches, o único ao que nos puidemos aferrar para non murchar foi á cultura”

Lucía Veiga, presentadora da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo

Será a presentadora da Gala nun ano anómalo e cheo de incertezas provocadas pola crise sanitaria. Considera que a cultura non resultou valorada, tradicionalmente, en épocas de crise “sempre é un dos eidos máis afectados, porque somos considerados prescindibles” pero a situación está a mudar “no 2020 dos confinamentos, do illamento, das distancias e dos peches, o único ao que nos puidemos aferrar para non murchar foi á cultura. E dentro das súas facetas, os que podían librar das restricións eran a literarura, a música, e os contidos audiovisuais. A produción audiovisual non se detivo, adaptouse ás complicadas condicións tanto en factura como en contido e demostrou que é necesaria, como motor económico e cultural”.

A actriz coruñesa asistiu por vez primeira á Gala dos Mestre Mateo no ano 2017 co equipo da webserie Galicia Crime. Reivindica a importancia destes premios “deben servir como recoñecemento e escaparate do esforzo do sector, como homenaxe ao traballo en condicións extremas e aos traballos que tiveron que parar, e como proba de que somos axentes imprescindibles da sociedade”. 

“O que máis me apetece é seguir probando e probándome, comunicando e actuando e estou máis cómoda cando o traballo é en equipo. E a improvisación que non nos falte nunca”.

Lucía Veiga, presentadora da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo

Ante a pregunta de, en cal dos rexistros que manexa se sinte máis cómoda, non escolle tan só un “son coma os zapatos, depende da ocasión e das circunstancias, e aínda estou probando os pares, pero coido que a miña vocación é comunicar, transmitir. O que máis me apetece é seguir probando e probándome, comunicando e actuando e estou máis cómoda cando o traballo é en equipo. E a improvisación que non nos falte nunca”. É por esta faceta, a de improvisar, pola que resulta especialmente coñecida entre o público galego. Non descarta usala enriba do escenario do Teatro Colón o vindeiro día 27 de febreiro “cada disciplina ten o seu espazo, pero é unha ferramenta que se leva posta, así que nunca se sabe cando hai que sacala! Iso sí, para poder improvisar, hai que estar ben entrenado e todo debe estar ben preparado. Estou segura que en principio todo vai estar perfectamente enfiadiño”.

Etiquetas: