O 18 de decembro chega ás salas de cine A media voz, un documental que conta a videocorrespondencia entre Patricia Pérez e Heidi Hassan, dúas cineastas cubanas exiliadas, que se reencontran, quince anos despois de perder o contacto, e como afrontan os desafíos que se lles presentan: reconstruír a súa identidade como emigrantes, as renuncias que implica a maternidade e os retos que comporta unha carreira creativa. Con motivo da estrea, conversamos co produtor do filme, o noso asociado Daniel Froiz.
Como entraches en contacto con Patricia Pérez e Heidi Hassan e a súa historia?
Elas póñense en contacto conmigo a través de Eugenia Mumenthaler, produtora suiza que coñezo no LAB NovosCinemas. Eugenia recoméndalles a Matriuska para que sexa, en principio, a coprodutora minoritaria en Galicia. Finalmente Matriuska convértese en produtora maioritaria do proxecto e financia a película a través do ICAA, AGADIC, IBERMEDIA en España e o CNC francés, o Cinefórum suizo e o Fondo noruegués para o cinema cubano. Unha coprodución de Francia, Suiza e Cuba.
Nun proxecto con tanto material gravado, resulta fundamental o traballo de edición, que correu a cargo das directoras e da editora e cineasta galega Diana Toucedo. Por que elixiches a Diana e cales foron as súas aportacións á montaxe final?
Diana é unha montadora moi experimentada, con grandes películas ás costas como as de Isaki Lacuesta. Con ela montamos A estación Violenta de Anxos Fazáns e pareceunos a indicada para este traballo, que efectivamete, supuña un grande reto. O traballo entre elas foi excelente.
Patricia Pérez, Heidi Hassan e ti mesmo sodes da colleita do 78. Ves similitudes entre as súas traxectorias vitais e a túa propia?
Esta pregunta é clave porque si, véxome moi identificado na película e con elas. Como moita xente da nosa xeración e tamén doutras cos seus problemas vitais: traballo e vocación, emigración por diferentes causas, paternidade ou maternidade, amizade, relacións afectivas… A media voz é unha película que fala de moitas cousas.
“Véxome moi identificado na película e con elas. Como moita xente da nosa xeración e tamén doutras cos seus problemas vitais: traballo e vocación, emigración por diferentes causas, paternidade ou maternidade, amizade, relacións afectivas…”
Daniel Froiz, produtor.
A película chega aos cines despois dun interesante percorrido por algúns dos festivais de cine máis importantes do mundo: Biznaga de Prata á Mellor Dirección de Documentais na 23 edición do Festival de Cine de Málaga, IDFA Premio á Mellor Longametraxe, Premio ao Mellor Documental no Festival de Cine Latinoamericano de La Habana, Sección Oficial do Goterborg Film Festival, Festival Internacional de Miami, Festival de Cartagena de Indias, l’Alternativa e DocumentaMadrid. Esperabades unha acollida tan positiva?
Mentres contesto chéganos o Premio á Mellor película no Festival Internacional de Cali e o Premio do Público en Documenta Madrid. Non esperábamos que na estrea mundial en IDFA, competindo coas mellores películas documentais do ano de todo o mundo, nos outrogaran o primeiro premio, dotado con treinta mil euros e cunha repercusión internacional enorme. Abriu un camiño incrible para a película.
O documental é unha coprodución con Perspective Films (Francia), La 5ta Avenida Producciones (Cuba) e PCT (Suiza). Como foi a experiencia de xestionar unha coprodución entre catro países?
As coproducción internacionais non son doadas, dánche e quítanche, pero é un camiño que decidimos emprender en Matriuska e non ten volta atrás. Moitas veces son totalmente necesarias para financiar os proxectos.
Hai 15 anos que fundaches Matriuska Producciones. Cales consideras os fitos da vosa traxectoria?
Para Matriuska foi moi importante comenzar cun proxecto como era De Bares, unha ficción, que partía de curtas feitas previamente e que se vendeu a TVE en coproucción con Voz Audiovisual. Logo chegou Relatos e a súa estrea internacional no Tokio Film Festival, ámbalas dúas do director Mario Iglesias. O premio Nuevas Olas en Sevilla con Las altas presiones de Angel Santos, a aposta por unha xovencísima Anxos Fazáns para dirixir A estación violenta, a adaptación da novela de iniciación de Manuel Jabois.
E recentemente a entrada nas coproducciós nacionais e internacionais con A media voz e ¿Qué hicimos mal? Actualmente producimos e desenvolvemos a nova película de Diana Toucedo, Puerto deseado, a segunda longametraxe de Quique Otero, Honeymoon, o documental O dias calados de Mr Steven de César Souto e a primeira longametraxe de Alvaro Gago. Considero que os fitos máis importantes son as aposta polos directores e directoras que aportan o seu talento a Matriuska e as sociedades que formamos con outros produtores.
“É una película que conecta con cada de un nós, especialmente cun público sensibilizado coa poesía. Poesía tomada como todo o que nos rodea con máis ou menos harmonía e que, como seres humanos que somos, xestionamos como podemos”.
Daniel Froiz, produtor
Xa para rematar, que lles dirías aos espectadores galegos que poden atopar en A media voz?
Que é una película que conecta con cada de un nós, especialmente cun público sensibilizado coa poesía. Poesía tomada como todo o que nos rodea con máis ou menos harmonía e que, como seres humanos que somos, xestionamos como podemos. Carlos Loureda, que sabe moito disto, escribe en Fotogramas que A media voz é unha fascinante película sobre a vida.