Desde o ano 2007 a Academia Galega do Audiovisual edita os Papeis da Academia, unha publicación que naceu co obxectivo de contribuír ao enriquecemento da reflexión e o saber sobre a creación e a industria audiovisual galega. A daquela presidenta da Academia, María Bouzas, indicaba a oportunidade de “dar testemuño desde o ámbito académico de que e como somos, como nos ven e como vemos”.
Ao longo deste anos, a publicación mudou de formato e transformou a tipoloxía dos seus contidos, ata chegar, en 2017, ao formato web actual baixo a dirección da nosa asociada María Yáñez. Falamos con ela co gallo da publicación dos Papeis do ano da pandemia.
Que nos podes adiantar dos Papeis da Academia que se publican a semana que vén?
Son uns Papeis que miran cara ao futuro proximo, tratando de enxergar todo o que vai vir en 2021 en canto a estreas, rodaxes e proxectos das distintas produtoras e creadores. Tamén botaremos a ollada cara a novas iniciativas no mundo da investigación e difusión audivisual en Galicia, ou aos novos investimentos para a industria que virán desde o sector público e o privado. Queremos ser optimistas e tratar de mirar máis alá, con ilusión por todas as estreas pendentes, rodaxes e proxectos en marcha, que oxalá poidan saír adiante no medio desta crise e desta incertidume.
E obviamente non podemos deixar pasar o gran tema deste ano: a crise do coronavirus e como afectou ás distintas áreas do sector audiovisual. Falaremos dos problemas que apareceron pero tamén de como se resolveron. Isto de ser un sector creativo tamén se pode aplicar a como se argallaron distintas solucións. De todos xeitos non todas as áreas o viviron igual: moitas producións paráronse, algunhas reanudáronse e outras non, o consumo doméstico de audiovisual subiu moitísimo e as salas de exhibición están a sufrir a peor crise da súa historia… e logo hai traballos máis afectados e outros que o foron menos. Para explicar todo isto falamos con 8 persoas das distinas áreas: produción, dirección, guión, interpretación, departamento técnico, exhibición, festivais e cineclubes.
“Queremos ser optimistas e tratar de mirar máis alá, con ilusión por todas as estreas pendentes, rodaxes e proxectos en marcha, que oxalá poidan saír adiante no medio desta crise e desta incertidume”.
María Yáñez. Papeis da Academia 2020.
En 2017 plantexas unha renovación do formato dos Papeis da Academia, cales eran os obxectivos desa renovación? Pensas que se cumpriron?
O obxectivo era facer uns Papeis verdadeiramente dixitais que aproveitasen as potencialidades do formato web para contar distintas historias sobre o sector audiovisual galego. Queriamos que fose unha revista online coidada visualmente pero fácil de navegar e de ser compartida nas redes sociais, que son as que atraen a maior parte do tráfico, sobre todo en móbiles. Tamén apostamos pola revista en canto a concepto, con grandes reportaxes fotográficas e de texto que tivesen á vez impacto e profundidade.
As fotografías de Tamara de la Fuente tamén foron importantes nesta renovacion. Como é o traballo con ela?
Si, colaboramos desde esa edición de 2017 nesta nova etapa, que case foi a máis divertida, polo que supuña de novo reto e de frescura, tamén pola temática: os retratos aos novos talentos do audiovisual galego. Seguramente foi a que máis gozamos porque puidemos concentrar a sesión un día, con todas as persoas participantes, e o bo ambiente que se creou penso que se reflicte nas fotos. Todo o traballo ata agora con Tamara baséase nos retratos porque queremos contar a parte humana deste oficio, e dar a coñecer as persoas que hai detrás das producións e da difusión audiovisual en Galicia.
“Apostamos pola revista en canto a concepto, con grandes reportaxes fotográficas e de texto que tivesen á vez impacto e profundidade”.
María Yáñez. Papeis da Academia 2020.
Se tiveras que recomendar só un artigo dos Papeis 2017, 2018 e do 2019, cal sería?
Esta primeira reportaxe das millenials e tamén a das pioneiras do audiovisual galego, en 2018, unha serie de retratos con maquillaxe e estilismo moi creativos, que fixemos coa colaboración de novos deseñadores galegos. É un luxo (asequible, en verdade) poder facer ese tipo de xornalismo nunha publicación coma esta. Do 2019 estivo moi ben facer ese ranking das 10 películas galegas imprescindibles, no que participaron bastantes socios e socias da Academia. E sempre nos gusta moito facer o adianto do que vai vir o ano que vén, esa recompilación de rodaxes, estreas e novos proxectos que nos dá unha moi boa panorámica de como está o sector neste momento. Como ademais era unha das seccións máis lidas dos Papeis quixemos este ano darlle máis presenza e debullar máis polo miúdo as previsións en cada ámbito (cine, televisión, documentais, experimental, proxectos de investigación e difusión). Para isto contamos co traballo exhaustivo de María Villamarín e Cibrán Tenreiro na recompilación de datos e na redacción.
Como che gustaría que fose a evolución futura do formato?
Poder seguir facendo estes temas de portada en formatos creativos, que perduren, que creen arquivo e fotografías para o futuro, que deixen pegada… sería xa algo extraordinario. Sobre todo tendo en conta que na rede é cada vez máis complicado conseguir a atención dos lectores. Os Papeis deben seguir sendo dixitais, téñoo moi claro, pero non descartaría facer algún tipo de edición ou monográfico en papel que puidese ser atractivo para coleccionar ou poñer no mercado.
Como definirías, nunha frase, os Papeis de 2020?
Os problemas crecen, as solucións tamén, e miramos con ilusión e optimismo ao futuro.