Carlos Sedes estrea El verano que vivimos, unha historia de amor de época

5 / 11 / 2020

Falar de Carlos Sedes é falar de televisión e dunha das traxectorias televisivas máis brillantes dos últimos años, primeiro en Galicia, onde formou parte do equipo de series lendarias como Mareas Vivas ou Padre Casares para despois dirixir a grande parte do star system estatal en títulos tan populares como Velvet, La Embajada, Instinto, Gran Reserva, Fariña ou Las Chicas del Cable.

Este ano presenta El verano que vivimos, a súa segunda longametraxe despois de El club de los incomprendidos (2014). Protagonizada por Blanca Suárez e Javier Rey, El verano que vivimos conta unha historia de amor que se desenvolve en dúas épocas: os anos 50 e 90 do século pasado e foi parcialmente rodada na comarca de Ferrolterra.

El verano que vivimos é o teu segundo proxecto para cine, gustaríache dirixir máis cine a partir de agora ou sínteste máis cómodo en TV?

Síntome moi cómodo nas dús. Son unha persoa de televisión xa que todo o meu percorrido é televisivo e penso que as series cada vez se rodan mellor pero, a verdade, o cine é o meu soño.

Fotograma de El verano que vivimos. Bambú producciones.

Na película volves dirixir a Javier Rey (Fariña, Velvet) e Blanca Suárez (Las chicas del cable), como foi a rodaxe con eles?

Non sei se pola idade, pero é certo que me atrae cada vez máis traballar con xente coa que xa traballei. Dame moita máis seguridade. Coa elección de Blanca e Javi ía por aí, para sentirnos máis cómodos e que a xente non tardase en comprendelos no traballo diario, por iso os busquei. E ademais con eles úneme unha grande amizade.

Unha parte da rodaxe de El verano que vivimos desenvolveuse en Xerez e outra na comarca de Ferrol, como foi volver traballar en Galicia?

Fotograma de El verano que vivimos. Bambú Producciones.

Na última película rodaramos na zona de Vigo e Fariña en Arousa. Nesta atraíame ir á zona de onde é o meu pai, a zona de Ferrol. A película fala moito do paso do tempo, gustábanos Ferrol para iniciala e atopamos un lugar marabilloso que coido que lle dá un colofón moi grande porque é onde remataba os seus días o noso personaxe principal. É un sitio incrible, salvaxe, moi agreste: Santa Comba, unha praia que está preto de Valdoviño. Penso que esa zona quedou espectacularmente retratada.

“A película fala moito do paso do tempo, gustábanos Ferrol para iniciala e atopamos un lugar marabilloso que coido que lle dá un colofón moi grande porque é onde remataba os seus días o noso personaxe principal”

Carlos Sedes, director de El verano que vivimos.

Os proxectos de época son unha constante na túa traxectoria: Hispania, Velvet, Gran Hotel ou Las chicas del cable. Agora dirixes unha longametraxe que ten lugar nos anos 50 e nos anos 90. Que te atrae das películas de época?

Atráenme porque me fan reflexionar, sobre todo cando te decatas de que as cousas no cambiaron ou para darte conta de que podemos falar do mesmo en diferentes épocas. Neste caso é unha viaxe sobre o amor e as historias de amor pouco cambiaron deses anos 50 a hoxe en día, é algo que nos move a todas as xeracións.

“[os proxectos de época] fanche reflexionar, sobre todo cando te decatas de que as cousas no cambiaron ou para darte conta de que podemos falar do mesmo en diferentes épocas”

Carlos Sedes, director de El verano que vivimos.

Parte da ambientación de época constrúese coa banda sonora que, nos teus traballos adoita ter unha importante presencia. Habitualmente Federico Jusid encárgase de compoñelas. Podes contarnos como é o traballo con el?

Levamos moito tempo traballando xuntos e fai medrar as historias. O traballo con el é moi etéreo, xamais falamos de instrumentación ou cosas polo estilo; eu intento cntarlle de que fala a película e como a quero contar e, a partir de aí, el coa súa sabedoría enche todo coa súa música, a súa emoción… con todo o que sabe facer.

Fotograma de El verano que vivimos. Bambú producciones.

Unha persoa coma ti que grava practicamente unha serie ao ano, como vivicheso parón da pandemia?

A parte da pandemia foi complicada, tocoume vivila só. Intentei ler moito, ver moito cine, facer vídeo-encontros e cousas polo estilo pero foi duro, a verdade.

Que lle dirías aos espectadores sobre El verano que vivimos?

Que a vaian desfrutar, coido que é unha historia épica de amor e fala de que sucede cando na túa vida aparece alguén e cambia todos os teus plans. Fala un pouco deso, do amor e da vida.

Tráiler de El verano que vivimos. Warner Bros Pictures España.
Categoría: Entrevistas / Estreas / Novas
Etiquetas: Entrevistas