Aberto o prazo de presentación de candidaturas para os XIX Premios Mestre Mateo

5 / 10 / 2020

Xa está aberto o prazo de inscrición de candidaturas para os XIX Premios Mestre Mateo. Dende as 9.00 horas de hoxe, día 5 de outubro, ata o 23 de outubro ás 14.00 horas, as persoas interesadas poden rexistrar as súas candidaturas, como xa vén sendo habitual, a través da web da Academia na lapela Premios Mestre Mateo.

Cambios respecto ao ano anterior

As bases desta edición contan con varias modificacións respecto á edición pasada que foron aprobadas na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado 11 de setembro:


3.1  CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN Que o 50% do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente en Galicia. Contabilizaranse tódalas categorías ou departamentos e persoa/as en cada un deles, excepto meritorios e bolseiros. Se unha mesma persoa desempeña varios postos de traballo, contabilízase esa persoa tantas veces como postos de traballo asuma. No caso de ser o único requisito a cumprir, é necesario especificar no listado de equipos que profesionais son galegos/as ou residentes en Galicia

3.1.3.MELLOR SERIE

3.1.3.1. Poderán acceder a este premio as series de ficción ou documentais, tanto de imaxe real como de animación, que estean creadas para a súa emisión nunha canle de televisión baixo calquera das súas variantes (emisión en aberto, por subscrición ou ‘pay per view’); ou ben ter estado a disposición do público nunha plataforma comercial ‘on-line’ de distribución de contidos. En calquera dos casos, as series tiveron que estar a disposición do público de forma xeral, e deberan contar con dous ou máis episodios novos emitidos no período especificado no punto 3.1. Quedan expresamente excluídos deste premio os programas de tele realidade, informativos, programas de variedades, concursos e calquera outro formato non guionizado.

3.1.3.2. Os proxectos presentados á categoría de Serie web deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais dixitais de ficción ou documental. Concibidos para seren publicados e difundidos a través da internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres). Deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais. Poden ser de imaxe real, animación, ‘stop motion’, técnica combinada, etc.

3.2.12 MELLOR MÚSICA ORIXINAL. Poden acceder a este premio os autores das composicións musicais para longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión. En todo caso a duración total da música orixinal incluída non repetida no formato audiovisual en cuestión, non poderá ser menor de 15 minutos incluídos todos os cortes (cabeceira, roll de créditos, etc) e deberá supoñer mínimo o 51% da duración total da música da obra. Será necesaria incluír a cue sheet cun sumatorio para comprobar a duración.

5.3. COTA DE INSCRICIÓN

5.3.2 Quedan exentos do pago da cota de inscrición os seguintes casos:

  • Curtametraxes de imaxe real ou de animación que fosen premiados en calquera sección oficial dos Festivais de cinema e/ou audiovisual galegos dende o 1 de xaneiro de 2020 (será obrigatorio presentar un certificado asinado polo festival que concede o premio).
  • Curtametraxes de imaxe real ou de animación que teñan acadado algún galardón oficial outorgado polas asociacións e/ou entidades representativas do sector audiovisual galego dende o 1 de xaneiro de 2020 (será obrigatorio presentar un certificado asinado pola asociación ou entidade que concede o premio).
  • As candidaturas a categorías profesionais.

Se tes algunha dúbida ou precisas axuda, podes poñerte en contacto connosco no correo premios@academiagalegadoaudiovisual.gal ou nos teléfonos 981 227 701 e 981 208 393 de luns a venres en horario de 9:00 a 16:00 horas.

Etiquetas: