A viaxe polo tempo e por Galicia de Ignacio Vilar con María Solinha

3 / 09 / 2020

A chegada dun director teatral a Cangas do Morrazo para reconstruír a historia de María Solinha é o punto de partida da nova película do director Petinés Ignacio Vilar. Navia, protagonista da obra de teatro vai sufrir, no presente, ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.

O lendario dragón que dorme nunha cova debaixo da Illa de San Simón funciona como metáfora no filme e tamén como fío conductor xa que, como explica o director, “María Solinha é atacada polo mesmo dragón nos séculos XVI e XXI”

Comeza así unha viaxe entre presente e pasado, historia e lenda, realidade e ficción.

O filme, producido por Vía Láctea Films e coa participación de Televisión de Galicia, foi rodado en galego durante os meses de agosto e setembro de 2019 en Cangas, Redondela e Vigo. A súa estrea, condicionada pola crise sanitaria, tivo lugar o 19 de xuño en Redondela e segue a xirar por distintas localidades de Galicia. Falamos con Ignacio Vilar sobre esta xira de presentación de María Solinha.

A crise da COVID-19 colleuvos coa película na recta final, xa case lista para estreala. Dende a súa estrea o 19 de xuño en Redondela, a película foi proxectada en máis de 60 localidades galegas e segue o seu percorrido por cinemas ao aire libre neste mes de setembro. O tempo non axudou sempre, pero semella que o público ten ganas de cinema, como estades percibindo a acollida?

Nós tiñamos prevista a preestrea para o 15 de maio en toda Galicia e tamén en Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao… Pero pecharon os cines e decidimos facer ao revés do que faciamos antes. As nosas películas anteriores estreábamolas en salas e logo saiamos de xira no verán. Decimos no confinamento Xoán Mariño de Mr. Misto e eu montar autocines e proxectar ao aire libre. Percorremos máis de cento sesenta concellos para vender a proxección ao aire libre ou autocine. En Verín fixemos unha proxección en autocine o 21 de xuño na que se involucraron os restaurantes locais con menús especiais de cine servidos nos coches, son individualizado por fm e unha pantalla de 16 metros. A partir desa experiencia xa estivemos en máis autocines ademais das proxeccións ao aire libre durante xullo e agosto e seguimos agora en setembro indo a todas as presentacións e coloquios posteriores.

Imaxe do autocine montado en Verín para a proxección do filme. Concello de Verín.

Supón un esforzo extra esta promoción?

Para min non é un esforzo. Como director é unha riqueza tanto profesional como persoal escoitar e debatir María Solinha con participantes, porque son participantes, non espectadores, porque os participantes implícanse no proceso creativo e o espectador é máis pasivo. É unha riqueza porque descubrín que María Solinha está feita para participantes, non para espectadores.

Morris, Laura Míguez, Ignacio Vilar, Grial Montes e Santi Prego no photocall da estrea de María Solinha en Redondela. Vía Láctea Filmes.

Ese contacto de primeira man co público de tantos lugares distintos é moi diferente ás estreas habituais?

Como dicía antes, nós xa faciamos isto despois das estreas comerciais en sala, eu a todas as proxeccións deste verán vou vestido de gala, porque é unha estrea, unha estrea antes que nos cines. O outro día baixo as estrelas, con case lúa chea… aquilo era impresionante, a xente acudiu con mantas para ver María Solinha, para min iso é unha ledicia.

“é unha riqueza tanto profesional como persoal escoitar e debatir María Solinha con participantes, porque son participantes, non espectadores, porque os participantes implícanse no proceso creativo e o espectador é máis pasivo”

Ignacio Vilar, director de María Solinha

Contribúe ese ambiente a meterse na película ?

Si, é unha experiencia impresionante como participante e como director.

Imos poder ver pronto en salas María Solinha?

Nesta situación na que podes ter 30 ou 40 espectadores nunha sala que normalmente enches, non é a mellor opción, non imos arriscarnos a iso. Eu fago cine tamén para encher as salas.

Ademais, con todas estas estreas por todos os concellos, estamos saíndo en prensa, en radio, en medios locais… estamos tamén facendo promoción para cando estreemos en cines.

Non estreamos a película en ningunha vila que teña cine, cando abran os cines ao cen por cen, estrearemos en salas, antes non o faremos. Penso que, na situación actual, vai tardar en normalizarse todo. Nós temos proxeccións ata o mes de outubro e non imos precipitarnos nunha estrea en cines.

Ignacio Vilar durante a presentación do filme. Vía Láctea Filmes.

A película está dispoñible en Filmin dende o 27 de agosto. A proliferación e o aumento de consumo de cinema en plataformas online pode axudar á difusión de Galicia e do cinema galego no mundo?

As plataformas están ben porque son unha ventana máis para visionar. O problema é que neste momento non son un apoio económico importante para unha produtora para financiar ou amortizar o filme, a non ser que Netflix te compre a película e faga unha grande inversión. Pero no noso caso non é así. Todas as miñas películas están en Filmin pero non é un apoio que sirva para que a produtora sega existindo. Nós estreamos agora porque imos presentarnos para competir aos Oscar e aos Goya e, este ano, por causa da pandemia, hai unha excepción ao requisito de estrea en sala facendo estrea en plataformas antes do 28 de agosto. Nós iamos estrear en Filmin, pero despois de estrear en cines. Mais este ano tivo que ser así.

“As plataformas están ben porque son unha ventana máis para visionar. O problema é que neste momento non son un apoio económico importante para unha produtora para financiar ou amortizar o filme”

Ignacio Vilar, director de María Solinha

Crónica da imparábel enerxía feminina, fronte a tantos dragois que saen das covas, unha e outra vez, para devorar a carne do mundo. O filme fala da intolerancia e da violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Unha película de conclusións dramáticas pero aberta ao luminoso e a beleza primixenia.
Unha historia para vivir unha experiencia.

– Ignacio Vilar

María Solinha, as rescatadoras de Sálvora… Este ano, o cinema galego está rescatando moitas historias de mulleres olvidadas. É o tempo de reverter a falta de atención histórica as mulleres?

Debemos recuperar a esas mulleres sabias e debemos recuperar a palabra bruxa como algo positivo, non como algo negativo como intentou a Igrexa católica. A bruxa era unha muller sabia, sabían de prantas, sabían como curar á xente; tamén sabían como matala. Elas tiñan sabiduría e por iso eran competencia para a Igrexa. Creo que hai que apoiar o movemento actual das mulleres e a ver se conseguimos matar ao dragón que ataca ás Marías Solinhas.

Abraham Cupeiro tocando o carnyx. Vía Láctea Filmes.

A banda sonora, firmada por Abraham Cupeiro, destaca polo uso de instrumentos históricos. Semella un xeito perfecto para fiar esa viaxe entre pasado e presente tan metafórica que mostra a fita.

O máis difícil desta película para min foi a música, atopar o que buscaba. Non conseguía dar coa persoa que puidera intepretar o que lle pedía. Sucedeu por casualidade que, cando estaba montando a película con Fernando Alfonsín, tivo que enviar un capítulo de Hierro (serie producida por Portocabo para Movistar+) e escoitei na súa banda sonora un instrumento por primeira vez, o carnyx. Quedei impresionado e pregunteille quen era o que o tocaba e inmediatamente chamei a Abraham, só falando por teléfono xa nos fixemos amigos. Veu por Vigo e estivemos tempo traballando na música, eu tiña moi claro o que quería e el abriume un mundo que é o carnyx.

Na película hai tres temas: o tema do dragón, que é o carnyx; o tema do amor, cuxa base son caracolas que son usadas por primeira vez na historia da música dunha película como instrumento principal e, finalmente, o tema das mulleres sabias cuxo instrumento fundamental é un corno de 600 anos que atoparon na montaña en Sarria.

Con eses tres instrumentos creamos a música da película. Á xente estalle chegando moitísimo a música, eu penso que vai ter moitos premios. Ademais é a primeira película que fai Abraham e eu quedei impresionado coa capacidade que ten para que a súa música apoie o tema, porque ao final o fundamental do cine é que todo ten que estar para apoiar a historia.

Detelle do carnyx. Vía Láctea Filmes.

A fita vén de gañar no pasado mes de xullo o premio Indieuropea no Festival de Taormina, que supuxo este recoñecemento?

Este premio foi un pulo moi grande para a película e un recoñecemento moi impotante para o cine galego. Para min o máis importante foi a chamada que recibín do director do festival comentándome que os sete membros do xurado quedaron impresionados porque descubriron un país, unha cultura, un idioma, a historia dunha muller do século XVII e as paisaxes e a nosa gastronomía. Esa é a importancia de ter un cinema galego.


Con Sicixia, que estreamos en París, Tolousse… gañamos tamén o premio á mellor película estranxeira en Houston, e dende os hoteis da Costa da Morte, comentábamne que viñeran moitos deses espectadores americanos e europeos percorrer a nosa costa. O cine invita á xente a descubrir e a vivir esas paisaxes como cada un queira.

Tráiler de María Solinha. Vía Láctea Filmes.
Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: Entrevistas