Logo duns meses moi estraños e dramáticos, chegan agrupados nesta segunda parte de 2020 os festivais de cinema que normalmente atopamos espallados ao longo de todo o ano.
O punto de partida márcao a MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, que dá comezo este martes día 25 de agosto en Santiago de Compostela. A casualidade fai que tamén fora o primeiro dos festivais cinematográficos galegos que, ao igual que Play-Doc, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico e Carballo Interplay, tivera que adiar a súa estrea, prevista neste caso para o 23 de marzo. Estes cambios non serán só de datas, xa que as novas circunstancias obrigan aos festivais a reformular en gran medida as súas propostas iniciais.
Cunha data de inicio tan próxima á declaración do estado de alarma, os contidos da MICE xa estaban moi avanzados e parte deles difundidos. Para Ana Estévez, directora da mosta, “a presión non veu tanto do feito de traballar confinadas porque estamos habituadas ao traballo desde a casa (ao concepto de teletraballo quédalle moito que andar), o difícil foi sacar adiante unha reformulación adaptada ás novas circunstancias nun tempo récord e con tantas incertezas”. Unha das incertezas ás que se refire son as posibilidades de realizar viaxes internacionais, xa que as regulacións dos distintos países van variando cada semana, o que fai inviable a presenza física de convidados internacionais. Ángel Sánchez, co-director de Play-Doc, fai fincapé nos problemas loxísticos cos que se atopou o festival tudense que “estaba practicamente pechado en marzo e supuxo perdas de billetes, cancelacións de viaxes e invitados, que por axendas e polas lexislacións respecto a viaxes de fóra da Unión Europea non poderán vir. Ao principio había moita incertidume e pensabamos poder realizar o festival en xullo, pero vimos que era inviable. Pero a cultura non pode parar. Os festivais temos que seguir para a propia supervivencia do evento, da reactivación cultural e tamén da economía”.
Problemas de loxística, de orzamento e tamén de datas son os que expoñen Ana Domínguez e Ángel Rueda, co-directores do (S8), para os que pospoñer a mostra que xa estaba a traballar cunha programación pechada “supuxo triplicar o esforzo humano e económico. Había que procurar unha data que se axustase á dispoñibilidade dos espazos nos que habitualmente se celebra o festival, así como a dispoñibilidade dos cineastas invitados e de todo o equipo que desenvolve a Mostra”.
“A cultura non pode parar. Os festivais temos que seguir para a propia supervivencia do evento, da reactivación cultural e tamén da economía”
Ángel Sánchez, co-director de Play-Doc
Para os festivais que mantiveron as súas datas habituais, estes meses tamén supuxeron unha dose extra de complexidade tendo que afrontar incertezas respecto ás medidas sanitarias que terían que implementar, problemas de financiamento, de espazos ou de dispoñibilidade de persoal e medios técnicos. Como explica Pela del Álamo, director de Curtocircuíto, “o contexto foi mudando permanentemente desde o mes de febreiro, iso fixo que o modelo de festival que tiñamos deseñado naquel mes, non servira”. Para Suso Novás, director de Novos Cinemas, é o momento de “compartir preocupacións e propoñer solucións que nos satisfagan como colectivo e que estimulen ás institucións e ao público. Colaborar proactivamente e fornecerse é fundamental”
Cancelacións como o Fancine de Lemos ou o Chanfaina Lab que, aínda que estaba anunciado e presentara o cartel da edición deste ano, finalmente non se realizará xa que “o actual contexto sanitario racha con esa filosofía de proximidade e case de contacto físico entre participantes, parte deles de idade avanzada” en palabras de Secundino García, alcalde de San Sadurniño, concello organizador do evento; poñen de manifesto a incerteza e complexidade de poder sacar adiante e celebrar os diferentes eventos cinematográficos galegos neste novo escenario provocado pola pandemia.
Un calendario atípico
O movemento no calendario dos festivais de primavera e comezo do verán, fai que haxa unha forte concentración nos meses de setembro, outubro e novembro. Pode servir isto como aliciente para unha sociedade desexosa de reactivar a vida cultural mais tamén pode restar público pola necesidade de, nalgúns casos, ter que elixir entre unha ou outra cita. Luis Rosales, director de Curtas, Festival do Imaxinario, comenta que cada festival ten o seu público, nalgúns casos xa moi fidelizado, e aínda que pode que haxa elixir a cal asistir “hai público para todos”. No caso do Galician Freaky Film Festival, como no de Curtas, o público está moi fidelizado pola temática, pero temen que a asistencia se resinta a pesar das rigorosas medidas sanitarias levadas ao cabo por todos os festivais, “a pandemia está aquí e o temor a xuntarse con máis xente ou en espazos pechados existe” afirma Juan de Castro, director do GFFF quen considera que “como amantes da cultura precisamos do cine e de calquera manifestación cultural, pero pode ser que agora para moita xente as prioridades ou necesidades non sexan as dos bens culturais”.
“como amantes da cultura precisamos do cine e de calquera manifestación cultural, pero pode ser que agora para moita xente as prioridades ou necesidades non sexan as dos bens culturais”
Juan de Castro, director do Galician Freaky Film Festival
Outro tipo de público estable é o do FICBUEU, que nunha gran porcentaxe é xente da vila. O festival prevé unha afluencia cercana ao 80%, duplicando os pases de cada sección para tentar dar cabida a todos os espectadores. Pela del Álamo, director de Curtocircuíto, pensa que “Sen dúbida as asistencias vanse resentir, pero non unicamente pola conxestión de oferta durante setembro, outubro, novembro e decembro, senón polo feito de que moita xente ten medo. Medo ás congregacións, medo ao contaxio, medo a un novo confinamento… Un medo fundado, obviamente, pero tamén perigoso”.
“esta concentración dos eventos nos próximos meses de setembro e outubro terá un efecto de chamada e de activación da rica e variada oferta dos festivais de cinema en Galicia”
Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores de (S8), Mostra de Cinema Periférico
Dende Play-Doc entenden que “pode funcionar como activación do sector, de que o público volva ás salas e tamén ao consumo cultural”, Ana Estévez opina que “todas saímos do confinamento con fame de encontrármonos e de asistir a eventos, (aínda que) hai moitas persoas que teñen reservas cos lugares onde se xunta xente, especialmente se se trata de espazos pechados.” A esa fame de encontrarnos apelan tamén dende (S8), considerando que as restriccións de aforo limitarán moito a capacidade de acoller público pero que a reactivación dos festivais de cinema “será unha excelente oportunidade de recuperar os nosos hábitos culturais dos que todos levamos orfos desde o pasado mes de marzo”.
Ir ao cinema é seguro
“O único contaxio que queremos é o da alegría do encontro, o coñecemento e a experiencia colectiva que nos achegan os festivais”
Ana Estévez, directora da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
A pesar do medo xustificado, tanto os festivais, exhibidoras e o resto de axentes, afirman que as salas son espazos seguros, actividades moi reguladas, onde se seguen protocolos estritos hixiénicos e sanitarios. Todos eles adaptáronse escrupulosamente ás normativas das autoridades sanitarias traballando conxuntamente desde a coordinadora galega Proxecta e a través da recén creada federación estatal Pantalla, para garantir a seguridade de público, traballadoras e convidados. Todas estas medidas implican traballo e gasto extra para todos os festivais, pero “sen seguridade non pode haber festivais. O único contaxio que queremos é o da alegría do encontro, o coñecemento e a experiencia colectiva que nos achegan os festivais” afirma Ana Estévez, vicepresidenta de Proxecta. Para Ángel Sánchez, presidente da coordinadora, “a experiencia en sala é irrenunciable”, algo que pon de manifesto os esforzos realizados polos festivais galegos para garantir a seguridade sanitaria. “As salas de cinema son espazos que ofrecen experiencias irrepetibles cunha garantía e unha seguridade incuestionable. Para unha #culturasegura nós tamén temos que ser responsables e respetuosos a nivel individual e colectivo” comenta Suso Novás, quen agarda que “o público e as institucións sexan conscientes dese esforzo e que entendan que o cinema comporta seguridade e comunidade: pois conleva un estar xuntos para compartir experiencias, para emocionarnos e para coñecernos mellor.”
“As medidas fronte a COVID poden influír no deseño da programación dos diferentes festivais dende un punto de vista da cantidade de actividades a implementar, mais, coñecendo aos nosos compañeiros e compañeiras, teño a certeza de que non van a afectar á calidade das programacións.”
Suso Novás, director de Novos Cinemas
Esforzos que levan á innovación, como no caso de Curtas, Festival do Imaxinario, onde están desenvolvendo unha app para xestionar a reserva de entradas e substituír así o catálogo e os folletos do festival.
Novos modelos de festivais
Todos os condicionantes de aforo, viaxes, distancia entre persoas nos espazos abertos, etc. fan que actividades habituais nos festivais como charlas, cursos, concertos, exposicións ou performances teñan que variar respecto a anos anteriores ou, nalgúns casos concretos, non poidan realizarse.
Partindo da base de servir de punto de encontro e intercambio ao redor do cinema, os festivais tiveron que buscar novas fórmulas tanto para chegar ao público como para poder compartir os contidos seleccionados da mellor forma e con total seguridade.
Luis Rosales considera que “un festival vai moito máis aló das proxeccións. Curtas e un festival de experiencia (polo que) plantexarnos o streaming e todas as complicacións que conleva, ao entroncar directamente nun conflicto co VOD que pode poñer en perigo a chegada comercial dos filmes exhibidos neste formato, non nos parecia axeitado”, do mesmo xeito afirma que o modelo dos festivais non corre perigo e non estamos ante un cambio de modelo xa que é imposible reproducir online a experiencia dos festivais. Pola súa banda, Juan de Castro pensa que as plataformas son un bo complemento mais agarda que non vaian en detrimento da asistencia ás proxeccións, xa que “a liturxia da sala e do encontro é fundamental no GFFF”.
“O que non creo que esté en risco de ningún modo e a experiencia do festival en si mesma, xa que é imposible reproducila online”
Luis Rosales, director de Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa
Na MICE apostan por unha “fórmula de urxencia” para garantir a celebración do festival, alternando proxeccións en liña coas presenciais, ao igual que nas actividades paralelas. Curtocircuíto apostará este ano por un “formato reducido e mixto que combinará a programación online, a través da plataforma Filmin e das redes sociais do festival, cunha serie de proxeccións e eventos puntuais nas nosas sedes habituais” mais considerando que o “natural é volver ao modelo presencial cando sexa seguro pero, dito isto, sen dúbida hai aspectos das actividades en liña que veñen para quedarse xa que permiten posibilidades que o presencial non”.
Play-Doc aposta tamén polo formato mixto mantendo a súa sede habitual e trasladando á rúa a súa Sala2 mentres que tamén terán algúns contidos dentro da plataforma Filmin, a presenza en plataformas VOD non é nova para o festival tudense xa que “levamos anos traballando no online dende Play-Doc Tv, o acordo con Filmin permítenos achegar os nosos contidos, que son moi exclusivos, e as propostas que facemos dende aquí a un público de fóra de Galicia” comenta Ángel Sánchez, que mantén que estas mudanzas non cambian “a vontade de compartir en comunidade a experiencia do cinema que teñen os festivais”.
O (S8) vai tamén compatibilizar o presencial co online. “Nunca pensamos en levar o festival a internet senón en converter internet nunha nova sede do festival onde poder desenvolver a súa propia identidade” afirman Ana Domínguez e Ángel Rueda que ven neste formato dual “unha oportunidade para desenvolver novas formas e maneiras de pensar no futuro inminente. (…) un espazo virtual propio afastado das plataformas habituais”
“o natural é volver ao modelo presencial cando sexa seguro pero, dito isto, sen dúbida hai aspectos das actividades en liña que veñen para quedarse xa que permiten posibilidades que o presencial non”
Pela del Álamo, director de Curtocircuíto
FICBUEU e Novos cinemas apostan por formatos presenciais ao cento por cento. Dende o festival de Bueu aseguran que en ningún momento contemplaron a modalidade online xa que consideran “esencial que un festival de cinema sexa un lugar de encontro físico, tanto entre as e os asistentes como entre público e cineastas” aínda que recoñecen que están plantexando unha modalidade mixta para futuras edicións co obxectivo de chegar a público de fóra de Galicia. Pola súa banda, Suso Novás di que Novos Cinemas “foi deseñado para os nosos veciños e veciñas e para todos aqueles e aquelas que se queiran achegar á nosa cidade para compartir o seu tempo e o seu amor polo cinema con nós”.
“consideramos esencial que un festival de cinema sexa un lugar de encontro físico, tanto entre as e os asistentes como entre público e cineastas.”
Manuel Pena, director do FICBUEU
O que vén este ano
A pandemia condicionou os nosos costumes e está modificando os tempos e propostas dos diferentes festivais de cinema galegos, mais como nos contou Suso Novás “As medidas fronte a COVID poden influír no deseño da programación dos diferentes festivais dende un punto de vista da cantidade de actividades a implementar, mais, coñecendo aos nosos compañeiros e compañeiras, teño a certeza de que non van a afectar á calidade das programacións.” Destacamos os seguintes eventos da programación que a día de hoxe está pechada de cada festival mentres agardamos novos anuncios e confirmacións.
Na MICE, que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 25 ao 29 de agosto, teremos pequenos concertos, proxeccións ao aire libre no Parque de Bonaval e tamén un obradoiro coa antropóloga e cineasta Adriana Vila titulado Da investigación á creación biográfica, a programación infantil e xuvenil que en principio ía dirixida aos centros escolares e a exposición As pequenas cousas. O xoves 27 acolle a estrea de Dorothé na vila, documental de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.
Do 2 ao 5 de setembro terá lugar o Festival de Cans que homenaxeará a Chano Piñeiro no 25 aniversario do seu pasamento, acollerá os coloquios de AISGE que contarán, entre outros convidados, con Amador Arias e Benedicta Sánchez e as tradicionais seccións ExtraCans e FuraCans. Ademais, Amaro Ferreiro ofrecerá un concerto cheo de referencias cinéfilas.
O día 5 comeza o FIC Vía XIV de Verín e alóngase ata o día 13. Destaca na súa programación a homenaxe ao actor Luis Zahera e as estreas dos documentais Entroidar e Hijas de Galicia, Macorinas. Ademais, este ano Play-Doc será o festival convidado en Verín.
Este ano, o festival bueués suprimiu a música das súas actividades para así poder duplicar os pases dos filmes programados e paliar deste xeito a reducción de aforo. Contará con 22 títulos na Sección Internacional e outros 80 distribuídos no resto de seccións do festival: Galicia, España, Experimental, Escolas, Comedia, Infantil e Xuvenil.
Play-Doc celebrarase na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro e este ano, como novidade, tamén se poderá gozar dende casa, pois parte dos seus contidos estarán dispoñibles online a través de Filmin.
O cineasta Eloy Domínguez Serén impartirá o obradoiro audiovisual En primeira Persoa: Un Retrato Colectivo, o cal convida os veciños de Tui e da comarca a explorar a súa propia visión deste tempo que nos tocou vivir, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que retrate, expoña ou reflexione sobre o modo en que toda esta situación está a cambiar o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna, os nosos veciños e a nosa comunidade.
O OUFF terá lugar en Ourense entre os días 25 de setembro e 3 de outubro. Nesta edición volverá contar co concurso de curtametraxes Fas Muvis, homenaxeará a Eloy Lozano coa proxección de As belas dormentes e acollerá as estreas dos filmes Olvido y León, de Xavier Bermúdez e Spistbergen, o Gardián do Ártico, de Ignacio Benedeti así como da versión remasterizada de A metade da vida, de Raúl Veiga.
A edición dual do (S8) terá lugar en A Coruña e online a través das redes da mostra do 27 de setembro ao 3 de outubro. A principal novidade este ano é Camera Obscura, un formato propio e exclusivo creado especificamente para o público online, que achegará a programación internacional do festival a unha audiencia global. Nela combinaranse entrevistas xunto ao visionado de pezas, que nos achegarán directores e directoras como Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose e Valentina Alvarado. Ademais, esta sección tamén lembrará a traxectoria do recentemente falecido Luther Price.
Curtocircuíto terá lugar entre o 3 e o 11 de outubro en Santiago de Compostela e na súa canle de Filmin. A principal confirmación ata o momento é a estrea galega de Lúa Vermella, a nova longametraxe de Lois Patiño cuxa estrea en salas de cinema está prevista para o 30 de outubro.
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo celebrará do 13 ao 17 de outubro a súa quinta edición no Auditorio do Concello de Vigo e no MARCO.
O VIIFF continúa este ano a pesar das dúbidas e incertezas provocadas pola crise da COVID-19 xa que, en palabras do seu director Gonzalo Suárez, “pensamos que hai que seguir apoiando ás creadoras e creadores e seguir traballando por dar relevancia ás súas obras”. É por iso que esta edición estará dedicada aos sanitarios, que serán protagonistas de varias das obras seleccionadas. Ademais, a cita medra xa que ás habituais seccións competitivas de curtametraxes accesibles e longametraxes documentais inclusivas, súmanse tres novas: longametraxes de ficción, curtametraxes documentais e webseries inclusivas.
Curtas, Festival do Imaxinario terá lugar en Vilagarcía de Arousa do 23 de outubro ao 1 de novembro. Na súa inauguración proxectarase O Gabinete do Doutor Caligari coa musicalización en directo do quinteto Caspervek. E agardando as confirmacións da sección competitiva xa están anunciadas as exposicións, nas que destacan a Alien Experience e Juan Giménez, Eterno, na que un cento de artistas da banda deseñada e a ilustración homenaxean ao mestre e padriño do festival e para a que se edita tamén un catálogo que se entregará a cambio dun donativo a favor de Médicos sen Fronteiras para a loita contra a Covid-19, enfermidade da que tristemente Juan foi victima.
O Galician Freaky Film Festival celebrarse en Vigo do 28 ao 31 de outubro. Nesta edición homenaxean O Resplandor polo seu 40 aniversario. Avisan que a Sección Oficial “será un auténtico tortazo cinematográfico” con aplausómetro, cervexa oficial do GFFF e moito gamberrismo e que realizarán un programa de radio para o podcast Anónimo IV sobre as bandas sonoras do xénero fantástico e de terror, con Brais González, Conrado Xalabarder e un par de eminencias da música no cine de Galicia. Haberá tamén unha exposición de Paulo Mosca, o ilustrador e animador autor dos carteis do festival.
O Carballo Interplay terá lugar na localidade coruñesa do 18 ao 21 de novembro e están a traballar nunha edición híbrida na que primarán os contidos virtuais e, se é posible, tamén contará con algunha actividade presencial.
Novos Cinemas chegará a Pontevedra o día 15 de decembro e rematará o 20. A estas alturas non poden facer ningún adianto mais dende a dirección do festival trasládannos que “o contido que sempre é protagonista en Novos Cinemas é a formación, sexa cal sexa a edición. A raíz diso sentamos as bases para os creadores e creadores do futuro, xa que somos un festival adicado a primeiras e segundas obras”.