O programa “O futuro do audiovisual a debate” foi retransmitido pola Academia en streaming a través da súa web e redes sociais. Ao longo das dúas horas que durou o debate, os diferentes representantes dos partidos políticos tiveron ocasión de explicar as súas propostas en materia de política audiovisual. As políticas da Xunta, o papel da CRTVG e a consideración do audiovisual como sector estratéxico foron os temas máis salientables sobre os que xirou a temática do encontro.
Os cinco candidatos coincidiron na necesidade de revisar a Lei 6/1999 do Audiovisual de Galicia e na consideración do sector como estratéxico dentro da economía galega.
Segundo Teresa Egerique, representante do Partido Popular de Galicia, a Xunta ten que ser unha canle para que o sector audiovisual siga medrando e traballar da man dos profesionais. En relación á reforma da Lei do Audiovisual de Galicia, avogou por un modelo conxunto con propostas de todos os partidos e incidiu no momento dourado do sector e da presenza internacional do mesmo.
Pola súa banda, Pancho Casal, candidato da Marea Galeguista, aposta pola creación do Consello Audiovisual de Galicia, o desenvolvemento dunha estratexia a cinco anos para o sector ben dotada orzamentariamente e a posta en marcha dun plan de choque extraordinario de compra de contidos culturais e educativos para paliar a incidencia da COVID-19 nos profesionais do sector.
Noelia Otero, representante do PSdeG – PSOE, incidiu na necesidade de poñer en funcionamento un Consello de Informativos na CRTVG e no cumprimento da Lei de medios públicos de comunicación audiovisual. Destacou que a cultura ten que ter entidade propia cunha Consellería de Cultura separada da de Turismo e a importancia de reformular AGADIC traballando da man das e dos profesionais audiovisuais.
O BNG contou coa representación de Manolo González, que fixo fincapé na necesidade de democratizar o consumo masivo de audiovisual galego no ensino e na sociedade. Sinalou a necesidade de comprometerse co talento dos autores que é o principal recurso cultural do país, apostando por un audiovisual con refentes nidios e mirada propia xa que é a mellor garantía para acadar a internacionalización da produción audiovisual galega.
Saínza Ruíz, representante de Galicia en Común-Anova Mareas, subliñou a necesidade de crear unha oficina de atención e asesoramento cultural e unha Dirección Xeral de Traballadoras da Cultura; dentro dunha Consellería de Cultura dirixida por traballadoras e traballadores que coñecen o medio. Destacou tamén a necesidade de actualización de AGADIC e do CGAI dotándoo de autonomía.
A repercusión das novas publicadas ao redor do debate tiveron un gran impacto e alcance de audiencia chegando a superar os 36.000 usuarios únicos. A retransmisión en directo polas canles de Youtube, Facebook e Instagram da Academia foi seguida por máis de 1.000 persoas. As visualizacións en diferido do debate comezaron a producirse ao pouco da finalización do mesmo, o que indica o interese que despertou o evento e fai prever que aumentará notablemente o total de espectadores.
A cita que foi seguida co cancelo #DebateAudiovisualGalego obtivo uns mellores resultados que en ocasións anteriores, cun notable incremento de audiencia respecto aos debates celebrados no 2015 e no 2016 con motivo das eleccións xerais e autonómicas.
Saamira Ganay, membro da xunta directiva da Academia, foi a encargada de presentar e conducir o debate. Ademais do equipo da Academia que se encargou da dirección, coordinación e comunicación, o debate contou co soporte técnico e de realización da axencia Miraveo que fixo posible que este encontro virtual se levase a cabo.
Lembrade que podedes ver aquí o debate ao completo e seguir comentando nas nosas redes.