A ciencia ficción, protagonista da noite
A gala desta edición dos premios, que dirixirá Sonia Méndez, estará conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Este elenco de actores e actrices, cunha estética futurista, guiará ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego. Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contará cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro; dirección de produción de Miriam Devesa; guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.
Premios de honra
Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e o Premio Especial “José Sellier”. Este ano as homenaxes son para a actriz Mela Casal e para a Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA). Estes últimos recibiron xa o galardón o no encontro de finalistas o pasado venres e con eles púñase en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”. No caso de Casal, a AGA quere recoñecer o seu “traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”. A actriz recollerá o premio durante a gala.