Historia da Federación de Cineclubes de Galicia
Durante a década dos setenta producíronse varios intentos de constituír unha Federación dos Cineclubes de Galicia. O máis relevante foi en 1977 cos cineclubes «Padre Feijoo» (Ourense), Pontevedra e «Valle-Inclán» (Lugo), entre outros. Foi en 1983 cando, nas «IX Semán de Cine do Carballiño» (I Xociviga), se acordou poñer as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na «I Semana de Cine de Vilagarcía» como Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego.
Desde entón, a FECIGA formalizou acordos cos cineclubes de Portugal, como a creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista, e desenvolveu, entre outras actividades, os ciclos Clásicos do cine americano (1984), Clásicos do cine europeo (1985), ciclo grandes obras do cine (1987), Vive cine Galego (1988, 1989 e 1990), e organizou varias edicións do certame de escritos sobre a historia da Galicia cinematográfica (desde 1986) e un Curso de Cine de Animación (1989).
A Federación de Cineclubes de Galicia «FECIGA» pertence á Confederación de Cineclubes do Estado Español e á Fédération Internationale des Ciné-Clubs (FICC). Como membro desta última ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quixote, que se outorga en diversos festivais internacionais, como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.