O Young Audience Award é a categoría oficial dos Premios Europeos de Cinema adicada ao público xuvenil. A Academia Europea de Cinema (EFA) impulsa dende 2012 este galardón que recoñece a mellor película europea do ano para o público de entre 12 e 14 anos.
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co concello de A Coruña súmase a esta iniciativa europea para celebrar este evento por primeira vez en Galicia.
O vindeiro domingo 5 de maio, un xurado de rapazas e rapaces de toda Galicia, terán a oportunidade de elixir co seu voto cal é a mellor película europea xuvenil do ano.
As tres películas finalistas serán proxectadas o domingo 5 de maio simultaneamente en 48 cidades de 35 países para unha audiencia de xóvenes de entre 12 e 14 anos. As rapazas e rapaces participantes en cada cidade actúan como xurado e escollen a súa película favorita.
Na cerimonia de entrega, organizada pola Academia de cine Europeo na cidade alemá de Erfurt, cada país participante retransmite o seu voto por videoconferencia, ao estilo de Eurovisión, para finalmente outorgar o premio á película máis votada polos xurados de todas as cidades participantes. Para formar parte do xurado é preciso cumplimentar o seguinte formulario de inscrición e o documento de información sobre protección de datos a info@academiagalegadoaudiovisual.gal.
Nese mesmo enderezo e no teléfono 981 227 701 pódese consultar información sobre a celebración dos premios en Galicia e calquera dúbida sobre o proceso de inscrición.
DIRIXIDO A:
Rapaces e rapazas de entre 12 e 14 anos.
CANDO:
O domingo 5 de maio de 9:30h a 18:30h con posibilidade de asistir á retransmisión da Gala de entrega de premios de 20:00h a 21:00h. Este é o programa previsto para a xornada.
ONDE:
En Cantones Cines, A Coruña (Centro Comercial Cantones Village, Av. Porto da Coruña, 3).Presentación do Young Audience Award 2019