Nos estatutos da Academia Galega do Audiovisual recóllese a necesidade de promover e difundir a investigación científica en materia audiovisual. Por iso puxemos en marcha os Premios María Luz Morales de ensaios e videoensaio sobre o audiovisual, co patrocinio da Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra, con arreglo ás seguintes bases.
O obxectivo dos Premios Maria Luz Morales é o fomento da investigación no eido audiovisual desde unha perspectiva tanto galega como universal. Co nome de Maria Luz Morales, quérese recoñecer o labor desta galega pioneira na crítica cinematográfica española e figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos da muller.
Premiaranse obras de investigación en formato de texto (ensaios escritos) e en formato audiovisual (videoensaios). Con estes premios quere fomentarse a creatividade e a independencia investigadora. A realización dos traballos non está suxeita a ningún tipo de prescrición e pode incorporar toda clase de metodoloxía (historiográfica, formalista, semiótica, entrevistas, monografías comparativas, etc) e temática (artística, económica, ideolóxica, comunicativa). Os ensaios presentados ao certame poderán ser de dúas modalidades: ensaio escrito e videoensaio, e cada modalidade terá dúas categorías: unha que abranga calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra no que se recollan ensaios que versen ou se relacionen especificamente co audiovisual galego. Concederase un único premio para cada categoría, dentro de cada modalidade: O concurso está aberto á participación de calquera persoa maior de idade. Poderán participar traballos asinados de maneira individual ou colectiva. Cada autor/a pode enviar todos os traballos que considere oportuno antes das 23:59h do día 17 de marzo de 2019. Non se aceptarán os traballos recibidos despois desa data.
O fallo do xurado darase a coñecer no mes de abril de 2019.
A) Ensaios escritos
Os ensaios deberán estar escritos en galego e seren orixinais e inéditos. A extensión das obras situarase entre os 8.000 e 48.000 caracteres, espazos incluidos, incluíndo o título do ensaio. Deberán estar escritos en Times New Roman, cun tamaño de 12 e cun interliñado de 1’5 liñas. As notas a pé de páxina deberán respectar o sistema europeo.
Os traballos presentaranse por correo electrónico no enderezo inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal.
No asunto do correo electrónico figurará PML19 seguido do título do traballo e achegaranse dous documentos de texto en formato .doc, .docx ou .odt:
– Unha ficha denominada PML19 seguido do nome da/s persoa/s autora/s na que figuren os seguintes datos: Título, nome e apelidos, categoría, data de nacemento, DNI, enderezo físico, enderezo electrónico, teléfono, lugar onde estuda e/ou traballa. Ademais, achegarase un pequeno resumo do tema sobre o que versa o traballo, cunha extensión máxima de 1000 caracteres.
– O ensaio escrito denominado PML19 seguido do título do traballo. Co obxecto de preservar o anonimato das persoas participantes diante do xurado, en ningún lugar dos traballos poderá figurar o nome, alias ou calquera outro elemento que poda revelar, directa ou indirectamente, a autoría dos traballos. O inclumplimento deste punto implicaría a súa descalificación.
B) Videoensaios
Os videoensaios terán que ser orixinais e inéditos, e estaren en lingua galega. Admitiranse vídeos cunha duración máxima de 15 minutos, compostos de imaxes e sons orixinais ou dos que o autor do vídeo teña os dereitos. Tamén poderá acollerse ao dereito de cita á hora de usar imaxes de terceiros. En calquera caso, a persoa autora do videoensaio responsabilízase do correcto uso legal dos materiais que empregue no seu vídeo.
Os vídeos enviaranse en formato mp4 (codec h.264 bitrate 20 e 35 mbps) ou webm, a través de plataformas como Wetransfer, Dropbox, Vimeo ou similar. Co obxecto de preservar o anonimato das persoas participantes diante do xurado, en ningún lugar poderá figurar o nome, alias ou calquera outro elemento que poda revelar, directa ou indirectamente, a autoría dos traballos. O inclumplimento deste punto implicaría a súa descalificación.
Os traballos presentaranse por correo electrónico no enderezo inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal. No asunto do correo electrónico figurará PML19 seguido do título do traballo e achegaranse dous documentos de texto en formato .doc, .docx ou .odt:
– Unha ficha denominada PMM19 seguido do nome da/s persoa/s autora/s na que figuren os seguintes datos: Título, nome e apelidos, categoría, data de nacemento, DNI, enderezo físico, enderezo electrónico, teléfono, lugar onde estuda e/ou traballa. Ademais, achegarase un pequeno resumo do tema sobre o que versa o traballo, cunha extensión máxima de 1000 caracteres.
– Un documento no que se citen e referencien correctamente todos os materiais audiovisuais utilizados. O xurado comporase de 3 persoas de recoñecido prestixio no ámbito historiográfico ou da crítica audiovisual.
En canto aos criterios de valoración, contemplarase a singularidade do enfoque, a orixinalidade do desenvolvemento, a fiabilidade dos datos da documentación e a coherencia das conclusións.
O xurado valorará especialmente a irrupción de puntos de vista anovadores sobre a temática que se aborde. Por iso, ademais do rigor científico, tamén se procura o desenfado e risco na concepción, nas valoracións e nas conclusións dos textos escritos ou audiovisuais. Haberá un único premio para cada categoría de 1.200 euros + un galardón.
O xurado resérvase o dereito de deixar calquera categoría deserta, así como o de conceder accesits sen dotación económica a obras que consideren dignas de mención. A decisión do xurado será inapelable.
A contía dos premios está suxeita á retención de impostos correspondentes. Os ensaios gañadores publicaranse na web da Academia Galega do Audiovisual, tanto en texto como en vídeo.
As persoas autoras estarán autorizadas a publicalo noutros medios despois da súa publicación por parte da Academia. A participación nos premios María Luz Morales conleva a aceptación destas bases. DESCARGAS: Bases dos III Premios María Luz Morales | Información adicional relativa á Protección de Datos Persoais