A Coruña acolleu o primeiro Encontro de Academias organizado pola Academia Galega do Audiovisual, no que representantes do sector de toda a península debateron sobre o presente e o futuro da profesión. O resultado da conversación, na que se trataron temas como a fronteira que separa o cinema e a televisión, o papel da muller e a busca da paridade, así como a intención compartida de incorporar a mocidade ás institucións do sector e a interconexión entre o audiovisual español e o europeo, publicarase o próximo día 29 de decembro, xunto cuns renovados Papeis da Academia.
Joan Álvarez Valencia, director xeral da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España; Paulo Antonio Rodrigues De Noronha Trancoso, presidente da Academia Portuguesa dás Artes e Ciencias Cinematográficas de Portugal; Joan Bas Viñals, vicepresidente da Academia do Cinema Català; Jesús Marco, presidente, e José Ángel Guimerá, vicepresidente, da Academia do Cinema Aragonés; José Javier Paisano Vergara, presidente da Asociación de Escritores Cinematográficos de Andalucía (ASECAN), en representación da Academia do Cinema e as Artes Audiovisuais de Andalucía; e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, compartiron as súas impresións sobre a produción no Estado, a representatividade das Academias e o seu papel nos seus respectivos territorios e analizaron como mellorar a relación entre as Academias, así como a súa capacidade para afrontar conxuntamente retos comúns, como a xestión da diversidade ou a promoción interna e externa da produción audiovisual da península.
A boa sintonía entre as distintas academias da península concretouse na oferta da Academia do Cinema Aragonés para organizar un novo encontro no último trimestre do próximo ano. Nesta segunda edición, profundarase na posibilidade -esbozada esta mañá- de realizar proxectos comúns, como a creación dunha plataforma conxunta que sirva como rede de difusión e promoción de cineastas, a elaboración dun Pacto social polo Cinema e pola Cultura ou o deseño dun programa que introduza o cinema nas escolas.
Previamente, os representantes de todas as academias do audiovisual da península mantiveron un encontro informal coas entidades do sector en Galicia, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); José Manuel Sande García, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña; Guillermo Escrigas, director do Centro Galego de Artes dá Imaxe (CGAI); Montse Besada, xefa de Contidos da CRTVG; Dolores Ben, presidenta, e Uxía Caride, xerente, da Asociación Galega de Produtras Independentes (AGAPI); Jorge Algora, presidente da Agrupación industrial Audiovisual de Galicia; Ángeles Huerta, vicepresidenta primeira da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA); Manane Rodríguez, en representación de CIMA ou Isabel Blanco Picallo, delegada en Galicia de AISGE. Anexámosvos unha fotografía deste encontro coas entidades galegas.