A Academia Galega do Audiovisual lamenta a morte de Ernesto Chao, o seu primeiro presidente e cofundador

6 / 08 / 2018

  • Comprometido coa profesión e querido por toda a cultura galega, o coñecido actor foi tamén fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e presidiu Escena Galega

A Coruña, 6 de agosto de 2018.- A Academia Galega do Audiovisual amosa o seu profundo pesar polo pasamento de Ernesto Chao, cofundador e primeiro presidente da entidade, entre 2002 e 2003. O actor, que recibiu en 2008 o Premio de Honra Fernando Rey pola súa traxectoria, amosou sempre un forte compromiso profesional, social e político. Foi todo un referente, tanto para o público como para o mundo da cultura galega, que o recorda con tanto respecto como cariño.

Ernesto Chao recibiu un gran recoñecemento do público galego pola serie Pratos Combinados, pero o seu currículo na pequena pantalla inclúe un gran número de producións. Así, interpretou diferentes papeis en series como El Comisario, Aquí no hay quien viva, Pepe, o Inglés, Os outros feirantes ou Fariña, o seu papel máis recente. No cine, Chao ten participado en fitas como La hora Bruja (Jaime de Armiñán, 1985), Esperanza (Chano Piñeiro, 1986), Urxa (Carlos Piñeiro, 1989), Huídos (Sancho Gracia, 1992), La Ley de la frontera (Adolfo Aristarain), 13 badaladas (Xabier Villaverde, 2002), Os mortos van ás presas (2009) ou María (y los demás) (Nely Reguera, 2016).

Entre os recoñecementos que recibiu, pódense destacar o Premio Compostela á mellor interpretación masculina en 1992 por interpretar Galileo e en 1993 por Un soño de verán. No ano 2002, recibiu o Premio de Honra Abrente e o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego. En 2008, recibiu o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. No teatro, desenvolveu unha extensa e frutífera traxectoria e acadou o Premio María Casares ao actor protagonista pola obra As últimas lúas en 2008. Ernesto Chao foi presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e de Escena Galega, ademais de da Academia Galega do Audiovisual.

Ernesto Chao falaba claro. Neste vídeo que vos compartimos falaba con Camilo Franco -para os Papeis da Academia de 2016- sobre a súa profesión, sobre os espellismos que ten e sobre como se vía a si mesmo despois de tantos anos de personaxes.

Categoría: Novas
Etiquetas: