MÁIS DE 9.000 PERSOAS PARTICIPAN NA EDICIÓN CON MAIOR AFLUENCIA DE PÚBLICO DA HISTORIA DO FESTIVAL DE CANS

24 / 05 / 2011

Máis de 9.000 persoas participaron na oitava edición do Festival de Cans, converténdoa na de maior afluencia de público da historia do Festival. A xente abarrotou o torreiro de Cans para asistir aos concertos de Siniestro Total, Gran Wyoming y Los Insolventes e Os Trebóns e a estrada de Cans estivo tomada polo público durante horas o día grande do Festival. A asociación cultural Arela, organizadora do certame, está especialmente satisfeita pola resposta do público ao aumento de aforo das salas e ás estreas de longametraxes e aos coloquios, as grandes apostas deste ano. Salientan tamén a consolidación dos espazos de programación paralela á proxección de curtas a concurso, indicando que houbo que facer sesións dobres e triples das propostas do Jalpón Friki e da Sala Multiúsos e que o Jaliñeiro Unplugged se converteu xa nun dos sinais de identidade do Festival. “O que pretendemos é seguir medrando nos ámbitos que consolidan a esencia do Festival de Cans”, asegura Alfonso Pato, “independentemente das actividades complementarias”.

Neste sentido, cabe salientar que os encontros cos directores, unha das grandes apostas desta edición, contaron co apoio decidido do público. O coloquio que ofreceu Fernando León na Leira de Alicia foi o máis multitudinario e participativo da historia do Festival de Cans. O cineasta falou, sobre todo, para os curtometraxistas e os novos creadores do audiovisual. Aclarou que se sente máis guionista que ningunha outra cousa, porque considera que ese é o traballo máis creativo, e contou moitos detalles pouco coñecidos da súa carreira. Centrouse, especialmente, no proceso de creación de Los Lunes al Sol e estableceu un diálogo moi enriquecedor e cercano co público. Neste sentido, a organización destaca tamén a cercanía que caracterizou a presenza no VIII Festival de Cans de Manuel Rivas, Carlos Núñez, Jorge Coira, El Gran Wyoming ou Julián Hernández. “Gozaron e viviron a experiencia do agroglamour”, asegura Alfonso Pato.

Outro dos elementos clave para a organización é que os veciños de Cans teñan un papel destacado dentro do festival. Neste sentido, este ano consolidouse o xurado dos veciños, ata o punto de que a organización está a recibir xa peticións para participar en vindeiras edicións. “É unha vía que se fomentará no futuro, como tamén se traballará pola consolidación doutra das novidades deste ano que contou cunha importante participación dos veciños e veciñas: o Can Campus”, avanza Alfonso Pato.

Punto de encontro entre o Festival de Cans e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Can Campus permitiulles a un grupo de alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual realizar un traballo a “lume real” e conectounos coas correntes estéticas e industriais do sector audiovisual grazas á titoría dos realizadores Juan Lesta e Belén Montero. O éxito deste primeiro experimento, no que participaron máis de cincuenta persoas, entre estudantes, veciños e os músicos do grupo Sinestesia, indica que este é un dos camiños de futuro que se abriron nesta oitava edición do Festival. “É unha boa maneira de promover grupos de música novos e amosar que Cans pode funcionar como o mellor plató de gravación ao aire libre coa participación dos veciños e veciñas”, conclúe o director do Festival.

Outro dos espazos que se consolidou este ano foi o Jaliñeiro Unplugged, que nacera no 2010, como complemento á programación da Sala Multiúsos e que se converteu xa nun dos sinais de identidade do Festival. Ademais, tanto as propostas do Jalpón Friki como as da Sala Multiúsos tiveron que ser proxectadas varias veces, debido á afluencia de público. O videoclip en 3D de Siniestro Total, La paz mundial, proxectouse tres veces, ata que chegou a hora de pechar a sala, converténdose en todo un acontecemento.

Finalmente, a organización do Festival de Cans, recorda que a esencia do certame son as curtas a concurso e que nesta oitava edición se puido ver unha selección do se está facendo agora mesmo en Galicia. Salientan a variedade de xéneros, dende o thriller á comedia, pasando polo cinema experimental; a aposta do xurado polas obras máis arriscadas e novidosas e a descuberta de novos realizadores, como Xacio Baño (que gañou o premio do xurado á mellor curtametraxe con Estereoscopía) ou Alberto Vázquez (que obtivo, xunto con Pedro Rivero, o premio do xurado á mellor curtametraxe de animación por Birdboy). 

As curtas gañadoras proxectaranse este mércores, día 25, ás 22h no bar Liceum do Porriño.

 

PALMARÉS DO VIII FESTIVAL DE CAN

18 a 21 de maio de 2011, Cans (O Porriño)

Premio de Honra Pedigree´11, dotado coa estatuíña Can de Pedra: María Pujalte.

  Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Estereoscopía, dirixida e producida por Xacio Baño.

 Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado con 1.000 € e Can de Pedra: De que se ríen las hienas, dirixida por Javier Veiga e producida por Xosé Zapata, IB Cinema.

Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra: El Grifo, de Denis Rovira Van Boekholt e producido por Continental Producciones.

Premio do público á mellor curtametraxe de animación, dotado con 1.000 € e Can de Pedra: Vicenta, dirixida por Sam e producida por Ignacio Benedeti Cinema.

Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Birdboy, dirixida por Pedro Rivero e Alberto Vázquez e producida por Abrakam Estudio, Postoma Studio, Cinemar Films e Uniko.

Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: ex aequo a Celso Bugallo, por El Grifo, e Vicente de Souza por Estereoscopía.

 Premio do xurado á mellor interpretatición feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Toni Acosta, por De que se ríen las hienas.

  Premio do xurado ao mellor guión, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Javier Veiga, por De que ser ríen las hienas.

Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “Dos semanas”, de Misterioso Viaje a Holanda, realizado por Juan Pablo Etcheberry

 Premio do público ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “La marcha de las hormigas” de El Cubo, realizado por Andrés Montenegro e Belén Mendaña.

 

Fotos do Festival de Cans no noso flickr:

http://www.flickr.com/photos/festivaldecans

Categoría: Novas
Etiquetas: