A Academia Galega do Audiovisual entregou esta mañá na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións.
O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia (?), que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo. Romero recibiu, tamén, un accésit ao ensaio escrito galego con O galego no cinema galego (documento) que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.
Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega (documento), polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.
Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década (documento), que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.
O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado, do que tamén forman parte o xornalista Ángel Suanzes e mais o guionista Daniel Domínguez; Carlos Ares, María Yáñez e Manolo González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña.
Os premios María Luz Morales pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou esta mañá Margarita ledo, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales, unha xornalista galega que foi pioneira no Estado, ao converterse na primeira directora dun xornal diario, e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais. Morales foi tamén un referente na defensa dos dereitos das mulleres e no galeguismo, represaliada e apartada da profesión durante o franquismo.
María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.