Entre os beneficiarios seleccionados distribuiranse 30.000 ¤ que lles permitirán acceder a cursos especializados no eido audiovisual impartidos en centros de formación de recoñecido prestixio. Estas axudas son esenciais para os profesionais do sector xa que dende a primeira convocatoria, no ano 2003, o Consorcio recibiu máis de 240 solicitudes e foron apoiadas 85 actividades formativas.
Dentro do Plan de Promoción do Consorcio Audiovisual de Galicia estas axudas son fundamentais xa que o seu obxectivo é fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego. A isto hai que sumarlle o grande interese e as numerosas respostas desta convocatoria e os positivos resultados obtidos polos beneficiarios.
Este ano, o anuncio da resolución pola que se convocaron as axudas publicouse o 15 de abril no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes rematou o 16 de maio e recibíronse un total de 51 solicitudes.
A selección dos 24 beneficiarios realizouse a través dunha Comisión que prestou especial interese naquelas actividades que pola súa novidade ou interese estratéxico repercuten máis positivamente no conxunto do audiovisual galego. A Comisión valorou, ademais, a traxectoria académica e/ou profesional do solicitante, o recoñecemento tanto no Estado como no estranxeiro do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude indicando os obxectivos previstos coa realización do curso ou actividade formativa.
A Comisión tamén acordou, en base ás puntuacións obtidas, a distribución dos 30.000 ¤ destinados estas axudas que lles permiten cubrir aos beneficiarios ademais do importe da matrícula, outros gastos relacionados cos desprazamentos e estancias.
Os cursos que realizarán os bolseiros desenvolveranse en centros de recoñecemento internacional tales como a Escola de Guión e Creatividade GuionArte en Bos Aires, a ESCAC, a New York Film Academy, a London Film School, a Escola Internacional de Cine e Tv de San Antonio de los Baños (Cuba) ou o International Center of Photography de Nova Iorque.
As actividades formativas que van a realizar os beneficiarios cobren diversos aspectos do audiovisual. Hai cursos de guión, interpretación, cámara, sombrerería, dirección cinematográfica, son, edición, documental, produción, publicidade, etc.