Alba Meijide será a coordinadora de contidos en Intelixencia Artificial de FIGA, o Foro da Industria Galega do Audiovisual, que celebra este ano a súa primeira edición.
Licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, onde posteriormente completou os seus estudos co Máster en Enxeñaría en IA. Iniciou a súa carreira profesional no congreso internacional Mundos Dixitais, onde se encarga da coordinación e xestión de contidos de IA. Desenvolve a súa actividade profesional como consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial: desde sistemas de detección de enfermidades oculares ata investigación e desenvolvemento de ferramentas para recoñecidas empresas do sector da animación e os VFX como El Ranchito ou Illusorium Studios, entre outros. En 2022 foi a coordinadora de AI: More than Human en A Coruña, unha exposición sen precedentes dos desenvolvementos creativos e científicos da Intelixencia Artificial, deseñando e xestionando tamén o desenvolvemento do único proxecto nacional incluído na mostra.
Conversamos con ela sobre as implicacións e desafíos que plantexa a Intelixencia Artificial e sobre que pode aportar a celebración dun evento como FIGA aos profesionais do sector audiovisual.
- Que te levou a dirixir a túa carreira profesional ao ámbito da enxeñaría e a intelixencia artificial?
A Intelixencia Artificial é un campo de investigación e desenvolvemento en constante evolución, con aplicacións en sectores tan variados como a medicina, o deporte ou o sector audiovisual. Poder traballar nun entorno tan dinámico e de constante aprendizaxe é para min unha das maiores cualidades da miña profesión. É unha disciplina que me pareceu fascinante desde o principio, cando decidín enfocar os meus estudos nesta rama, incluso antes de acadar tanta fama como ten hoxe en día. Resolver problemas complexos con tecnoloxías disruptivas e poder ver todas as oportunidades que a IA proporciona foi o que realmente me “enganchou” para quedarme.
- Imaxinamos que desde que comezaches o teu grao universitario ata hoxe a evolución da IA foi formidable. Caís foron, na túa opinión, os cambios máis destacables?
O cambio na percepción social da Intelixencia Artificial foi, na miña experiencia, moi notable. Pasou de ser un concepto asociado co futuro ou a ciencia ficción a ser unha realidade que todos estamos a vivir. A nivel persoal, alégrome de ver como a miña área profesional e de especialización xera tanto interese, e como todas as partes da sociedade mostran interese en comprendela, aproveitala e tamén establecer os límites éticos segundo cada persoa. A “democratización” que sufriu a IA ven dada por moitos factores, pero o feito de que hoxe en día todos nós poidamos interactuar e avaliar sistemas de IA, desde chatbots ata xeradores de imaxes, é unha oportunidade que impulsou moito o sector.
- Que pode aportar FIGA ás persoas profesionais do sector audiovisual?
Un evento como FIGA é crucial para o sector dada a situación tan cambiante e volátil das novas tecnoloxías, sobre todo da Intelixencia Artificial. Creo que é unha gran oportunidade para compartir co sector aplicacións reais destes sistemas, así como poñer en común expectativas e retos que pode supoñer a súa chegada. A adopción de IA nos estudos e empresas está a aumentar a niveis exponenciais, e con iso, o interese e as preocupacións. Ter un espazo seguro onde expoñer estes temas con outros profesionais afíns, permitirá allanar o camiño para unha convivencia sostible coa IA respectando as cualidades máis humanas que fan deste sector unha fábrica de experiencias para os consumidores de contidos.
- En relación ao sector audiovisual, en que profesións cres que a chegada da IA vai ter máis impacto?
A Intelixencia Artificial chegou de forma transversal, afectando cada día a máis sectores e profesionais. Na miña opinión é unha tecnoloxía que tarde ou temprano, nos afectará a todos non só no noso emprego, senón a nivel persoal. A miña visión da IA é como unha ferramenta automatizadora para tarefas repetitivas e mecánicas, permitindo acelerar a produción audiovisual e deixando do noso lado, do lado dos humanos, a parte máis creativa e cognitiva. Por este motivo, creo que a Intelixencia Artificial non deixará intacta ningunha área de especialización ou profesión, pero coa regulación adecuada e coas guías éticas establecidas, pode permitirnos aumentar a nosa creatividade e produtividade ata niveis sen precedentes.
- A aparición da IA é vista con recelo por profesionais de moitos sectores, que lles dirías?
Trátase dun tema que xera debates intensos; por suposto está suxeito a ser usado de forma maliciosa e irresponsable. Iso non é nada novo e ocorre con infinidade de ferramentas, desde a propia internet ata un coitelo que temos todos na cociña, que de ser usados de forma incorrecta poderían xerar moitos danos. A Intelixencia Artificial é un tema moito máis delicado ca estes exemplos, pero temos a oportunidade de facer un uso correcto e moral para aproveitar as oportunidades que nos presenta, xa que non facelo sería un erro.
Atopámonos nunha situación delicada pero decisiva, onde temos que definir a nosa relación con esta tecnoloxía, e aínda que é certo que non calquera uso da IA é lícito, creo que debemos ter unha opinión informada e intentar sacar o maior partido posible, respectando sempre o factor máis humano.