Rematamos o percorrido polo ano que está a piques de rematar, con máis entrevistas a profesionais das diferentes familias que compoñen o noso sector.
“No fondo todo vai de contar historias” confesábanos Gaspar Broullón. Realizador, editor, produtor, profesor de Ciencias da Comunicación na USC falamos con el co gallo da súa presenza no xurado dos V Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual.
Entrevistamos a Xisela Franco con motivo da súa participación no xurado dos Premios María Luz Morales. “No caso das películas presentadas, penso que invitaría a participar máis xente sendo máis inclusivos na explicación das propias bases”.
Alba Prol co-dirixiu xunto a Raúl García o documental O gran camiño estreado no verán. Nel amosan como percorreron catro das rutas de peregrinación con máis sona do mundo: o Pacific Crest Trail, o Camiño Inca a Machu Picchu, o Kumano Kodoe o Camiño de Santiago “para chegar ás persoas e ás historias que teñen detrás”.
Noemí Chantada gañou o Mestre Mateo á mellor curtametraxe de imaxe real con Xoves de Comadres, unha peza seleccionada e premiada en festivais de todo o mundo. “Rimos moito na rodaxe porque houbo bastante improvisación, e tamén nos emocionamos porque hai moita verdade”.
Entrevistamos a Ester G. Mera, cineasta, crítica e gañadora dun premio na IV edición dos María Luz Morales “Hai que dar paso ás xeracións máis novas, en especial as mulleres, para renovar as formas e temas de interese, e descubrir novas maneiras de abordar o cine e o audiovisual en xeral”.
Carlos Prado Pampín estreou Devolvendo o golpe no Primavera do Cine de Vigo: Rosa ve como o seu fillo de dez anos resulta gravemente ferido nun accidente de tráfico. “Aínda que é unha historia local, dunha parroquia de Marín, é universal, é a loita diaria de moita xente por saír adiante e por cumprir os seus soños”.
Entrevistamos a Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, quen fixo balance da oitava edición desta cita de referencia para coñecer a actualidade dos contidos dixitais para público e profesionais. “Sempre que remata unha edición penso que vai ser difícil superala, nesta edición pásame iso multiplicado por mil”.
O FICBueu recoñeceu co Premio Cinema Galego a Alfonso Agra, un galardón que recoñecía a súa extensa traxectoria. “Sinto unha enorme alegría, especialmente tendo en conta que é o primeiro premio que recibo nos xa corenta anos que me levo adicando a esta excéntrica profesión”.
Carlos Roma dirixiu o programa Os mellores da clase, emitido por TVG a partir de setembro. Un formato novidoso que combina talk show e concurso e que constitúe “unha reivindicación do xénero do entretemento, que últimamente anda moi menosprezado”.
Conversamos coa produtora Beli Martínez, quen recibiu o premio Chano Piñeiro na XXVI edición do Ourense Film Festival (OUFF) “O meu traballo é bastante invisible e bastante duro polo que calquera recoñecemento sempre é benvido e de agradecer”.
Falamos con Marian Sande, tradutora e subtituladora durante o festival Curtocircuíto, unha cita que marca os seus comezos como profesional “supuxo a miña toma de contacto coa tradución audiovisual, daquela xa podes imaxinar o que significa para min”.
O cómico Pedro Brandariz protagoniza Jacinto, estreada no Festival de Sitges. “Javi Camino creou unha historia para todo tipo de públicos, pero ás namoradas e namorados do xénero vailles encantar, pois está moi ben construído, ten moitas referencias, e sobre todo é moi divertida”.
Entrevistamos a Sandra Sánchez co gallo da incorporación da súa curtametraxe A nena azul ao catálogo de Fiestra.gal. “Tiña moitas ganas de dirixir actores, e a experiencia coas nenas protagonistas, Carla e Lucía, e co actor Sergio Zearreta, foi marabillosa”.
A xornalista e escritora María Solar foi a encargada de presentar a entrega do X Premio José Sellier no antigo Cine Valle Inclán da Coruña. “Para min presentar esta gala é unha ilusión e un honor, como xornalista cultural e como socia da Academia Galega do Audiovisual”.
Entrevistamos a Jesús Silva, director de A Cuarta Parede, con motivo do X Premio José Sellier. “Sempre foi parte da nosa esencia dar espazo ao cinema que se fai aquí, acompañando aos filmes, incluso cando esta etiqueta non era tan recoñecida no ámbito internacional. Penso que foi unha viaxe conxunta, e agardamos que siga sendo así”.
Rematamos o ano conversando con Fátima Davite, Senior Artist de Character Fx en Skydance “somos os perruqueiros e os xastres das personaxes que aparecen nas películas de animación ou efectos especiais. En 2022 estréase Luck, producida por Paramount Pictures, o último proxecto no que tomou parte.