A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desvelou os nomes dos nominados aos XIII Premios María Casares de Teatro durante a celebración da II Festa dos Nominados no recentemente inaugurado Pazo da Cultura de Narón, onde se deron cita centos de profesionais da escena teatral galega.
13 dos 28 espectáculos que concurrían aos galardóns teatrais obtiveron algunha nominación dentro das distintas categorías. Así mesmo, do total de 281 profesionais que presentaron a súa candidatura aos María Casares 2009, serán finalmente 36 os nominados con posibilidade de acadar unha distinción na presente edición dos premios, como mellor dirección, actor e actriz protagonista, actor e actriz secundarios, escenografía, texto orixinal, adaptación/tradución, música orixinal, iluminación, vestiario, maquillaxe e espectáculo.
Dunha segunda rolda de votacións sairán os traballos valorados como os mellores polo censo de electores dos Premios de Teatro María Casares. A gala de entrega de galardóns, celebrarase o 25 de marzo de 2009 no teatro Rosalía Castro de A Coruña. O censo de electores está integrado polos 300 asociados da AAAG, todos os gañadores e finalistas das doce edicións anteriores nas diferentes categorías, os programadores de toda Galicia e os críticos e estudiosos teatrais.
NOMINADOS POR CATEGORÍAS
MELLOR ESPECTÁCULO
Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
Obra (No comment), de PT Excéntricas
Aeroplanos, de Lagarta lagarta
MELLOR DIRECCIÓN
Candido Pazó, por E ti, quen vés sendo?, de Talía Teatro
Quico Cadaval, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
Xúlio Lago, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA
Elina Luaces, por O club da calceta, de Teatro do Morcego
Luisa Merelas, por O club da calceta, de Teatro do Morcego
María Bouzas, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
MELLOR ACTOR PROTAGONISTA
Ernesto Chao, por Aeroplanos, de Lagarta lagarta
Víctor Mosqueira, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
X. M. Olveira “Pico”, por Aeroplanos, de Lagarta lagarta
MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA
Belén Constenla, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
Lucía Regueiro, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
Rebeca Montero, por A boa persoa de Sezuán, do Centro Dramático Galego
MELLOR ACTOR SECUNDARIO
Artur Trillo, por E ti, quen vés sendo?, de Talía Teatro
César Cambeiro, por A boa persoa de Sezuán, do Centro Dramático Galego
Josito Porto, por Dame veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro
MELLOR ESCENOGRAFÍA
Antonio Pereira, por Dame veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro
Baltasar Patiño, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
Carlos Alonso, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
Fernando Ribeiro, por A boa persoa de Sezuán, do Centro Dramático Galego
Pablo Giráldez “Pastor”, por Bailadela da morte ditosa, de Teatro de Ningures
MELLOR TEXTO ORIXINAL
Candido Pazó, por E ti, quen vés sendo?, de Talía Teatro
Quico Cadaval, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
Teresa Moure, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN
Avelino González e Olga F. Nogueira, por Aeroplanos, de Lagarta lagarta
María Reimóndez e Celso Parada, por O club da calceta, de Teatro do Morcego
Pancho Pillado, por Náufragos, de Teatro Galileo
MELLOR MÚSICA ORIXINAL
Fran Pérez “NARF”, por A boa persoa de Sezuán, do Centro Dramático Galego
Manecas Costa, por Humor neghro, de Abada Teatro
Suso Alonso, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
MELLOR ILUMINACIÓN
Afonso Castro, por Periferia, de Voadora
Baltasar Patiño e Octavio Más, por Obra (No comment), de PT Excéntricas
Xúlio Lago, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico +
MELLOR VESTIARIO
Carlos Alonso, por Unha primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico
Clotilde Vaello, por Frida, de A Internacional
Ruth D. Pereira, por Dame veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro
MELLOR MAQUILLAXE
Cristina Couto, por Dame veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro
Fany Bell, por Periferia, de Voadora
La Canalla, por Game Over, de caChuzo
SINOPSE DOS ESPECTÁCULOS QUE ACADARON NOMINACIÓNS
Entre paréntese o número de nominacións
–Unha primavera para Aldara (9): Teatro do Atlántico levou sobre as táboas a obra da escritora Teresa Moure, xa recoñecida co XIII Premio Rafael Dieste de Teatro. Na época das grandes loitas irmandiñas, no século XV, as personaxes abordan temas universais como a igualdade de xéneros. A obra está nominada a 9 das 13 categorías: mellor espectáculo, dirección, actriz protagonista, actriz secundaria, texto orixinal, escenografía, iluminación e vestiario.
–Obra (No Comment) (7): Producións Teatrais Excéntricas reúne un equipo ás ordes de Quico Cadaval, co engadido da música en directo dun piano de rag-time. Dramaturxia contemporánea, textos irónico-poéticos e a riqueza expresiva do teatro físico nunha obra que recolle 7 nominacións: mellor espectáculo, dirección, actor protagonista, texto orixinal, escenografía, iluminación, música orixinal.
–Aeroplanos (5): Lagarta Lagarta pon en escena esta obra que, como define a súa directora, Rosa Álvarez, é “unha comedia de texto, de intriga, idealista, enxeñosa, e de linguaxe sutil”, onde a compañía reflexiona sobre as relacións humanas. Reúne 5 nominacións en 3 das 13 categorías: mellor espectáculo, mellor actor protagonista (con dúas nominacións), mellor adaptación/tradución (con dúas nominacións).
–A boa persoa de Sesuán (4): Producida polo Centro Dramático Galego, que versiona o texto que Bertolt Brecht escribira en 1943 e permite redescubrir esta fábula amarga sobre a búsqueda da bondade nunha sociedade corrupta e nun ambiente urbano degradado dominado polas luces de neón. Ten 4 nominacións: mellor actor secundario, mellor actriz secundaria, mellor escenografía e mellor música orixinal.
–Dame veleno, eu tamén soñar (4): Da compañía Sarabela Teatro. A propia dramaturga, Ánxeles Acuña, explica que a obra fala dun “escritor de soños que fai un canto a vivir e morrer con dignidade”. Aborda o controvertido tema da eutanasia na liña de teatro comprometido. Acada 4 nominacións nas categorías de mellor actor secundario, escenografía, vestiario e maquillaxe.
–O Club da calceta (4): A cargo de Teatro do Morcego, María Reimóndez adapta esta obra, que fai emerxer, dende a intriga e a hilaridade, unha reflexión profunda sobre a condición feminina a través de 6 mulleres que acoden a clase de calceta. Ten 4 nominados en dúas categorías: mellor actriz protagonista e mellor adaptación/tradución.
–E ti, quen vés sendo? (3): Trátase dunha comedia de Talía Teatro baseada no clásico O Anfitrión de Plauto, que achega as peripecias dos deuses gregos Xúpiter e Mercurio, facéndose pasar por Anfritrión e Sosica na busca do amor de Alcmena. Concorre aos galardóns con tres nominacións á mellor dirección, actor secundario e texto orixinal.
–Periferia (2): A compañía galego-portuguesa Voadora pon en escena Periferia, como primeira parte dunha triloxía, que reflexiona sobre o fracaso desenvolvendo sobre o escenario outras disciplinas como a música e a performance. Reúne dúas nominacións nas categorías de mellor iluminación e maquillaxe.
–Bailadela da morte ditosa (1): Teatro de Ningures presenta seis encontros coa morte noutros tantos cadros, dende a fuxida do sufrimento, a soidade e o fracaso, ata abrazala para alimentar outra vida, ou asumila como a fin natural dun traxecto. Opta a un galardón pola súa escenografía.
–Humor neghro (1): A través de Abada Teatro, Carlos Blanco e Manecas Costa únense nun espectáculo de humor e música que fala da negritude e adopta a lusofonía como nexo dunha cultura, linguaxe e maneira de mirar a realidade. Candidata ao galardón María Casares á mellor música orixinal.
–Frida (1): A Internacional recompón a biografía da pintora mexicana Frida Khalo polo lado máis humano empregando a galería de imaxes referenciais que proporciona o universo artístico da pintora. A obra conta cunha nominación na categoría de mellor vestiario.
–Game Over (1): A Compañía Cachuzo levou a escena o texto gañador do II Premio Manuel María. Trátase dunha obra de teatro infantil, cualificada de “obra surrealista para nenos”, que conta a viaxe de Roi ao país das súas propias maravillas e medos logo de quedarse durmido fronte a consola. Está nominado a un María Casares na categoría de mellor maquillaxe.
–Náufragos (1): Teatro Galileo conta do seu propio espectáculo que é unha obra de amizade, sinceridade, amor e liberdade individual, ademais dunha comedia sobre as relacións de parella nunha illa paradisíaca logo dun naufraxio. Goza dunha nominación á mellor tradución/adaptación.