A Coruña, 2 de xuño de 2022 | O xornal La Correspondencia Gallega publicaba o 3 de xuño de 1897, unha noticia que recollía a seguinte información: “continúan a ser moi visitados os cinematógrafos que se exhiben na rúa Real. No do Sr. Sellier, presentáronse onte mércores varias vistas da Coruña que gustaron moito”.
O señor Sellier, ao que fai referencia a noticia, era José Sellier Loup, un afamado fotógrafo nado na localidade francesa de Givors , pero que desenvolveu a súa actividade profesional na Coruña. As “vistas de Coruña” citadas son as primeiras películas galegas, que tamén están consideradas as primeiras películas do cinema español.
Nunha época na que a cultura francesa estaba de moda e era un símbolo de sofisticación, entre as clases acomodadas da cidade herculina estaba de moda retratarse na “Fotografía de París” que rexentaba Sellier. O fotógrafo era un home liberal, que amosaba un fondo interese polos avances tecnolóxicos de finais do século XIX, como o demostran o uso da luz eléctrica ou a instalación dunha liña telefónica no seu estudio de fotografía. Tamén viaxaba a Francia de xeito habitual, e alí coñecía de primeira man os últimos avances en materia fotográfica.
En maio de 1897 autorízase a instalación de dous cinematógrafos na cidade. O aparello, patentado polos irmáns Lumière, saíra á venda o 1 de maio de 1897 e chegara rapidamente a Galicia. José Sellier solicitara autorización para instalar un no número 8 da rúa Real e os representantes portugueses da Casa Lumière, Marqués e Azevedo, instalaron outro no número 25 da mesma rúa, que era a principal vía comercial naqueles anos. As proxeccións foron un éxito entre un público xa afeito ás sesións de imaxes en movimento que chegaran á cidade en setembro do ano anterior. Como aparece recollido no xornal La Voz de Galicia “as vistas no Cinematógrafo 25 son grandes e as figuras de tamaño natural; no outro é maís pequeno o foco, pero, non obstante, aprécianse os detalles minuciosamente e resultan os cadros moi perfectos e sen interrupcións.” O número 8 da rúa Real da Coruña albergaría, anos máis tarde, o célebre cine París.
Pero Sellier, sempre á vangarda, presentaría tan só uns días despois desta proxección inaugural tres películas ás que fai referencia a noticia publicada en La Correspondencia Gallega, que cambiarían a historia do cinema para sempre. Tratábase de Orzán, oleaxe, Praza de Mina e Fábrica de gas, filmadas na Coruña en maio de 1897. As máis antigas rodadas en España cunha cámara Lumière, por un operador alleo á casa francesa, que puideron ser datadas con fidelidade. O célebre fotógrafo convertíase deste xeito nun cineasta pioneiro.
Hoxe, 2 de xuño de 2022, cúmprense 125 anos dese momento histórico que marca o inicio do cine en España.
A partir de entón, Sellier rodaría novos filmes como O enterro do Xeneral Sánchez Bregua, Temporal en Riazor ou San Jorge, saída de misa, películas que exhibirá ante o público coruñés e coas que percorrerá outras localidades galegas. Lamentablemente, ningunha delas se conserva a día de hoxe.
O cineasta abandonou esta actividade no 1900 para adicarse en exclusiva á fotografía, profesión que exercerá ata o seu pasamento, acontencido na Coruña en 1922.
As fontes da información contida neste artigo son:
Castro de Paz, J. L e Folgar de la Calle, J. M (2013) Antes do cinematografista José Sellier en José Sellier en A Coruña: os comezos do cine español. Imprenta Provincial. Deputación da Coruña.
Castro de Paz, J. L e Folgar de la Calle, J. M . Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes , José Sellier, pionero cineasta gallego. Ligazón https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/jose-sellier-pionero-cineasta-gallego–0/html/ff8c0388-82b1-11df-acc7-002185ce6064_4.html consultada o 31/05/2022.
Real Academia de la Historia. José Sellier Loup. Ligazón https://dbe.rah.es/biografias/53449/jose-sellier-loup consultada o 31/05/2022.